|
Amigus
Presentación
Chat #aspontes Chat #amigus Acceso WAP Acceso RSS Merca Nas Pontes Envía un artigo >> Foro Amigus << Software Libre
BÚsqueda
Na nosa páxina
No google
Categorías
Amigus (187)
ArTe (111) As Pontes (3147) Axenda (769) Canto Mais? (249) Ciencia (28) Comarca (435) Conexions (418) Cultura (230) Deportes (1556) Ecoloxia (163) Educacion (97) Empresas (303) Emuladores (9) Enerxia (264) Enquisas (47) Especiais (67) EuroEume (111) Fotografia (176) Gastronomia (30) Hardware (590) Historia das Pontes (168) Humor (32) Lago (110) Linux/GNU (988) Log #irc (12) Mundo (282) Mundo Apple (788) Municipais 07 (19) Municipais 11 (58) Musica (726) Na Web (1240) Natureza (265) Novas (21) Opinión (36) Outros Mundos (53) Parroquias, festas e historia (69) PDA / Phone (188) Pirateria? (274) Ponteses (209) Recursos (4) Sanidade (28) Saude Natural (45) Seguridade (349) SenFios (229) Software (526) Tecnoloxia (567) Tutoriais (9) Video Dixital (387) Videoteca (48) Windows (304) Zona Gamers (448) |
28 de Abril 2009Lucía Morado: 'A gran virtude de Mancomún é o seu traballo como catalizador no campo do software libre e da localización ao galego'Lendo mancomun.org: "A piques de cumprir tres anos de existencia, nada nin ninguén parece cuestionar que o traballo de Mancomún goza de recoñecemento alén das nosas fronteiras. Se o pasado verán un estudo casuístico elaborado pola Universidade das Nacións Unidas sinalaba o modelo colaborativo de Mancomún como referente internacional para implantación efectiva das tecnoloxías abertas, agora é o seu labor no eido da localización o que parece ter captado o interese, nada máis nin nada menos, que do Centro de Investigación para a Localización (LRC) en Irlanda."... O LRC (www.localisation.ie) é un centro de información, investigación e estudos orientados ao ámbito da localización, que o converten nun dos centros pioneiros especializados nesta materia. Situado na Universidade de Limerick (Irlanda), colabora nacional e internacionalmente con investigadores, estudantes, medios de comunicación, empresas de consultoría, axencias gobernamentais e coa Comisión Europea. O contacto chegou a Mancomún da man de Lucía Morado, estudante de doutoramento da Universidade de Limerick (Irlanda), cuxa investigación está a ser financiada polo Centro de Nova Xeración para a Localización (CNGL) no marco do LRC. O seu estudo céntrase nos estándares de localización, pero tamén nas linguas menos estendidas e, entre elas, o galego. Baixo estes parámetros, Lucia Morado atopou na súa busca o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia como un dos principais referentes. Segundo explicou nos seus primeiros contactos “quedamos impresionados co traballo de Mancomún e o seu funcionamento”. Hoxe en día, Lucía Morado participa activamente da comunidade galega de tradución de software libre a través da rolda do g11n. Nós aproveitamos a súa presenza nas roldas para afondar no coñecemento do seu traballo e dos centros nos que se inscribe. O CNGL é un centro de investigación financiado na súa maior parte polo SFI (Fundación da Ciencia en Irlanda) e por empresas do sector. A súa misión é revolucionar o mundo da localización a través da automatización, a composición e a integración do proceso de localización. Abrangue catro bloques de investigación interrelacionados entre si: tecnoloxías integradas da linguaxe, xestión de contido dixital, nova xeración de localización e arquitectura de sistemas. Destes catro bloques, “a nova xeración de localización” é a sección que se investiga no LRC. A peculiaridade que ten a localización é que está no medio de dúas áreas tradicionalmente moi afastadas: a informática e a lingüística. Actualmente, tal e como están organizados os plans de estudo actuais, é difícil combinar estas dúas áreas nunha soa persoa. Precisamente o LRC traballa nesta dirección cos estudos de posgrao que ofrece. Ademais o LRC edita periodicamente o Localisation Focus, que é unha revista especializada sobre temas de localización e as investigacións que xeran os bolseiros do centro. É así, logo, como remata unha galega estudando os procesos de localización á nosa lingua dende Irlanda? Eu sempre estiven interesada no mundo da localización. Son licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Salamanca e cursei o Posgrao de Tradución Audiovisual da Universidade Autónoma de Barcelona. Agora traballo nun proxecto internacional no que se fala e se discute a diario a localización a centos de linguas. Neste contexto, a miña investigación céntrase nos estándares de localización, pero non sería coherente non interesarme pola miña lingua materna. Ademais, é un privilexio facelo dende o que eu considero o mellor centro de estudos de localización do mundo -e creo que único- baixo a supervisión de Reinhard Schäler, unha das figuras máis importantes no mundo da localización. Por que cres que só se ten estabelecido un centro destas características en Irlanda? Irlanda converteuse nunha potencia mundial en desenvolvemento de software. Así que non é sorprendente que o mundo da localización estea aquí presente. De todos os xeitos, como xa comentei, este centro estabelece colaboracións por todo o mundo. Poño por caso, o LRC levou a cabo proxectos financiados pola UE, algúns deles foron proxectos de terminoloxía, fluxos de traballo ou formación de profesionais da localización en países en desenvolvemento, en especial a India. Parece moi interesante, como se consegue entrar a formar parte do equipo do centro? As ofertas de traballo ou de bolsas de doutoramento que ofrecen o LRC e CNGL publícanse sempre nas súas respectivas páxinas web. Todo aquel que reúna os requisitos do posto en cuestión pode presentar a súa candidatura. A nacionalidade non é ningún impedimento, no meu grupo de traballo hai xente de Paquistán, India, Etiopía, Xapón, Alemaña... O LRC ofrece dous cursos de posgrao en localización, para aqueles que estean interesados poden atopar a información na seguinte páxina web: http://www.localisation.ie/education/index.htm. O obxectivo deste centro, segundo reza a presentación da súa propia web, é “mellorar os procesos de localización a todos os niveis”. Cal cres que son as principais eivas nos procedementos actuais? Os tres grandes retos nos que traballa o CNGL son: acceso, personalización e volume. Con acceso refírese ao acceso que non todos teñen ás novas tecnoloxías (e á súa correspondente localización), especialmente nos países en desenvolvemento; a personalización refírese á creación de produtos específicos para cada tipo de usuario; e volume refírese á grande cantidade de información que se xera a diario e que é imposíbel de localizar cos sistemas tradicionais. E estes aspectos deben buscarse en todos os niveis. Por exemplo, o proceso concienciador dos desenvolvedores de software é fundamental. Teñen que ser conscientes das técnicas de internacionalización e aplicalas aos seus produtos dende a súa creación. Por outra banda, están os estándares de localización. O seu uso permite aos profesionais da localización maior liberdade no seu traballo, xa que non teñen que depender dunha determinada ferramenta para levar a cabo a totalidade do seu traballo ou reutilizalo no futuro. Ademais permiten un intercambio seguro de datos e metadatos. Son especialmente importantes para as linguas minoritarias, xa que lles dan plena liberdade de movemento entre ferramentas. O LRC é membro de OASIS, que se encarga entre outras cousas do desenvolvemento do estándar XLIFF. Falando de linguas minoritarias ou minorizadas, que proxectos está a desenvolver o LRC respecto a estas linguas? O LRC está a traballar na creación dun portal de localización que poida acoller aos diversos axentes implicados no proceso de localización e que o automatice ao máximo. O portal estará aberto a todo aquel que desexe facer uso del. Este proxecto é de especial importancia non só para as linguas minoritarias como o galego, senón tamén para aquelas linguas que non teñen interese comercial por parte da industria (como é o caso da maioría da linguas africanas e dalgunhas asiáticas). Irlanda comparte con Galicia unha situación similar con respecto á lingua propia. Ti que es coñecedora das dúas realidades, como percibes o contraste? Aínda que hai moitos paralelismos entre a situación das dúas linguas, eu creo que hai moitas características que son propias de cada unha e non se poden exportar solucións comúns. O gaélico é falado habitualmente por un 3% da poboación da república de Irlanda, mais é idioma oficial do estado e da Unión Europea, está presente na educación obrigatoria, nos medios de comunicación e nas institucións. Ao ser un idioma completamente afastado do inglés, ten un carácter bastante opaco para os anglofalantes que non o tiveron como lingua materna. O galego pola súa contra é falado por un gran sector da poboación (aínda