Nota de prensa XPAP: XUNT@S POR AS PONTES ABSTENSE NAS OBRAS DO POS+2018

Onte, 19 de decembro, celebrouse o Pleno Extraordinario Urxente para a aprobación das obras incluídas no POS+ 2018, unha subvención concedida pola Deputación da Coruña aos Concellos para a inversión en obras e servizos.

192

Extraordinario e Urxente por rematar o prazo para a solicitude hoxe, 20 de decembro. Pleno marcado pola ausencia do Alcalde, pese a dicir nos medios que para él o importante é o municipio.

A nosa posición foi a abstención, en base aos seguintes motivos:

1.- O POS+ é un plan que atenta contra as políticas de igualdade, ao non conter nas bases alusións a cuestión de xénero e ao non obrigar aos Concellos a xustificar inversión nas liñas suprimidas anteriores.

2.- Non se coñecen os criterios que se seguen para a adxudicación dos proxectos aos arquitectos e arquitectas nin o custe de cada un dos proxectos. Preguntamos e non obtivemos unha resposta clara.

3.- Non son proxectos consensuados cos grupos municipais. Só se nos convocou á comisión informativa obrigatoria previa ao pleno, 5 días antes de que rematase o prazo para solicitar o POS. Non se nos deu oportunidade de facer ningunha aportación.

4.- Se nos preguntaran, diríamos que hai que priorizar os servizos básicos á veciñanza por riba de calquera outra obra. Por exemplo: instalación do saneamento e auga en Espiñaredo. Foi unha das propostas que levaban os socialistas no seu programa nas eleccións do 2007. Dende entón, en Espiñaredo agardan pola realización da obra. Estamos no 2017, a finais, e nada se sabe.

5.-Se nos preguntaran, diríamos que hai que priorizar a reparación das infraestructuras existentes e que se empregan a cotío por centos de persoas. Por exemplo: a reparación da cuberta do Polideportivo da Fraga. Hai pingueiras. Esas son as condicións que padecen as usuarias cada día e é a imaxe que levan do noso concello as numerosas equipas que veñen ás competicións.

6.- Se nos preguntaran, diríamos que hai que priorizar a inversión nos polígonos en infraestructuras e en servizos para atraer e fixar empresas na nosa localidade.

Resumindo, algunhas obras son beneficiosas para a nosa localidade, como a reparación de estradas e o saneamento no rural, as melloras na Escola Infantil A Barosa ou a remodelación da Praza da Magdalena, obras que recibiron os nosos parabéns.
Pero sexamos realistas, para fixar poboación no rural non abonda con amañar as pistas, é preciso crear unhas condicións de habitabilidade que animen á xente a vivir nel: melloras no sistema eléctrico, nas conexións a internet e funcionamento da telefonía, na dotación de servizos básicos para a vida cotiá. De igual xeito na zona urbana. Estamos vendo, impotentes, cómo cada mes pecha un comercio, cómo cada mes saen ríos de xente moza para o estranxeiro. O determinante é que se xeren as condicións económicas e sociais para que a xente poida desenvolver na nosa localidade os seus proxectos de vida. As inversións do POS deben ir orientadas a cumprir estas finalidades. E iso non se consegue con adoquíns.

(Información máis ao detalle na nosa web xuntosporaspontes.com)

También podría gustarte
Comentarios