O prezo da electricidade

60

[La Voz de Galicia, FERNANDO BLANCO] Baixo a escusa do déficit tarifario, volve a subir o prezo da luz, cando nos últimos cinco anos xa tivo un incremento dun 60 %; mais nunca o Goberno explica como podemos ter unha das tarifas máis caras de Europa e non ser dabondo. A realidade é que temos un sistema eléctrico complexo e opaco que, por decisións políticas, é un caixón de xastre; onde hai toda unha serie de partidas que se trasladaron á tarifa cando deberían estar nos Orzamentos do Estado como calquera outra política industrial: moratoria nuclear, primas renovábeis, extrapeninsulares, só nestes tres capítulos falamos duns 10.000 millóns ao ano.


Esta medida permitiría ter unha tarifa eléctrica máis baixa e, ademais, sería máis xusta socialmente, pois os orzamentos dótanse das achegas -teoricamente progresivas- das rendas e, no modelo actual, cando se cobra vía tarifas estase penalizando ás rendas máis baixas.
Mais tamén habería que actuar nas fixación de prezos das diferentes tecnoloxías, dado que agora retribuíselle a todas por igual e sempre o valor da máis cara en cada banda horaria para satisfacer a demanda. No entanto, existe un diferencial de até o 600 % entre os custos dunha tecnoloxía a outra, non ten nada que ver producir con auga a facelo con gas, porén perciben o mesmo.
Asemade, hai que primar a quen mantén as instalacións de transformación enerxética, caso de Galiza, con montes e vales ocupados, o carbón esgotado, coas repercusións sociais e medioambientais que ocasionan, sen que isto significase ningún valor engadido para o noso país. Aínda máis, coa reforma do sector eléctrico preténdese que teñamos tarifas máis caras polo feito de termos impostos propios a esta actividade económica, favorecendo así a comunidades, como Madrid, totalmente deficitarias en produción. Por iso, a reivindicación dunha tarifa eléctrica galega, máis baixa, é de total xustiza; tanto para beneficio da nosa poboación como para impulsar o tecido industrial. Se na actual tarifa xa facemos unha achega solidaria para sufragar os custos extrapeninsulares (1.800 millóns este ano) tamén debe existir unha discriminación positiva para que en Galiza saquemos proveito da nosa especialización.
Fernando Blanco é exdeputado do BNG.

También podría gustarte
Comentarios