As Pontes

PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES-CSD ARZÚA

O As Pontes necesita gañar este domingo ó terceiro clasificado Arzúa

54

O As Pontes inicia este domingo o 2018 coa derradeira xornada da primeira volta, na que recibe ó Arzúa. O equipo pontés non competiu durante este parón de Nadal, pero si o fixeron os seus rivais, non saíndo moi damnificado.

O equipo azul continúa na cuarta praza, que lle da moral, dado que sigue nos teóricos postos de promoción, debido ás inesperadas derrotas do Castro ante o Betanzos e o Ribadeo ante un sorprendente San Tirso.

Pola parte alta, empatou o líder Paiosaco ante un Xallas ó alza, e o Polvorín en Boimorto, polo que os dous primeiros só sumaron un punto máis. Do lado negativo, o rival máis directo, o Arzúa, gañou 2-3 ó Sofán, co que aventaxa en seis puntos ós azuis.

Así as cousas, lidera a táboa o Paiosaco con 41 puntos, seguido de Polvorín con 38 e Arzúa con 37. Xa moi descolgados, As Pontes 31, Castro 30, Ribadeo 29, Dubra e Arteixo 28.

Capítulo negativo tamén son as baixas no cadro pontés. Á marcha de Jaime Leira, súmase a de Diego Chis, que abandona o equipo pontés a media tempada por segunda vez.

O cadro de Marco Roca ten moi bo plantel, pero afrontará unha segunda volta que remata a finais de Maio moi xustiño, con 17 xogadores máis ou menos habituais, se incluimos a Maroñas que só puio disputar o segundo tempo ante o Ordes, máis Jandro que apenas xogou dez minutos, e Troncho que aínda non debutou. Non se descarta algunha fichaxe estes días.

O modesto equipo de Arzúa perdeu a moitos xogadores da campaña pasada, na que acabou noveno, e fichou sobre todo a varios futbolistas que remataban ciclo xuvenil, e ao defensa Rucho, do Castro.

Plantel confeccionado para manterse, pero que está a realizar unha campaña magnífica, dado que marcha terceiro a só un punto do Polvorín e catro do Paiosaco. Iván García suma dez goles, o segundo máximo goleador da categoría, e Diego Enjamio seis.

Ó As Pontes non lle queda outra que gañar si ou si este domingo ante o cadro arzuano nun trascendental encontro no que se fai un chamamento a socios e afeccionados para que acudan ó Campo do Poboado.

PREFERENTE
CD AS PONTES-CSD ARZÚA (DOMINGO 7, 16:30)
Manuel Ángel Rodríguez Barreira (Vigo)

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios