PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 3 – ATLÉTICO ARTEIXO 1

Tres puntos moi importantes do As Pontes ante un rival directo nun encontro no que o Arteixo acabou con tres xogadores menos no desconto

431

Moi valiosa vitoria do equipo pontés esta tarde no Campo do Poboado por 3 goles a 1 ante o Arteixo dirixido por Mauro García Juncal; moañés que xogara en Primeira División co histórico Compostela e co Rayo Vallecano; equipo coruñés que chegara a ser colista ata remontar e situarse nunha boa quinta praza.

Marchou ó descanso o cadro local con 2-0 e o marcador aínda podía ser máis amplio. Tras unha xogada de estratexia, cabeceou ó fondo das mallas Adrián Maroñas un balón colgado por Bossa (6´), e o propio xogador de Viveiro, nunha falta ó borde da área, coa súa mestría, colocou o balón moi axustado ó pau, a onde non puido chegar Jose (30´).

Tamén resaltar tres ocasións de Dani, que hoxe actuou de medio centro, un dispara moi preto do poste (3´), un tiro moi desviado (41´), e unha acción na que, tras pase de Quique, queda só, quere asegurar pasándolle o balón a Iglesias, que marca, pero en fora de xogo (12´).

Tamén a tivo moi boa Quique, que no lateral da área recurtou a un defensa, prantouse ante Jose e o seu disparo cruzado marchou a rentes do pau (14´). A única aproximación visitante foi nunha xogada na que a pesar de ser cesión dubidosa de Alex, Paco arriscou collendo o balón en lugar de despexalo, e tralo libre indirecto dentro da área o balón milagreiramente non acabou en gol (23´).

No segundo tempo semellaba que chegaba a sentencia nunha xogada na que Iglesias regatea ó porteiro, colga o balón, e, coa porta baleira, no empeño de Dapo por chegar antes ó balón que Quique, o xogador que fora do xuvenil pontés en División de Honra acaba cabeceando o esférico cara á súa propia portería (51´).

Quédase só con campo por diante Quique, que acaba rematando algo escorado, despexando Jose cos pes (66´). Tras presión de Iglesias, acaba perdendo o balón Dapo, e cédello moi ben Quique a Troncho, que dispara moi desviado (77´).

Nunha das poucas ocasións visitantes, tras córner, cabecea moi ben o recén incorporado Otero, que manda o balón ó fondo das mallas e recurta distancias co seu undécimo tanto da campaña (81´).

Cando todo semellaba rematado, nun partido de guante blanco, xa no desconto, viu dúas amarelas consecutivas Otero (91´), a continuación, outras dúas Dani Bea (92´), e vermella directa o porteiro Jose (93´), tendo que xogar os últimos segundos Dapo baixo paus.

O As Pontes é terceiro con 49 puntos, antes de visitar ó Boimorto, mentres o Arteixo queda cos 45 que tiña, antes de recibir ó Xallas. Foi convocado para este encontro o xuvenil de primeiro ano Chema, debutou Toni, e tras dous empates na Terceira, segundo triunfo pontés en Prefente tralo 3-0 na 2005-06.

*No partido ante o Castro comentamos que retornaban ó Poboado os ex xogadores azuis Iván González e Diego Núñez, e por despiste obviamos que quen tamén o fixo foi o lateral dereito Fernando, que estivera no conxunto pontés na 2011-12.

3 CD As Pontes. Paco, Maroñas, Alex (Jandro 88´), Rego, Dani, Martínez (Toni 70´), Ramos, Bossa, Iglesias, Quique, Troncho (Pardo 84´).

1 Atlético Arteixo. Jose, Isi, Gabri, Mauro (Diego 73´), Geri (Naya 58´), Nano, Dapo, Castro, Manjarín (Otero 66´), Javucho (Santi 37´), Dani Bea.

Goles: 1-0, Maroñas (6´), 2-0, Bossa (30´), 3-0, Dapo, pp (51´), 3-1, Otero (81´).

Árbitro: Xesús Fontes Mosqueira (Santiago). Auxiliado nas bandas por Refojo Ferreiros e Queija Pérez. Amarelas a Bossa, Toni, e Mauro, Gabri, Dapo, Castro, Javucho e Santi. Expulsou por doble amonestación a Otero (91´), a Dani Bea (92´), e con vermella directa a Jose (93´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores en tarde encapotada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios