xornadas mouras
xornadas mouras
Programa
<< Volver
11:50 a 12:30 horas
Antón Malde: Novos datos sobre a Moura da Pena Furada

Licenciado en Xeografía e Historia pola sección de Historia I, na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa actividade investigadora céntrase inicialmente no estudo do fenómeno megalítico na Galiza, dirixindo numerosas investigacións neste eido, entre as que cabe salientar entre outras a súa tese de doutoramento co título Arquitectura y Cambio social en las tumbas del IV al II milenio en Galicia, en el contexto de la Cornisa Cantábrica, dirixida polo profesor Doutor Ramón Fábregas Valcarce.

Ten intervido ademais en numerosos congresos científicos e publicado varios traballos de investigación sobre o fenómeno megalítico galego chegando a participar na campaña de escavacións das medoñas de Reboredo nas Pontes no ano 1989. Tamén na nosa comarca cabe destacar o seu traballo de dirección científica no proxecto de documentación, catalogación e delimitación da Antiga rede viaria entre os ríos Eume e Mandeo, baixo un convenio de colaboración entre a Asociación Cultural Roxín Roxal e a Dirección Xeral de Patrimonio no ano 2007.

A súa actividade profesional levouno a coordenar diferentes escavacións arqueolóxicas como a do Castro das Travesas en Carral, ou o xácigo romano e paleocristiano de San Martiño de Cores en Ponteceso, entre outros. Dirixiu ademais varios proxectos de recuperación no concello de Carral, como o Plano 2000 de Recuperación de Arquitectura Popular ou o Plano XXI de Fomento do Turismo de Natureza, promovidos pola Deputación Provincial da Coruña.

Como divulgador xeralista colabora en diferentes publicacións como o Anuario Brigantino ou o Semanario A Nosa Terra. Sendo ademais co-coordenador das Xornadas de Patrimonio: cidade vella e pescadería, organizadas pola Agrupación Cultural O Facho e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no ano 1992, e colaborador nas I Xornadas de Historia de Betanzos organizadas pola Asociación Cultural Eira Vella no ano 2005.

Recentemente Antón vén de realizar unha intervención no xácigo arqueolóxico da Moura da Pena Furada en Coirós no que podería ser un centro primitivo de culto. A singularidade do xácigo é a existencia dunha figura feminina gravada nunha pena e orientada ao ocaso, descuberta por Malde a comezos dos anos 90 e que os maiores do lugar coñecen como A Moura. A súa palestra servirá para coñecer os resultados da última intervención e as hipóteses baralladas polo seu equipo.

xornadas mouras