Patrimonio Industrial

Artigo de opinión enviado por Xosé-Bieito Coello

140

Gustaríame en primeiro lugar darlle os parabéns ó Concello de As Pontes por apoiar a organización neste pobo do VII Congreso TICCIH España, “Patrimonio Industrial, Repercusiones Ambientales y Estrategias de Regeneración Territorial”, e sobre todo ós verdadeiros organizadores do evento, que  fundamentalmente, co seu traballo altruísta, aparte de dar a coñecer esta Vila, tratan de sensibilizar á xente, non só da localidade, do importante patrimonio industrial que temos, e as enormes posibilidades turísticas e económicas que xeraría si este patrimonio se puxera en valor.

O contraditorio é, que mentres se fai este interesantísimo Congreso, estase a destruír parte do noso patrimonio industrial, e sobre todo por parte do Concello e tamén de outras institucións, na práctica, non se fai case nada por conservalo.

É certo que algunhas persoas, xa dende fai moito tempo, teñen feito un esforzo por valorizar este patrimonio, e a comparecencia en As Pontes de responsables de actuacións en minas semellantes de Francia e Alemaña e as viaxes de algúns representantes locais para ver actuacións en minas parecidas á nosa, serviron para concienciar sobre este tema, e contribuíron a que polo menos o lago e a escombreira, estén, dende o punto de vista medioambiental, nunhas boas condicións, debido na maior parte o bo traballo de algunha xente de Endesa.

Non acontece o mesmo co patrimonio industrial da mina, onde prácticamente está desaparecendo todo para chatarra, so queda unha rotopala, e veremos o que pasa con ela. As apiladoras, máquinas, e tódolos restos industriais da mina, xa só se poden ver en fotos ou vídeos. E isto non ven de agora, pois xa foi unha pena que se destruíra a Central de 32 MW, que noutros lugares como Lisboa ou Ponferrada se mantén como museo, ou o edificio das oficinas centrais que podería ter múltiples usos, chegando ó extremo de que unha locomotora do tren de Calvo Sotelo de As Pontes, luce espléndida no museo de Ponferrada. Veremos tamén que pasa con un dos poboados industriais máis importantes de España, como é o Poboado das Veigas, antigo Calvo Sotelo.

Como remate, o Congreso estase desenrolando moi ben, e polo menos, a ver si o goberno do Concello toma boa nota e pon na práctica algunha das conclusións que se obteñan. En principio sería interesante que tivera coñecemento da lei sobre a conservación do patrimonio industrial da Xunta de Galicia, que oportunamente se expuxo neste Congreso, e que é moi progresista. O lamentable é, que como moitas outras leis, non se aplica, do que tamén é directamente culpable o propio goberno autonómico. Cumprindo esta lei, penso que non se podería facer a desfeita do patrimonio industrial que se está a executar neste Concello.

Asinado: Xosé-Bieito Coello Coello

También podría gustarte
Comentarios