xornadas mouras
xornadas mouras
Palestras
<< Volver
Sábado 26 - 10:30 horass

Narciso Luaces Pardo: O Museo Etnográfico de Meixido

Nacín en Meixido, un lugar entre o val e a montaña da parroquia de Freires-Ortigueira, cunha vista fermosa á ría, á serra da Capelada e ós Aguillóns de Cariño. Hoxe invisibles dende a miña casa, por mor de tanto eucalipto como está a medrar ó seu arredor.

De cando nacín, non me lembro, porque daquela eu debía ser aínda moi pequeno, soio sei o que me teñen contado meus pais, máis o que pón a data de nacemento 2/7/1929.

Fun fillo único. Meus pais eran labregos, profesión que tamén eu exercín ata que cheguei á xubilación.

De neno ía coa avoa ó lindeiro. Mentres as vacas pacían na campeira, ela contábame contos e cantábame cantigas que escoitara cando era nova a min facíame moita gracia oíla sentado no seu colo.

Á escola deixaronme ir sempre, pero, os primeiros anos (eran os anos da Guerra Civil) o ensino era maliño, soio tiven a sorte de ter un bo mestre nos últimos cursos, a éste mestre máis a un cursiño que fixen por correspondencia lles debo o pouco que sei.

Cando xa estaba xubilado, un día lembreime do tío Santos, un home veciño noso e amigo dos meus pais, traballara de carpinteiro e de carreiro, facendo carros, pola meirande parte das parroquias da comarca, motivo polo que puido chegar a coñecer a forma de vida das xentes desta terra e acontecementos que acaeceron ó longo da súa vida (1870-1951); escribín uns catro ou cinco relatos, que el me contara, das fazañas que fixera cando era novo e gardeinas no caixón da mesa, ata unha tarde que estaban na nosa casa Enrique Pajón, a súa dona Anamary Leira, Carlos Breixo, Bernardo Penabade e a súa dona Carme Cociña, eu lles falei deste home e de que tiña escrito algún dos relatos que el me contara. Despois de que llos lin todos me animaron para que escribise un libro, así naceu O CARREIRO - Memorias do tío Santos. Agora vai pola segunda edición. Colaboro algo no semanario local así como noutras publicacións en temas culturais que se publican na comarca.

Fai trece anos, coa axuda de Herminia (a miña muller), o fillo e a nora, creei o Museo Etnográfico de Meixido. Contando na actualidade cunhas tres mil pezas expostas ó público.

<< Volver
xornadas mouras