As Pontes

Nota de prensa XPAP: En Marea esixirá na Xunta melloras no centro de saúde de As Pontes

Esta mañá achegouse ata a nosa vila a vicepresidenta segunda do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, para falar das deficiencias e necesidades do centro de saúde de As Pontes.

58

Na xuntanza que mantivo con varios membros desta plataforma, denunciouse o alarmante nivel de deterioro do noso centro e a situación intolerable que se está a producir. Incremento das listas de agarda, falla de reposición de baixas e vacacións do persoal, deficiencias na atención a domicilio, falla de medios técnicos precisos para garantir unha correcta atención ou as graves humidades son algunhas das cuestións denunciadas por En Marea e Xunt@s por As Pontes.

Esta denuncia foi xa presentada polo grupo municipal de Xunt@s por As Pontes no pleno do Concello obtendo como resposta por parte do Goberno municipal que falaría con Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, para lle trasladar o problema pero nada se sabe desta xestión prometida polo goberno local. Unha situación que provocou xa a mobilización dos veciños e veciñas que reclaman unha solución urxente para a situación do centro de saúde.

A deputada de En Marea, Eva Solla, pola súa banda asegurou que “non é de recibo” que non se estean a cubrir as vacacións e baixas dos profesionais médicos, o que provocou situacións intolerables como as vividas o pasado verán con listas de agarda de ata 20 días para unha consulta ordinaria. Tamén destacou outras deficiencias nas instalacións, xa que presentan humidades. A Xunta comprometeuse a arranxar a cuberta do centro de saúde, pero a realidade é que a día de hoxe nada se sabe e non existe ningunha partida nos Orzamentos para esta obra. Mentres tanto os usuarios e usuarias e o persoal do centro ten que continuar a padecer as importantes goteiras que se suceden nos días de choiva en distintas zonas do centro.

Outra das reivindicacións históricas da veciñanza, que subliñou Eva Solla, foi a referida á necesidade de dotar ao centro dunha máquina de Raios X que evite os continuos desprazamentos ás urxencias de Ferrol e a lista de agarda nas consultas.

O centro de día foi outro dos temas tratados na xuntanza que como explicaron “incomprensiblemente” están sen cubrir todas as prazas pese a existir lista de agarda. O centro de día ten unha capacidade de 30 prazas, das que só sairon a licitación 16. A deputada de En Marea anunciou que preguntará tamén no Parlamento de Galicia por esta cuestión co fin de saber porque se está a dar esta contradición.

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios