As Pontes

XI XUNTANZA DE VECIÑOS DA PARROQUIA DE VILAVELLA

Este sábado, 26 de agosto, celebrouse á carón da igrexa da Vilavella a undécima edición da xuntanza dos veciños desta antiga e populosa parroquia pontesa, día ó que se achegaron unhas cento sesenta persoas.

738

Este sábado, 26 de agosto, celebrouse á carón da igrexa da Vilavella a undécima edición da xuntanza dos veciños desta antiga e populosa parroquia pontesa, día ó que se achegaron unhas cento sesenta persoas. Cumprindo a tradición, a misa foi na honra de Santa María e Santo André, xa que antigamente esta parroquia era coñecida como Santo André do Bosque e hoxe como Santa María de Vilavella. O grupo tradicional Canavella e os dúos Suso (As Pontes) e Vivarium (nome antigo de Viveiro) amenizaron coa súa música esta décimo primeira xuntanza dos veciños dunha das parroquias máis antigas e noutros tempos unha das máis poboadas do concello de As Pontes, de aí o seu nome de Vilavella “vila antiga”.

BREVE HISTORIA DE VILAVELLA

A parroquia da Vilavella, duns 31 km2 e actualmente con 175 habitantes, repartidos nas aldeas e lugares de Saa (89), Vila (28), Maciñeira (16), As Farrapas (6), Reboredo (8), Os Alimpadoiros (6), A Carballeira (6), O Vidueiro (4), O Castelo (3), Cheiván (3), Penapurreira (3) e Rámez (3).

Foi unha das freguesías que máis sufriu a desaparición do seu territorio e das súas aldeas, debido á explotación da mina de carbón, como O Acivido, Almigonde, A Barosa, Carracedo, A Cartilida, O Casal da Boa, A Casa Longa, O Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, Os Mouros, O Outeiro, A Palloza, A Parrocha, A Picheira, A Ponte da Pedra, O Portorroibo, O Ribeirón, O Vilar e a maior parte da propia aldea de Vilavella-Igrexa, lugar que hoxe está deshabitado e do que só se conserva a igrexa, o cemiterio e varias casas restauradas sen ningún uso.

Na Vilavella atopáronse vestixios dos primeiros asentamentos humanos, como un vaso campaniforme (6000 e 2800 a.C.) e un torques de ouro. Tamén existen mámoas, moitas delas desaparecidas, así como un castro con tres muros paralelos de protección que estaba no lugar do Castro da Uz.

A igrexa parroquial é de construción orixinaria do século XIII, sendo a súa fachada do XVIII. No seu interior conserva un retablo barroco (s. XVIII) e unhas imaxes talladas entre os séculos XV e XVII.

Segundo o dicionario Madoz, en 1845 a parroquia da Vilavella contaba con 127 veciños e 630 habitantes, que gozaban dun clima benigno e saudable, repartidos nos lugares de Acebido, Maciñeira, Meidelo, Monte, Mouros, Sá e Vilabella. A súa igrexa parroquial estaba servida por un cura de entrada e padroado real e eclesiástico.

As súas festas celebrábanse de moi antigo a finais de agosto na honra a Santo André, pois antigamente esta parroquia era coñecida como Santo André do Bosque.

As Pontes, 27 de agosto 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Comentarios