Música do vento é unha peza composta por
Ignacio Sanz en abril de 2006
e que terá a súa estrea absoluta neste é-vento.
Está formada por seis movementos, están todos eles feitos dende un punto de vista poético
e nos que se misturan gravacións dos ruídos feitos polos propios aeroxeradores do
Parque Eólico Experimental de Sotavento, instrumentos feitos con material reciclado como
tixolas ou paelleras, e os poemas feitos polo grupo 'Alalá'.
Da mesma maneira mistúranse recursos musicais clásicos como a retrogradación contrapuntística
e contemporáneos como a aleatoriedade.
E explicado en palabras do autor:
A obra trata de recrear unha visita realizada no pasado mes de marzo ó Parque Eólico Experimental de Sotavento.
Nesta inesquecible excursión tiven a sorte de subir a un aeroxerador e ver como é por dentro e tamén como
funciona o seu mecanismo. Ese día percorrín ca miñ gravadora todo o parque e rexistrei todo canto vin e escoitei.
Como froito desa viaxe e tras escoitar horas de gravación e seleccionar decenas de fragmentos xurdiu a Música do vento.
A obra consta de seis movementos todos eles feitos dende un punto de vista poético xa que tratei en todo momento de crear poemas e que estes
foran recitados polos propios instrumentos.
Comeza cun son de vento feito con ruido branco facendo así unha ligazón entre o real, o poético e o sintético
(sons reais, parte instrumental e electrónica) de ahí que lle dea un protagonismo especial á cor branca en escea.
Este comezo é de caracter improvisatorio aínda que a parte improvisada estea escrita. De seguido prodúcese un cambio
no son do vento e comeza o seguinte movemento onde aparece unha combinación de recitado, recitado instrumental e canto harmónico.
A representación dun aeroxerador por dentro fágoa a base de sons metálicos como poden ser muelles ou paelleras afinadas, isto
vainos levando pouco a pouco á parte máis impresionante da miña excursión,
o cumio do aeroxerador, os montes, os restantes aeroxeradores todos funcionando a toda máquina, os paxaros... todo se podía
escoitar e contemplar e sobre todo tamén a parada e posterior posta en marcha da máquina que tiñamos debaixo dos nosos pés.
Todo elo fai unha combinación de ritmos feitos pola máquina en perfecta sincronía co ser humano e a natureza,
o mecánico, o instrumental e o real.
Xa cando baixamos volve a reinar a calma e finalizada a obra cun poema gravado a tres voces combinado co canto de paxaros.
Todos os instrumentos utilizados están inspirados no que alí oín, vin e imaxinei.
Se vades ata alín algún día propóñovos que vos tumbedes na herba nalgún sitio e pechedes os ollos.
Seguro que poderedes disfrutar do cheiro das frores e escoitaredes coma mín unha multitude de sons, Frautas, Arpas...
é a MÚSICA DO VENTO
Ignacio Sanz