xornadas mouras
xornadas mouras
Palestras
<< Volver
Domingo 27 - 10:45 horas

José María Naveiras Escanlar, Pepe O Ferreiro:

Naceu o 31 de marzo de 1942. Cursou estudos de ensinanza primaria. Traballou como ferreiro e outras actividades relacionadas coa metalurxia.

A partires desta data, sen pena nin gloria, transcorre a súa vida no pobo que o viu nacer. Traballa na forxa de seu pai e as súas inquedanzas lévano por distintos camiños, que non conducían a ningures, se entendemos isto, por exemplo: como forxarse un futuro.

De tódolos xeitos, e froito desa preocupación que só aporta satisfacción interior, le algo sen entender moito. Busca con teima de onde vén, e non se cuestiona a onde vai. É posible que por isto a sorte, ás veces, lle depare verdadeiras sorpresas. Unha delas tivo lugar no pobo de Castro, en Grandas de Salime. Alí na compaña de dous amigos, descubre a primeira vivenda do Castro, chamado Chao Samartín, no ano 1977. Grazas á amizade que o liga ao propietario da finca, D. Manuel Barcia Monteserín, escava nesa oculta edificación, xunto con José Manuel Villamea, e logran entre ambos, sacar á luz un importante legado de fragmentos de cerámica. Como a súa ética non lle permite ser protagonista dun expolio, ás costas da Universidad de Oviedo, desprázase a ese Centro na compaña dos nomeados amigos. D. Emilio Marcos Vallaure preséntalle ao arqueólogo D. Miguel Ángel de Blas Cortina e éste desprázase ao Castro, para ver in situ o referido xácigo. A partir de eiquí, coida que xa non debe ligar os acontecementos posteriores, á súa persoa. Aínda que si, algúns son ineludibles:

1. No ano 1983, funda o Museo Etnográfico de Grandas de Salime. Este feito obrígalle a investigar, modestamente, sobre os temas da Antropoloxía, para desenvolver o mellor posible a laboura museolóxica.

2. En outubro de 1984, exhumou daquela antiga ruína, convertida en improvisado mausoleo, un vaso de paredes finas de Melgar de Tera, da primeira metade do século I; 10 ou 20 anos a.C.

3. En abril de 1986, e por iniciativa propia, entrégalle a D. Fernán Alonso, Q.E.D. do Departamento de Carbono-14 do Instituto de Física y Química Rocasolano, en Madrid, (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) unhas mostras procedentes do Chao Samartín. Éste leva a cabo a análise e data o lugar na segunda metade do século I d.C. É a primeira proba. Outras posteriores leváronse a cabo grazas –pensa- á súa mediación.

4. Cando comezan as escavacións oficiais dirixidas por D. Elías Carrocera e máis tarde por D. Ángel Villa Valdés, colabora modestamente co equipo arqueolóxico, en todo o que éstos lle demandan, como viña facéndoo dende o principio.

5. En datas posteriores ao descubrimento e ao eiquí relatado, como máis sobresaínte, publica nos medios de comunicación traballos relacionados con esos achádegos, que, por razóns obvias e eiquí expostas, non teñen base científica; pero si serviron polo menos, para coñecemento dos feitos con toda veracidade.

Escribiu neses medios algunhas crónicas sobre cultivos, oficios e arte popular en xeral; crítica e outras nimiedades que nada aporta, nin á sociedade, nin ao seu limitado peculio (porque: ou non sabe, ou caen sobre conciencias estériles). Polo tanto, e a pesares de non ser cobizoso, deixou estas últimas, na actualidade.

Dende a súa forzada xubilación, adica o seu tempo a deixar constancia da historia do Museo e describir traballos na agricultura e oficios artesanais. Non lle parece axeitado falar dos seus defectos nin preocupacións, que poden ensombrecer as causas polas que lles foron concedidos os seguintes galardóns:

- Distinción dos participantes das Primeras Jornadas de Etnografía y Etnología dos Cursos de Extensión Universitaria da Universidad de Oviedo, celebradas en Grandas de Salime, en agosto de 1985. Entrega da medalla da Universidad de Oviedo no mesmo acto.
- Premio Principado de Asturias de Turismo, concedido pola Consejería de Industria, Turismo y Empleo, en 1991.
- Socio de Honra da Asociación para la Defensa del Patrimonio Cultural de Asturias, en 1992.
- “Chosco de Oro” de Navelgas, 1998.
- “Asturiano del Mes de Enero” do 2002 do xornal La Nueva España.
- Premio de Turismo “Tierra Verde”, da Asociación de Periodistas y Escritores de Turismo (ASPET), 2002.
- Galardón concedido polo Coro de Navia, no ano 2002, co gallo do seu 25 aniversario.
- Distinción do Centro Asturiano de Sevilla, 2002.
- Primeiro “Galardón Pendiente de Oro”, concedido pola Asociación de Hostelería y Comercio de Grandas de Salime, 2002.
- “Urogallo de Bronce”, Centro Asturiano de Madrid, 2004.
- Diversos recoñecementos de institutos da Península.
- Obsequio do Centro Asturiano de México.
- “1º Quijote de Asturias”, concedido pola Hermandad de la Probe de Morcín, 2005.
- Premio “Los Verdes Valles Mineros”, concedido pola Fundación Marino Gutiérrez Suárez de la Felguera, 2006.
- Premio da Federación de Asociaciones Turísticas del Occidente de Asturias, 2008.
- Premio “Terra viva” de Santirso de Abres, 2008.
- Premio Regional a la Libertad de Expresión en Navia, 2009.
- Premio “Torneiro de Honor” da Asociación de Torneiros de Asturias (ASTOR), Tablao, 2010.
- Premio a la Calidad y Excelencia Profesional y Empresarial en la modalidad de “Fomento de lo Asturiano y Defensa del Patrimonio”, 2010.
- Premio outorgado pola Asociación Yumper para la Defensa de los Valores Humanos, “Asturianos de Braveza”, 2010.
- Director Honorífico da Casa Museo Marqués de Sargadelos, de Santa Eulalia de Oscos.
- Membro correspondente do RIDEA.
- Membro Honorífico do Consorcio para la Gestión del Museo Etnográfico de Grandas de Salime, 2012.

Participou, como poñente, en varias xornadas de etnografía, en Canarias, Galiza, Navarra, Asturies; e nas cidades suizas de Zurich, Basilea e Argau para a Federación de Sociedades Asturianas en Suiza.

Organizou exposicións de etnografía no Teatro Campoamor de Oviedo; no Café Español, en Oviedo, adicada á torneiría; na Feria Internacional de Clermount Ferrand, Francia; exposicións no Museo de Bellas Artes de Asturias; en la Federación de Sociedades Asturianas en La Habana, Cuba. Participou nalgunhas publicacións e é coautor con outros das guías do Museo Etnográfico de Grandas de Salime. Escribiu de xeito esporádico nos xornais La Nueva España e noutras publicacións. Publicou o seu primeiro libro no 2011, “Artes y Oficios”, e o segundo no 2013, “Cuando los ferreiros forjan museos. Diario de un Quijote”.

Tanto estas distincións, como que a laboura levada a cabo no Museo, apareza publicada en diversos medios, fanlle crer que non foi totalmente desatinada a súa adicación a preservar a historia e o acervo popular da súa terra; porque despois de todo, para algo servirá a futuras xeracións.

Non sabe se realmente esta forma de presentar o seu curriculum, é a axeitada; mais como tampouco cre que deba ser el o que pondere honores e datos biográficos, sexan os máis os que pescuden a autenticidade dos mesmos.

A el só lle queda facer uso dunhas verbas que sabe do latín: Veritas, veritatem.

<< Volver
xornadas mouras