VII SAN SILVESTRE PONTESA 2017

Os vencedores absolutos foron Juan Rejas e Belén Nieto

1.105

Este domingo á mañá levouse a cabo nas inmediacións do Colexio Santa María a xa tradicional San Silvestre pontesa, algo mermada pola mala climatoloxía, pero con moito éxito, coma tódolos anos.

O evento estivo amenizado por Xalo Maira, e organizado polo Clube Atletismo Olympo e a Federación Galega, coa colaboración do Concello de As Pontes, e o patrocinio de Matojoma.

Na proba absoluta masculina resultou vencedor Juan Rejas (Atletismo Fene), e nun apretado sprint polo segundo posto entre dous atletas ponteses o eterno Minecho (Olympo) impúxose a Esteban Díaz (Trieume).

Na proba absoluta feminina a gañadora foi Belén Nieto (Noitebra), que chegou á meta acompañada polo seu marido, o polifacético Simón Cabarcos, acompañada no podio polas locais Laura Cabarcos (Náutico Narón) e Uxía Pico.

No resto de categorías, Carlos Fernández (Olympo) e Paula López (Atletismo Narón) foron os gañadores en Xuvenil Sub18.

Mentres, no Cadete sub16 o vencedor foi Hugo Blanco (Instituto), e nas rapazas Natalia López (Ría Ferrol), seguida de Celia Durán (Olympo) e Sara Ferrer (Cavelanz).

Na proba Infantil sub14 venceu Hugo Serantes, e tamén Marta Ventura, seguida de Lara Ríos, ámbolos tres de Narón.

Na categoría Alevín Sub12 as medallas quedaron na casa co triunfo de Destaw Pellón (Olympo), acompañado por Antonio Graña (Olympo) e Diego Lozano, mentres que nas cativas gañou Noa Souto (Atletismo Narón), acompañada de Alba Pena (Atletismo Narón) e Antía Otero.

Por último, na categoría Benxamín Sub10 tamén houbo triplete locatario coa vitoria de Xandre Domínguez (Olympo), seguido de Lucas Blanco (A Fraga), e David Maseda (Trieume). Noa Ardao foi a triunfadora feminina, acompañada por Aitana López.

Tamén, coma cada ano, houbo premios para os mellores disfraces. En infantil conseguiuno a boneca de neve Aroa Domínguez, mentres que en Adulto foi Gonzalo Pena Balseiro co seu disfrace de Forrest Gump. Na categoría de Grupo lograron o primeiro premio as galletiñas do Nadal (Chema-Bea-Erick-Álvaro). Recibiron agasallos de Don Dino, Opticalia Callao e Galiorient.

Ó remate da proba houbo chocolatada para todos os participantes, e entregouse ós tres primeiros clasificados de cada categoría unha medalla e uns manteigados xentileza da Panadería San José.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios