LEMBRANDO A JOSE RAMÓN CORRAL BUSTABAD

Este mércores cúmprense dez anos da morte de Jose Ramón Corral Bustabad.

1.650

Este mércores 31 de Xaneiro cúmprense dez anos da morte do gran Jose Ramón Corral Bustabad. Corral naceu en As Pontes en 1973, e tras probar en varios deportes, finalmente decantouse polo piragüismo, chegando a ser un grande do deporte pontés.

Ademais de no Grupo Xuvenil, onde pasou a maioría dos seus anos deportivos, competiu tamén no Firrete de Pontedeume e nas Torres Romaría Vikinga de Catoira.

Logrou tres ouros nos Campionatos de España Júnior en 1991, e unha vez retomada a súa carreira piraguística tras rematar os seus estudos universitarios, pasouse ás distancias máis longas e sufridas do Maratón, gañando a Copa de España en Arousa en 1996 e o Campionato de España en Ribadesella en 1998. Na súa carreira foi ademais oito veces campión galego.

Tamén acudiu Jose Ramón a tres Mundiais de Maratón coa Selección Española, Suecia 1996 (19º), Sudáfrica 1998 (18º), e xa alcanzando o evento un carácter anual, estivo en Hungría 1999 (17º). Tamén participou en dúas Copas do Mundo, Francia 1998 (13º) e República Checa 1999 (14º). Foi elixido mellor deportista pontés en 1990 e 1998, sendo finalista nas edicións de 1996 e 1999.

Pero sen dúbida o seu triunfo máis sonado foi a vitoria no prestixioso Descenso do Sella, en 1996, proba na que tamén foi segundo en 1999. Nese 10 de Agosto quedara nin máis nin menos que por diante de Julio Martínez (segundo), once veces gañador da proba en K2, o que máis, e Juan Ramón González (terceiro), gañador en 1990, 1991, e 1992.

Neste aspecto, prestixiosos medios a nivel autonómico e estatal sempre consideraron a Jose Ramón como o único galego gañador do Sella en K1 Sénior, pero tras investigar un pouco descubrimos que o primeiro realmente fora Luis Gregorio Ramos Misioné en 1973, sendo ambos os únicos galegos en facelo.
Iso non resta méritos ó logro de Corral, máis ben ó contrario, pois o piragüista lucense fora subcampión olímpico en Montreal 1976 e bronce en Moscú 1980, ademais de Campión do Mundo en Yugoslavia 1975 e gañador de oito medallas mundialistas.

Corral, que faleceu vítima dun desgrazado accidente de tráfico, tiña 34 anos e traballaba de Policía Local na Coruña. Seguía competindo, e era tal a súa paixón por este deporte que era adestrador e incluso profesor de adestradores de piragüismo.

Tralo seu falecemento, o Concello de As Pontes púxolle o seu nome ás instalacións do Encoro da Ribeira, e o Consello Superior de Deportes español outorgoulle a medalla de bronce á Real Orde do Mérito Deportivo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios