Nesta quinta edición de Percu-Són contaremos de novo con Ignacio Sanz, profesor de percusión do Conservatorio.
O horario será de 10 a 13 horas.

Ignacio Sanz Santás
Realiza os seus estudos de percusión no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, finalizando co Concerto de Fin de Carreira, no que obtén Matrícula de Honra. Completa a sua formación no C. E. Neopercusión (Madrid) e con numerosos cursos impartidos por profesores como She-e-wu, M. Bernat, P. Spiesser, J. Rubio, F. Palacios, M. Wither, A. Morales e E. Muñoz. Durante o presente ano asistiu ó curso de interpretación da Universidade de Alcalá de Henares impartido polo prestixioso profesor J. Guillem.

Becario da Escola de Altos Estudios Musicais, colaborou con agrupacións como a EPO da OSG, a Orquestra de Cámara Galega e Coruña Ensemle Instrumental. Ten gravacións co Ensemble Contemporáneo, Agrupación Follas Novas e Coruña Ensemble Instrumental. En decembro de 2006 grava o seu primeiro disco como solista ao obter o terceiro posto nos Premios á Excelencia Musical organizados pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza.

Dentro da sua labor como docente foi profesor das escolas de música de Burela, Arzúa, Oleiros e Narón, sendo dende fai catro anos profesor do Conservatorio Profesional de As Pontes de García Rodríguez. Fruto da sua estreita colaboración co mundo teatral, participou en varias montaxes como actor ou compositor coas compañías Teatro 002, Trompicallo e Cachirulo. En decembro de 2006 estrea a obra Bolboreta coa compañía Trompicallo.

En febreiro de 2006 debuta como solista no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, iniciando así o seu proxecto persoal para a divulgación da percusión. Continuando coa sua actividade divulgativa organiza concertos, imparte cursos de verán e compón obras para percusión. Neste eido cabe destacar a composición e estrea no Parque Experimental Eólico de Sotavento (Xermade) da Música do Vento en maio de 2006.

Forma parte do duo Intermission e do Kosmik Percussion Quartet.