La Unión, Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez

229

Hoxe presentamosvos en @migus un excelente traballo realizado por Xosé María López Fernández

La_Union.jpg


A memoria morre. Introducción
Atopámonos probablemente perante unha publicación extinta, da que só quedan algúns exemplares en mans de particulares, salvados do lume do 36, que gardan celosamente negando a súa existencia movidos cecais ao anonimato da súa posesión por retecías do pasado, frecuentes entre as familias implicadas na vida política de calquera vila pequena a comezos de século.
A isto cabe engadir a inexistencia na actualidade dun fondo local, que recolla, analice e conserve estas testemuñas escritas do pasado máis recente das Pontes de García Rodríguez.
Ademais ata o de agora, non existe ningún estudo acerca desta publicación e a obtención de exemplares orixinais para a elaboración do presente traballo, resultou complexa e ás veces desalentadora, tirando na maioría dos casos de exemplares fotocopiados, propiedade dalgunhas familias locais, que celosamente proporcionaron e da memoria dalgunhas persoas entrevistadas, que sen a súa colaboración este traballo non sería posíbel.
A verdade é que o futuro amósase incerto, se temos en conta que cada ano desaparecen persoas que viviron na época desta publicación, que poden aportar datos fundamentais para a recuperación de información referida á historia da mesma.
O nacemento dun medio. Apuntamentos históricos
O 1 de outubro de 1913 publícase o primeiro exemplar de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, de carácter quincenal coincidindo coas feiras que se celebran na vila os días 1 e 15 de cada mes.
O seu director é D. Julio Illade Rilo (Apéndice 10), farmacéutico local que na compaña de varios amigos inicia a elaboración desta publicación, na rebotica do seu establecemento sita na rúa Real nº 3, froito de longas xornadas de inverno nas que se trata de matar o tempo xogando ao tresillo e falando sobor de cuestións da vida política e social da vila. A partires do 15 de xaneiro de 1915 a redacción muda a súa dirección ao enderezo Carretera-Puentes (Apéndice 14), tal e como se pon de manifesto na cabeceira do nº 32.
A influencia política neste xornal está presente dende os seus inicios, encadrándose nunha liña monárquico conservadora, que se mantivo ata a desaparición do mesmo. Durante toda a súa traxectoria emprégase como vehículo de enfrontamento dialectal cos membros da corporación municipal do momento, e en especial co naquel entón alcalde liberal D. Benito Cabaleiro Piñón e o secretario municipal D. Andrés F. Corral.
Colaboran nos traballos de redacción os veciños D. José Varela, D. César Cal, D. Jesús Cabarcos Cal e D. Gerardo Fanego (párroco de Labrada) entre outros, salientando tamén as aportacións realizadas dende Cuba polos señores D. Francisco Penabad e D. Daniel Suárez.
Os traballos de impresión realízanse na Imprenta e Estación do diario El Correo Gallego de Ferrol, tal e como se referencia na derradeira páxina da publicación, despois da seizón Viajeros (Apéndice 6).
A suscripción, que aparece tamén na cabeceira do periódico establece diferentes tarifas en función do ámbito xeográfico e temporal, sendo de 50 céntimos por trimestre e de 2 pesetas por ano, para os suscriptores da vila e de 5 pesetas por ano, para os suscriptores no extranxeiro. A venda por número solto é de 10 céntimos (Apéndices 1, 2 e 3).
A distribución realízase mediante entrega a domicilio para os suscriptores locais, existindo tamén diferentes puntos de venda nos distintos comercios colaboradores, para a adquisición do número solto. Para a distribución no extranxeiro emprégase o servizo de correspondencia postal.
A data de clausura do periódico é descoñecida, debido á inexistencia de datos a cerca do derradeiro exemplar publicado. Situación que no caso de apareceren máis exemplares orixinais podería quedar esclarecida. Mais polo de agora continuamos arrastrando o lastre dos prexuizos políticos e persoais que impiden un estudo riguroso e obxectivo da publicación.
As dimensións. Estructura e forma
As dimensións da publicación, a falta de exemplares que indiquen algunha variación ao longo do tempo, son de 43,5 cm. de alto x 31 cm. de ancho.
Presenta en tódolos exemplares localizados o mesmo número de páxinas, catro en total, o que fai pensar que esta característica estivo presente ao longo de toda a vida do xornal.
A cabeceira da primeira páxina está integrada polo título, subtítulo, prezos de suscripción, condicións dos anuncios, dirección da redacción e administración, ano de edición, datas de publicación e número e data do exemplar, e ten unhas dimensións totais de 6,7 cm. de alto x 24,7 cm. de ancho.
A cabeceira da segunda, terceira e cuarta páxina, que contén o título abreviado da publicación presenta unhas dimensións de 1,8 cm. de alto x 24,7 cm. de ancho.
Cada páxina está formada por tres columnas, sendo as dimensións destas na primeira, de 35 cm. de alto x 8’5 cm. de ancho; na segunda e na terceira, de 36’5 cm. de alto x 8’5 cm. de ancho; e na cuarta de 3’8 cm. de alto x 8’5 cm. de ancho.
O espazo adicado á publicidade é de 28,6 cm. de alto x 3 columnas de 8,5 cm. de ancho cada unha, onde se estructuran os diferentes anuncios con altura variábel en función da súa extensión.
As zocas e o zoqueiro. O deseño
As ilustracións e os gravados pasan desapercibidos nesta publicación, debido fundamentalmente á escaseza de recursos gráficos na época, o que non impide a elaboración dunha caricaturización feita ao secretario municipal do momento D. Andrés F. Corral, por un autor semidescoñecido -pois aínda estando presente a sinatura do mesmo, resulta imposíbel transcribila debido á súa irregularidade ortográfica-, probablemente aficionado ao debuxo, que o representa como un labrego cunhas grandes zocas e un trade baixo o brazo -pois era zoqueiro de profesión- (Apéndice 7).
Esta caricatura repítese ao longo do tempo en varios números, acompañados na maioría dos casos por un pequeno poema en clave de humor relacionado con esta personalidade local ou inserida na seizón Despacho del otro mundo (Apéndice 1).
Unha ferramenta ideolóxica. Os contidos
A temática desta publicación é principalmente de carácter político local, ainda que tamén inclúe noticias sobor da actualidade política comarcal e provincial do momento, así como información de carácter social, cultural e comercial.
As seizóns dos exemplares recuperados varían ao longo do tempo, manténdose só as tituladas:
– Cartas abiertas (Apéndice 1): cartas remitidas á dirección da publicación dende Galiza ou dende a diáspora da emigración, ou ben dirixidas dende a dirección a diferentes personalidades da vida local e provincial.
– Necrología (Apéndice 5): artigos encomiásticos sobor dun veciño da vila ou da comarca, con motivo do seu pasamento.
– Recortes (Apéndice 4): artigos onde se presentan diálogos satíricos entre personalidades da vida política local.
– A orillas del Eume (Apéndice 4 ): compendios de noticias e sucesos acaecidos na vila das Pontes e na súa comarca.
– Viajeros (Apéndice 6): referencias das persoas que chegan á vila ou parten a diferentes destiños, así como das persoas que acoden a recibilas ou despedilas.
– Despacho del otro mundo (Apéndice 1): artigo en clave de humor, onde se simula unha correspondencia postal entre o alcalde D. Benito Cabaleiro Piñón e o secretario municipal D. Andrés F. Corral, co fin de satirizar as figuras destes persoeiros locais.
Tamén destacan outras tipoloxías de artigos que ainda variando o título ao longo dos anos, non mudan en demasía os seus contidos de carácter cultural e social. Así mesmo na derradeira columna de cada publicación e a continuación da seizón Viajeros, introdúcense aleatoriamente e sen título, acontecementos que teñen como protagonistas as xentes das Pontes e a súa comarca, anunciando os nacementos e enlaces matrimoniais que se van producindo.
O comercio local. A publicidade
Como xa sinalamos anteriormente a derradeira páxina da publicación ocúpana de xeito maioritario anuncios publicitarios dos comercios locais e comarcais do momento, que mediante textos curtos e concisos tratan de captar a atención do lector (Apéndices 8 e 9).
A continuación transcríbense os anuncios de carácter local, que máis se repiten nos exemplares localizados, facendo unha pequena referencia á súa tradición, que permite coñecer a situación do comercio local da época:
EL DESENGAÑO – ULTRAMARINOS DE José María Fernández López – Especialidad en chocolates elaborados a brazo – Carretera-Puentes (Apéndice 13):
Foi alcalde das Pontes entre os anos 1924 e 1926. O seu negocio formábano a fábrica de chocolates, un ultramarinos e unha funeraria, e era coñecido como Casa Castrelo. Estaba situado na Praza do Hospital, no lugar ocupado hoxe en día polo establecemento Multiprecio.
ULTRAMARINOS DE ANTONIO BLANCO ARIAS – VINOS Y COMIDAS – Campo de la Feria-Puentes (Apéndice 12):
Natural das Pontes, o seu negocio era coñecido como Casa Blanco, e estaba situado na actual Avda. de Castelao. Daba comidas os días de feira e vendían toda clase de artigos de alimentación.
EL EUME – FONDA Y ESTABLECIMIENTO DE ULTRAMARINOS DE Valentín López Corral – Real, 2-Puentes (Apéndice 11):
Natural das Pontes, o seu negocio estaba situado ao pé da primeira redacción do periódico, na rúa Real. Daba comidas e vendía productos de alimentación.
Relojería y Fotografía de JOSÉ MARÍA SOTO – Relojes de todas marcas, bisutería, representación de la compañía Singer, ventas a plazos y al contado – Crucero-Puentes (Apéndice 13):
Procedente da parroquia de Piñeiro – Xermade, foi alcalde das Pontes entre os anos 1923 e 1924. Foi o primeiro fotógrafo que houbo nas Pontes. O seu negocio era coñecido por Casa Soto e estaba situado na Praza do Hospital.
LA SALUD – Almacén de Ultramarinos – ARTÍCULOS COLONIALES – Café tostado superior de Jesús Cabarcos Cal – Crucero-Puentes:
Foi alcalde das Pontes entre os anos 1930 e 1931. O seu negocio era coñecido polo Almacén e estaba situado na Praza do Hospital, no lugar ocupado hoxe en día polos establecementos Gabeiras.
GRAN ESTABLECIMIENTO DE ULTRAMARINOS de Gonzalo Sánchez Méndez – ESPECIALIDAD EN VINOS DEL RIVERO – Calle del Crucero-Puentes:
Procedente do concello de Ribadeo, o seu negocio era coñecido como o Pazo -pois posuía tres entradas-, os días de feira alugaba habitacións ás persoas que frecuentaban a vila, que polo xeral chegaban un día antes da mesma e partían ao día seguinte.
COMERCIO DE TEJIDOS DE José Castro – Gran surtido en géneros de invierno y verano. Camisetas, calcetines, maletas y toda clase de calzado – Crucero-Puentes:
Procedente da parroquia pontesa do Freixo, foi alcalde das Pontes entre os anos 1926 e 1930. O seu negocio era coñecido como Casa Dolinda e estaba situado na actual Avda. da Coruña, nº1.
Imaxes dunha época. Apéndices
Apéndice 1. Primeira páxina do exemplar número 16 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de maio de 1914.