que as últimas estatísticas sexan bastante desesperanzadoras...). É idioma cooficial de Galicia e é usado por medios de comunicación, na educación e nas institucións. As raíces latinas do galego convérteno nun idioma moi transparente para os habitantes do resto do estado español. Este punto, debería ser unha vantaxe para o noso idioma e atraer a máis xente cara ao seu estudo e uso. Entre os paralelismos entre os dous idiomas hai estudos moi interesantes para os que estivesen interesados. Bernadette O´Rourke está a traballar neste campo. Estudas o caso da localización de software libre ao galego, na túa opinión que singularidades presenta a comunidade? Como estou no comezo da miña investigación aínda non podo emitir xuízos ni valoracións. Pero estou gratamente sorprendida con todo o traballo que se está a facer por parte da comunidade. O máis salientábel é o traballo anónimo de todos os voluntarios que están poñendo o seu esforzo a disposición de toda a sociedade. Sen importar dende que organización se leven a cabo, o seu traballo vaise converter na riqueza de todos. O apoio institucional a este movemento fai que haxa un punto de referencia (Mancomún) que pode organizar parte do traballo e tamén promovelo. Eu creo que o traballo de promoción dos produtos é case tan importante como a súa elaboración. Se conseguimos que se estenda o uso do software libre entre os usuarios, tamén estaremos creando futuros colaboradores. Por regra xeral, o usuario do software libre é un usuario comprometido e “fiel” á causa. O principal problema que teñen as comunidades de software libre é que o software está mudando continuamente e é tarefa complicada localizalo “a tempo”. Para combater este fenómeno o uso das memorias de tradución e das bases de datos terminolóxicas son moi importantes, xa que aceleran o proceso e aseguran unha maior consistencia nos resultados. Por outra banda, estou realmente abraiada coa resposta que tiven dos membros da comunidade. Comecei a petar en todas as portas para obter a maior información posíbel para a miña investigación. A resposta que obtiven en todos os casos foi moi positiva dende os propios voluntarios, como de organizacións, membros da comunidade universitaria e tamén empresas privadas. Dende aquí quérolles agradecer toda a súa axuda desinteresada. O labor de Mancomún Como soubeches do traballo de Mancomún? Cando comecei a investigar a localización ao galego foi un dos primeiros referentes que atopei e ao que me levaban a maioría das fontes consultadas. Admiro o voso traballo e espero que poidades continuar co voso labor, independentemente da cor política do Goberno. Que salientarías do seu labor? Na miña opinión, a gran virtude de Mancomún é a súa capacidade de traballar como catalizador de todo o que se está a facer no campo do software libre e a súa localización ao galego. Calquera que se queira iniciar nese mundo, independentemente do seu perfil, pode atopar a forma de facelo dentro de Mancomún. O seu carácter institucional é singular e outórgalle gran poder de promoción dos seus resultados. O manual de localización publicado hai pouco tempo é un material de referencia valiosísimo para todo aquel que queira dedicar o seu tempo libre a colaborar en proxectos de localización. Son claramente diferentes. Os procesos de localización de software privativo están condicionados por tres factores: custos, prazos de entrega e control de calidade. Os procesos están firmemente controlados e automatizados ao máximo para obter unha calidade alta, nun tempo mínimo e co menor custo posible. Todos os axentes implicados traballan baixo un gran grao de presión. Ademais, as expectativas dos usuarios de software privativo son moi altas e esixen unha calidade alta. Polo contrario, en proxectos de localización de software libre os prazos de entrega son máis flexíbeis ou simplemente non existen, os voluntarios non traballan baixo presión, senón que achegan o seu tempo libre. Os controis de calidade son máis difíciles de implementar. Porén, contra o que se poida pensar, o traballo voluntario pode aspirar a ter a mesma calidade que o software privativo. De todos os xeitos, o usuario de software libre é moito máis comprensivo coas imperfeccións e, no canto de queixarse, o que fai é facer públicos os erros (e propoñer solucións) para que sexan modificados en versións posteriores. Os voluntarios non obteñen recompensa económica polo seu labor, mais si