xornadas mouras
xornadas mouras
Programa
<< Volver
11:50 a 12:30 horas
Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira: As primeiras intervencións arqueolóxicas nas Pontes

Asociación fundada por varios traballadores da empresa Endesa na década dos oitenta ao abeiro dun convenio asinado, entre a eléctrica e a Dirección Xeral do Patrimonio Histórico-Artístico da Xunta de Galicia, e que baixo a dirección dos arqueólogos Xosé A. Pombo e Jacobo Vaquero Lastres, desenrolou o proxecto de actuación arqueolóxica para os xácigos emprazados no entorno da mina de carbón. Este proxecto incluía diferentes prospeccións na área de afectación da mina e as escavacións de diferentes estruturas tumulares. Así realízanse prospeccións nos lugares de Saa, Reboredo, Illade, Ponte da Pedra, Espiñaredo, O Forgoselo, … que han de posibilitar diferentes campañas de escavación durante a primeira metade dos anos 90 e que contarán coa participación dun numeroso grupo de estudantes procedentes de diversas universidades españolas: Santiago de Compostela, Complutense e Autónoma de Madrid, León, Valladolid, etc.

Dende os seus inicios, o Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira, destaca pola súa teima na divulgación e concienciación social, facendo partícipes aos ponteses dos avances das investigacións e o estado dos achádegos, así como da necesidade da preservación dos xácigos arquolóxicos presentes no noso territorio. Froito desta preocupación a asociación organiza a exposición As Pontes: escenario funerario en la Prehistoria, que do 29 de maio ao 5 de xuño de 1992 reune durante varias xornadas unha parte importante do noso patrimonio local. A maza trilobulada, o conxunto de puntas de frecha, fragmentos cerámicos, machados de pedra, un colgante, dúas contas de colar, e os dous exemplares reconstruídos dos vasos campaniformes da Vilavella, cedidos para a ocasión polo Departamento de Historia I da Facultade de Xeografía e Historia da USC, depositario e custodio destas pezas arqueolóxicas. A exposición emprazada nas instalacións do Lar, fai un percorrido pola arqueoloxía e o fenómeno megalítico, ao tempo que pretende dar a coñecer as diferentes actividades e traballos arqueolóxicos realizados pola asociación. Foi a derradeira oportunidade que tivemos de contemplar o vaso campaniforme da Vilavella recentemente desaparecido dunha das vitrinas da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Neste mesmo ano e continuando coa idea de potenciar unha laboura divulgativa o grupo arqueolóxico, organiza un ciclo de conferencias durante os días 12, 13 e 14 de agosto, nos locais sociais do Grupo de Empresa ENDESA, baixo o título xenérico Arquitecturas monumentales en el Neolítico del Occidente europeo, que conta coas intervencións dos arqueólogos Jacobo Vaquero Lastres, Manuel Rojo Guerra e Sergen Cassen, que analizan as diferenzas e similitudes culturais no que se refire ao tratamento da morte e a fenomenoloxía funeraria da arquitectura monumental no Noroeste peninsular, a Meseta Central e o Occidente francés, ao longo do período neolítico.

Durante os anos sucesivos o Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira destaca polo seu compromiso na investigación e difusión do noso patrimonio cultural, con especial interese na cultura megalítica, artellando un completo inventario dos xácigos do municipio e colaborando activamente nos sucesivos proxectos arqueolóxicos que se levarán a cabo nas Pontes e na súa comarca.

xornadas mouras