As Pontes

Nota de prensa BNG: O Monte Caxado como símbolo

Artigo de opiniòn enviado pola Asemblea Local do BNG das Pontes

230

O peche do Colexio Monte Caxado é un reflexo directo das políticas de recorte nos servizos públicos de Feixóo e do Partido Popular, que xa afectaron ao noso Concello, tanto no ámbito sanitario como no educativo, e cuns orzamentos da Xunta onde nunca aparece un investimento para As Pontes.
Mais tamén é consecuencia da situación actual da nosa vila, cun “goberno” municipal e un alcalde instalados no triunfalismo e que negan, unha e outra vez, a realidade socioeconómica.

Dende que “goberna” nas Pontes o PSOE, xa hai 10 anos, tivemos unha perda de 1.100 habitantes -sobre todo xente moza-, unha caída de afiliación á seguridade social do 30% – pasando de 5.485 cotizantes a 3.874-, no padrón de Actividades Económicas -que recolle ás empresas, bares, comercios, etc.- perdemos un 42% (das 870 no ano 2007 ás 499 da actualidade), e temos menos porcentaxe de poboación en idade escolar que a maioría dos concellos da Comarca, supérannos (en porcentaxe) concellos como Ares, Cabanas, A Capela, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Pontedeume e Valdoviño.

Política Industrial

Dende hai moitos anos As Pontes é unha vila industrial que convive con outras actividades económicas, pero que, dende a época da Calvo Sotelo e despois con Endesa, ten na industria o seu motor e a xeración de emprego directo e indirecto; por iso, todos os gobernos municipais das Pontes, procuraron darlle pulo á actividade industrial: creando e ampliando un polígono industrial (os Airíos), aportando axudas á creación de emprego, promovendo novos servizos, etc.

Coa chegada do PSOE ao Concello, ademais de mentir coa promesa da creación de 1.500 postos de traballo, anunciaron a creación dun Parque Tecnolóxico (?), e o que en realidade fixeron foi comprar unha serie de fincas dispersas que nos costaron uns 2 millóns de euros e que pagaron aos propietarios de xeito moi desigual; alí rematou o seu esforzo, nin hai Parque Tecnolóxico nin o Concello ten unha propiedade de terreos unidos que permita poder desenvolver algo no futuro; tamén falaron dun polígono industrial no Aparral, pero só falaron. Denominámonos como vila industrial e non temos solo industrial (só unha parcela de 11.000 m2), e iso é pola irresponsabilidade deste “goberno” municipal.

Despois desta frustrada experiencia, o alcalde, Valentín González Formoso, debeu comprender que a creación de emprego e o asentamento de industrias é algo moi complexo, que leva un esforzo que non se vende electoralmente, por iso dedicouse a outro tipo de políticas.

No haber do alcalde e o seu grupo de “goberno” hai dous grandes “méritos” máis: son o
único goberno municipal que asinou un convenio con Endesa sen conseguir cartos para 2 o Concello, só negociaron a entrega de propiedades xa en desuso; e é un insulto á intelixencia escoitar á Teniente de Alcalde defender que eses “activos” valen 75 millóns de euros.

O outro gran “logro” foi non conseguir nin un só euro para infraestruturas do Plan do Carbón 2006-2012: somos o único Concello mineiro do estado que chegou a este esperpento, e iso que tiñamos asignados 54 millóns e que unha parte importante do tempo deste Plan coincidiu cun goberno socialista no estado, ese co que Valentín tantas fotos exhibía; nese tempo, e co mesmo Plan, o goberno socialista do Concello de Cerceda conseguiu diferentes obras, entre outras, un Museo da Minaría, un Xeriátrico xa en funcionamento, un Albergue, ampliación do Polígono Industrial, un viveiro de empresas, etc.

As políticas de Valentín e o PSOE

Así as cousas, e logo de dez anos de “gobernos” de Valentín, é fácil definir as súas políticas, basicamente actúa en tres cousas: Publicidade: Incrementou en máis dun 1.000% os gastos en publicidade, e iso que temos medios locais municipais: tv, radio, web, periódico do Concello (perdón, do PSOE); pero calquera desculpa é boa para pagar páxinas de periódicos, a toda páxina, de media páxina, a cor, en diferentes xornais, mesmo nalgúns de escasa lectura nas Pontes, nalgunha canle televisiva ou de radio, etc.; chéganse a anunciar actos só de ámbito local en páxinas para toda Galiza; deuse o caso dalgún acto solidario para recadar cartos no que os gastos en publicidade duplicaron o finalmente recadado: tería sido mellor non gastar neses anuncios e empregar eses cartos na causa solidaria.

Pero detrás desta desbocada publicidade, que converteu ao Concello das Pontes nun dos mellores clientes dos medios de comunicación, moi superior ao de Concellos con máis habitantes e máis capacidade económica, o que realmente se agocha, ademais do ninguneo á oposición, é a promoción individual de Valentín González Formoso, para que teña o mellor tratamento na prensa, facer del un gran político, aínda que en todas as entrevistas só responda con xeneralidades e lugares comúns, sen que se lle coñeza ningunha achega ou proposta política concreta. Ningún medio, e menos nos tempos de corren, está disposto a perder tan xeneroso cliente que, por suposto, pagamos toda a veciñanza das Pontes.

Subvencións: Este é o segundo piar da súa política, subvencionar todo tipo de actividades, a ser posible de ocio, dá igual se as persoas que reciben esa subvención para unha actividade lúdica teñen ingresos regulares e superiores á media, o caso é que saiban da “xenerosidade” do Concello e, iso si, que tamén sexan receptivos cando reciben á chamada dende o grupo do PSOE para participar nos actos que lles interese.

O obxectivo da subvención é a dependencia, tamén electoral, do Concello, procurando eliminar calquera actividade que non controle o propio Concello.

Festas varias: E para pechar o círculo, procurar que sexamos o pobo das festas e festexos varios, que non falte de que desfrutar, non vaia ser que o persoal se aburra; somos o pobo das carpas festivas, póñense as que fagan falta, mesmo para eventos que non son do Concello; hai que trasladar unha imaxe de felicidade, da igual que se nos vaia 3 a xente moza por falta de oportunidades laborais.

E só con estas tres actuacións (Publicidade, Subvencións e Festas) está ocupado todo o grupo de “goberno” municipal; tanto que nesta lexislatura decidiron poñerlle salario a cinco concelleiros/as e a dous asesores, sete salarios para políticos do PSOE (máis de 250.000 euros ao ano¡¡¡) nun pobo de pouco máis de 10.000 habitantes, caso único na Galiza; e terían sido tres salarios máis se os grupos de oposición aceptasen a proposta de Valentín de darlle un a cada grupo e que, a pesar de ter persoas en situación de paro, por dignidade non aceptaron; pero hai que recoñecerlle a Valentín a súa xenerosidade cos cartos públicos.

Que gaña e que perde a poboación

As vitorias electorais do PSOE nas Pontes son incuestionables; como din eles, gozamos dunha grande estabilidade, ou, en palabras do propio Valentín nunha recente entrevista coa desculpa das festas do Carme: “El pueblo ha dado un estirón”.

Non é o caso das Pontes único na política, por desgraza hai varios exemplos, e por poñer un moi claro temos o da provincia de Ourense, que rexistra en todos os índices socio- económicos unha das peores clasificacións do estado, porén a familia Baltar acada, un tras outro, éxitos electorais. E non é moi distinto do que fai Baltar en Ourense ao que fai Valentín nas Pontes.

Mais á poboación isto cústanos e moi caro, hai unha perda patrimonial evidente, calquera que teña unha propiedade está perdendo cartos (aínda que nos suban a contribución); sempre os pobos que están en caída deprécianse.

Pobo industrial ou pobo de ocio

No BNG non gustamos da demagogia, sabemos que a política industrial non depende só do que faga o Concello, mais tamén é certo que pode facer cousas, aínda que non dea votos como as subvencións e as festas.

As Pontes hoxe carece de solo industrial e non realiza actividade seria algunha (non propagandística) de promoción e captación de empresas; algo que fixeron outros grupos municipais, de diferentes opcións políticas, cando gobernaron.

Non hai tanto tempo aquí creábase emprego; poderíamos lembrar as visitas para coñecer a política industrial nas Pontes, que non era responsabilidade nin mérito exclusivo do Concello; por aquí pasou unha delegación de alcaldías e a Deputación de Córdoba, tamén estivo o Comisario Europeo de Política Rexional, Michel Barnier, que actualmente é o responsábel da negociación do Brexit en representación da Unión Europea, entre outras visitas que se interesaban polo desenvolvemento industrial das Pontes.

Os tempos son complexos, pero iso non pode ser a desculpa, mais ben todo o contrario; agora imos ter dous anos con obras importantes en Endesa, o que deberíase aproveitar, mais temémonos que coa felicidade e o papanatismo que rodea ao grupo municipal do PSOE sexa un tempo perdido.

O que xa non ten perdón ningún é levar o pobo ao avellentamento, por falta de oportunidades para a xente moza, e non traballar tampouco algunha mellora nos servizos sociais: cada vez que o BNG fala da necesidade de conseguir unha Residencia Xeriátrica Pública recibimos a resposta indirecta na prensa de que están mirando diferentes edificios, mesmo algún de Endesa que, sorprendentemente, non está no cedido no último Convenio con esa empresa; mais o tempo pasa e nunca se concreta en nada. Na realidade, a única dotación nova realizada nos dez anos de “goberno” de Valentín será o circuíto de karts.

Por iso, a desaparición do Monte Caxado -sen entrar neste artigo sobre do tema- é un símbolo significativo do camiño errado polo que o PSOE está a levar ao pobo; e non é por falta de cartos, mais ben por comodidade, por ausencia de compromiso, por irresponsabilidade e, tamén, pola súa maioría.

También podría gustarte
Comentarios