moral. A súa motivación é fundamental para que o proceso sexa un éxito. No caso do software libre tense cuestionado en numerosas ocasións o papel que debe ter cada axente (voluntariado, empresas, Administración...), pero no voso caso traballan conxuntamente todos estes elementos. Como cres que se debe buscar esta harmonía no “ecosistema do software libre”? Eu son da opinión de que en todo proceso ten que haber algún tipo de control. No caso do software libre alguén ten que desempeñar esa función e coordinar o esforzo común. Cada vez é máis doado a intercomunicación entre os diferentes axentes coa axuda de novas ferramentas de control, foros de discusión, roldas de correo, wikis, etc. Tamén creo que ten que haber un criterio común polo que os diferentes axentes se deben guiar. Penso que a guía de localización que publicastes é un magnífico exemplo deste elemento. O futuro de Mancomún está nas mans de todos. O traballo que se está a realizar ten que continuar no tempo, porque o software está evolucionando constantemente e sempre haberá algo novo que localizar. Ter un voluntariado constante e motivado é o máis importante. Creo que o que pode definir o seu futuro é o conseguir que o uso de software libre se estenda entre os usuarios. Cantos máis usuarios se unan ao software libre, máis demanda haberá de contidos e máis xente con ganas de colaborar. Creo que o gran reto do software libre hoxe en día é facerse máis visíbel na sociedade."... Fonte: mancomun.org Publicado por jmpello -- 28 de Abril 2009 as 08:58 AM 0 comentarios |
Novas Recentes
-LIGA GALEGA DE RUGBI: CONTUNDENTE VITORIA DO FENDETESTAS SOBRE O CRAT DA CORUÑA (50-0)
-Resultados da fin de semana do CD AS PONTES -Los emprendedores exigen al Gobierno más medidas para reactivar la economía -En 2011 se vendieron 488 millones de smartphones, frente a 415 millones de PC -TERCEIRA DIVISIÓN: CD AS PONTES 1 BETANZOS CF 2 -RESULTADOS DA FIN DE SEMANA DO CD AS PONTES -As Pontes exaltará el grelo el 19 con su tradicional feria y el concurso de cestas -Avid lanza la app de edición de vídeo Avid Studio para iPad -Motorola logra que Apple retire de su web varios modelos de iPhone y iPad en Alemania -La Asociación de Internautas pide al Supremo la suspensión de la Ley Sinde Wert Arquivos
- Febreiro 2012 (19)
- Xaneiro 2012 (116) - Decembro 2011 (113) - Novembro 2011 (132) - Outubro 2011 (117) - Setembro 2011 (107) - Agosto 2011 (89) - Xullo 2011 (99) - Xuño 2011 (138) - Maio 2011 (149) - Abril 2011 (113) - Marzo 2011 (141) - Febreiro 2011 (149) - Xaneiro 2011 (146) - Decembro 2010 (133) - Novembro 2010 (134) - Outubro 2010 (198) - Setembro 2010 (109) - Agosto 2010 (90) - Xullo 2010 (124) - Xuño 2010 (119) - Maio 2010 (136) - Abril 2010 (122) - Marzo 2010 (112) - Febreiro 2010 (110) - Xaneiro 2010 (152) - Decembro 2009 (91) - Novembro 2009 (111) - Outubro 2009 (118) - Setembro 2009 (91) - Agosto 2009 (88) - Xullo 2009 (92) - Xuño 2009 (124) - Maio 2009 (217) - Abril 2009 (212) - Marzo 2009 (155) - Febreiro 2009 (150) - Xaneiro 2009 (149) - Decembro 2008 (141) - Novembro 2008 (164) - Outubro 2008 (178) - Setembro 2008 (174) - Agosto 2008 (103) - Xullo 2008 (166) - Xuño 2008 (140) - Maio 2008 (121) - Abril 2008 (149) - Marzo 2008 (137) - Febreiro 2008 (153) - Xaneiro 2008 (165) - Decembro 2007 (158) - Novembro 2007 (196) - Outubro 2007 (216) - Setembro 2007 (133) - Agosto 2007 (133) - Xullo 2007 (131) - Xuño 2007 (167) - Maio 2007 (178) - Abril 2007 (142) - Marzo 2007 (169) - Febreiro 2007 (139) - Xaneiro 2007 (132) - Decembro 2006 (114) - Novembro 2006 (123) - Outubro 2006 (138) - Setembro 2006 (140) - Agosto 2006 (126) - Xullo 2006 (144) - Xuño 2006 (131) - Maio 2006 (140) - Abril 2006 (123) - Marzo 2006 (168) - Febreiro 2006 (149) - Xaneiro 2006 (165) - Decembro 2005 (124) - Novembro 2005 (149) - Outubro 2005 (200) - Setembro 2005 (161) - Agosto 2005 (150) - Xullo 2005 (161) - Xuño 2005 (154) - Maio 2005 (158) - Abril 2005 (169) - Marzo 2005 (162) - Febreiro 2005 (184) - Xaneiro 2005 (181) - Decembro 2004 (137) - Novembro 2004 (134) - Outubro 2004 (186) - Setembro 2004 (217) - Agosto 2004 (191) - Xullo 2004 (236) - Xuño 2004 (205) - Maio 2004 (160) - Abril 2004 (128) - Marzo 2004 (107) - Febreiro 2004 (100) - Xaneiro 2004 (111) - Decembro 2003 (128) - Novembro 2003 (164) - Outubro 2003 (193) - Setembro 2003 (207) - Agosto 2003 (171) - Xullo 2003 (53)
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||