xornadas mouras
xornadas mouras
Palestras
<< Volver
Sábado 26 - 09:45 horas

Secundino García Mera :

Mestre xubilado, exerceu dende o 1972 ao 2011, durante 32 anos no C.E.I.P" Mosteiro de Caaveiro" (A Capela).

Como Director do mesmo durante 30 anos coordinou e impulsou un sinfín de experiencias e proxectos sociopedagóxicos que contribuíron a converter a este Centro nun referente no eido do ensino en Galicia.

Defensor e impulsor dun ensino contextualizado, unha escola galega e en galego, unha escola que ten en conta a realidade e o medio no que se desenvolve o neno para que o descubra, o coñeza en todos os seus aspectos (social, xeográfico, cultural, ...), o valore positivamente e se sinta na medida do posible protagonista afectivo do mesmo.

Foi co-fundador do Colectivo Avantar (grupo de mestres de Ferrolterra que elaborou diversos materiais didácticos para o ensino do galego na decáda dos 80), Nova Escola Galega, Universidade Rural Galega e Brinquedia, entre outros.

Como observador e recuperador da cultura popular foi coordinador dos libros "Refraneiro do ano" e "Lerias na Pareñeira" e ten publicado diferentes artigos sobre etnografía en revistas especializadas.

Na actualidade é o Director do Museo Etnográfico da Capela que ten os seus alicerces nunha experiencia desenvolvida no C.E.I.P" Mosteiro de Caaveiro" dende a década dos 80, consistente nunha “mostra permanente de obxectos recollidos polos alumnos nas súas casas, propios da cultura tradicional popular”, experiencia que resultou exitosa e gratificante, recoñecida e valorada por toda a comunidade educativa e veciñal e que pouco a pouco se foi extendendo fóra do Concello e da comarca, ata que rematou convertíndose nunha importante Colección etnográfica incluída no censo de coleccións visitables da Conselleria de Cultura da Xunta de Galicia. No ano 2001, o Concello da Capela e o CEIP Mosteiro de Caaveiro acordaron a creación dunha asociación denominada “Patronato do Museo Etnográfico da Capela” coa fin de ser un valorizador integral do patrimonio cultural de A Capela; a este proxecto únense todas as asociacións veciñais, culturais, etc. pertencentes ao Concello, amais doutros socios particulares. O Patronato prantéxase dende o seu nacemento, dous obxectivos principais, a creación dun Museo Etnográfico, para albergar a colección etnográfica, e a investigación, defensa e promoción da cultura galega, de tal forma que se fomente o aproveitamento dos recursos existentes, a contribución ao desenvolvemento sostible, a dinamización doutros sectores como a hostelería, artesania, etc., e o desenvolvemento turístico do Concello da Capela.

<< Volver
xornadas mouras