union_1.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 2. Primeira páxina do exemplar número 32 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de xaneiro de 1915.
union_2.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 3. Primeira páxina do exemplar número 35 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do luns 1 de marzo de 1915.
union_3.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 4. Terceira páxina do exemplar número 16 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de maio de 1914.
union_4.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 5. Artigo necrolóxico do exemplar número 16 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de maio de 1914.
union_5.jpg

Apéndice 6. Seizón Viajeros na cuarta páxina do exemplar número 16 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de maio de 1914.
union_6.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 7. Caricaturización e poema en clave humorístico no exemplar número 35 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do luns 1 de marzo de 1915.
union_7.jpg

Apéndice 8. Seizón publicitaria do exemplar número 32 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do venres 15 de xaneiro de 1915.
union_8.jpg
Ampliar imaxe

Apéndice 9. Seizón publicitaria do exemplar número 35 de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, do luns 1 de marzo de 1915.
union_9.jpg

Apéndice 10. No centro o director de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, D. Julio Illade Rilo, na compaña do seu fillo e da súa nora. Fotografía tomada en 1950, cedida por Foto Vila.
union_10.jpg

Apéndice 11. Primeira casa pola dereita: Farmacia Illade, redacción inicial de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, sita na rúa Real nº 3.
Segunda casa pola dereita: El Eume, fonda e establecemento de ultramarinos de Valentín López Corral, sita na rúa Real nº 2.
Fotografía tomada en 1921, cedida por María López Rivera.
union_11.jpg

Apéndice 12. Ultramarinos, viños e comidas de Antonio Blanco Arias, Casa Blanco, sito no Campo da Feira.
Fotografía tomada en 1950, cedida por Pilar Cabaleiro Blanco.
union_12.jpg

Apéndice 13. Primeira casa pola dereita: El desengaño, ultramarinos de José María Fernández López, Casa Castrelo, sito na Praza do Hospital.
Primeira casa pola esquerda: Reloxeiría de José María Soto, Casa Soto.
Fotografía tomada en 1938, cedida por María Vidal Río.
union_13.jpg

Apéndice 14. Primeira casa pola dereita: Farmacia Illade, segunda redacción de La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez, sita na Praza do Hospital.
Fotografía tomada en 1908, cedida por Foto Vila.
union_14.jpg

As pesquisas. Fontes consultadas
PERSOAIS:
CABALEIRO BLANCO, PILAR
LÓPEZ RIVERA, MARÍA
MEIZOSO CARBALLO, AQUILINO
PENABAD MOSTEIRO, JESÚS
SILVA BARRO, FRANCISCO
VARELA HYDE, ENRIQUE
VIDAL RÍO, MARÍA
VILA VIDAL, MANUEL
INSTITUCIONAIS:
Arquivo municipal das Pontes, Casa do Concello, As Pontes de García Rodríguez
Ateneo Ferrolán, rúa Magdalena nº 202-1º, Ferrol
Biblioteca municipal das Pontes, rúa Ramón Cabanillas, s/n
Hemeroteca do Correo Gallego, Polígono do Tambre – Via de la Cierva nº 11, Santiago de Compostela
Museo Etnográfico “ Monte Caxado “. As Pontes de García Rodríguez
Redacción do Correo Gallego, rúa Real nº 73-2º esq., Ferrol
DOCUMENTAIS:
CELEIRO ÁLVAREZ, LUIS. El Escolar, El Faro de Veiga e La Voz de Ortigueira. Dous xornáis escolares da primeira década do século XX e un xornal comarcal que aínda vive. Xunta de Galicia – Consellería da Presidencia e Administración Pública, 1989
CONCELLO DAS PONTES. Festas do Carme e A Fraga do 20 ao 25 de Xullo de 1990. Pontedeume: López Torre, 1990
RIVERA ROUCO, ENRIQUE. Historia de Puentes de García Rodríguez. Estudio sobre la historia de Puentes de García Rodríguez y su comarca. A Coruña: La Voz de Galicia, 1976
SANTOS GAYOSO, E. Historia de la prensa gallega. 2 v.Sada: Edicións do Castro, 1990-1995

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios