13 de Xaneiro 2010

Os concellos deben implicarse e xestionar o patrimonio como un atractivo turístico

Cristina Arias [El Progreso] - Suplemento Terra Chá

FELIPE-SENÉN LÓPEZ é arqueólogo e museólogo. Actualmente traballa como Técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña e coma mestre da Uned Sénior rural. Creador e animador de Amigos dos Museos de Galicia, membro de diversos colectivos e institucións de sensibilización e salvagarda do patrimonio cultural, o seu traballo resúmese en «coñecer para querer e defender o recurso da identidade fronte á globalización uniformizadora».

Felipe_Senén_.jpg

Posicionouse a favor da construción dun túnel na autovía das Pontes para non perder os vestigios da Mourela. Que valoración fai daquelo?
Así é. Agora hai que pedir responsabilidades por facer o que fixeron e coas consecuencias que tivo. As Pontes é un exemplo dun territorio con grande riqueza arqueolóxica, brutalmente industrializado, onde non se soubo entender o progreso como equilibrio entre a industria e esa identidade que é a paisaxe, a historia, ca cultura en busca do benestar... E fíxose moito, pero cegamente, pese ás chamadas de grupos mozos, exemplares, sensibles. Agora páganse as consecuencias, as Pontes quédase sen historia, sen recursos e mesmo sen paisaxe e cunha sociedade dividida....e o que se fixo mal, págase moito máis caro. O túnel era costoso pero permitía conservar e reintegrar o circulo lítico, manter un mirador natural, facilitar o acceso entre dúas partes que agora estan divididas, dignificar o contexto onde se asentan empresas que deben coidar a súa imaxen comercial... Pero tendemos a destruir, a roer a paisaxe, a galponizala. E o futuro despreciará e lamentará o que fixemos hoxe.

Acaban de publicarse as memorias das escavacións da Mourela...
Algo é algo. Pero nas Pontes queda por crear un espazo expositivo e de estudos en relación con todo un longo periodo de investigacións, un museo cos restos aparecidos na Vilavella, o legado Rivera Rouco, a prospeción e escavacións de Endesa, tan costosas.


Que relación ten coa Terra Chá?
Lugo sempre estivo moi presente na miña actividade profesional. Primeiro, co arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, nas escavacións do castro de Viladonga. Logo, a fonda amizade con Manuel María, para quen Outeiro do Rei era o centro do mundo, e, entre moitas outras, as colaboracións con Blanco Torrado e Xermolos, de Guitiriz, o aprecio ós irmáns Corral, de Baamonde, e a participación como profesor coa Universidade Sénior de Xestoso, toda unha experiencia que, coido, dá máis que aprender, que ensinar.

Que papel xoga a universidade?
Moitos nun so. Crear e unir parroquia, arredor do saber, da terra e mesmo dunha Universidade que non debe durmirse mirando o embigo. Obra e mérito de Don Luis Rodríguez Patiño, crego de Xestoso, auténtica misión de modernidade sen durmirse nunha liturxa estéril.

Que lle parece a resposta dos maiores?
Exemplar, con maíusculas, onde os máis e menos novos temos moito que aprender: ansia de saber, respecto, perda do medo, dignidade de ser chairegos, galegos e cidadáns do mundo que nos tocou vivir.

En que se diferencian as clases entre maiores e novos?
A xente nova é máis inqueda, bulideira, experimental... Así é que prudencia e experiencia son dúas cousas importantes que compre saber equilibrar na vida. O programa consiste en explicar que canto se ensina é para resolver problemas que están fora das aulas. E o patrimonio cultural explícase a pé de obra: por qué aquelo se fixo alí, para qué, quén o fixo, qué aconteceu con él no decorrer do tempo, cal é o seu presente... A base da ciencia é a pregunta.

Así os veciños toman conciencia?
Recentemente algúns denunciaron o mal estado das pinturas da igrexa de Labrada.
Máis non somentes consiste en denunciar, en implicar a concellos e concelleiros que se meteron a gobernar... senón tamén consiste en asumir a parte de coidados que nos corresponde a cada un para un patrimonio herdado e que compre transmitir, sempre como recurso e non como lacra. O problema somos nós, por non saber seducir e atraer. Por eso o meu lema como profesor é: «Sae da casa, entra na historia para ser autor e actor dela».

Que valoración fai do patrimonio chairego?
A Terra Chá é unha rexión ben definida e expresada nos seus escritores, na fala, na relación co medio, a historia... e eso é a cultura. Ofrece vestixios de todos os tempos, especialmente castros, asentamentos romanos, torres e igrexas medievais, un patrimonio que é un recurso de identidade e turístico que merece todas as atencións por parte de todos, especialmente da administración inmediata, os concellos, que deben implicarse máis con canto significan as súas particularidades. Un patrimonio aberto, vivo e coidado que complementado coa paisaxe, o trato da xente e a gastronomía, merece coñecerse e xestionarse como atractivo e sempre como recurso que da e xenera vida.

Está suficientemente valorado?
Debería estalo máis. Pero o patrimonio non somentes para ver, é para enxergalo, que é sentilo e vivilo. E para eso compre unha boa xestión que experimente e esgote as posibilidades en canto se pode ofrecer para seducir e atraer ó público. O piano non toca, nin emociona, sen un bo pianista. Compren xestores entusiastas e con ideas, que crean en Galicia.

Que elementos destacaría como os máis sobranceiros da Terra Chá? Pesa máis o patrimonio relixioso?
A relixión son feitos, cultos, ritos, mitos que nos religan cos misterios da terra, algo moi do panteismo galego. A verdadeira relixión nada ten que ver coa beatería. Foron os frades, dende os mosteiros do Císter, os que humanizaron Galicia con viñedos, carballeiras, creando feiras como as de Meira. Así con ese senso relixioso de administrar o patrimonio fóronse mantendo paraísos naturais ou creando grandes obras, que transcenden no tempo. Velaí o Pedregal de Irimia, Fonmiñá, Penas de Rodas, o San Alberte de Parga, a lagoa de Cospeito, castros como o de Viladonga, pazos como o de Sistallo, a casa de Víctor Corral..., sempre arredor de misterios da natureza, igrexas, mosteiros, capeliñas, sabedoría popular e curiosidades como en Momán, terra de canteiros, artífices deses panteóns de filigrana que merecen maior atención e coidados e que afeamos con obras que impactan fortemente. E sempre con Lugo preto, con algo de gran aldea, como Compostela, como unha antoloxía de Galicia abrindo a Chaira.

O descoñecemento da riqueza cultural é por falta de interese das administracións ou porque os propios chairegos non o saben valorar?
As dúas cousas están en interacción, xunto cos medios de comunicación, especialmente a televisión, a que en vez de educar, maleduca. Por aquí sempre se dixo que «a cultura non vende, non da votos», pero eso creo quen non saíu do seu couto e todo olla dende as súas orelleiras. A cultura é algo máis que un acto un día.
A cultura son moitas historias, feiras, romarías, danzas, cantos, xantares, saberes, escearios que compre anovar e non emporcallar en esperpentos e zafiedades burdas. A cultura é o que avala nosas mercadorías, nosa historia, a nós mesmos. A cultura é o que somos.

Que valoración fai da declaración de BIC do castro de Viladonga?

Algo que forma parte da cultura burocrática e que debe significar algo máis que unhas siglas e unha inscripción nun papel: a salvagarda e potenciación do seu contexto inmediato, como o castriño da Rodela, o campamento romano de Andión, a vila romana de Doncide e tanta riqueza etnográfica coma fontes, pontellas, casas, igrexarios, cruceiros e labras, construidos con gran maestría e que a insensibilidade leva a destruir por motivos diferentes.Que algo esteña declarado Ben de Interés Cultural, significa que hai que poñer interese sobre elo.

Que opina dos museos da Terra Chá?
Toda a Terra Chá xa é un museo activo e pode selo máis se sabe equilibrar as súas vellas tradicións coa modernidade. Eso é o que falla. Polo demáis agradecería que
existise unha casa-museo chairega, con todos os elementos tradicionais, onde servisen xantares enxebres e se contasen e cantasen cousas de antes. Dalgún xeito, os irmans Corral, de Baamonde, teñen tentado eso. Polo demáis, hai meritorias e exemplares iniciativas como o Museo da Radio ou os intentos de Alfonso Blanco Torrado en Bascuas, que merecerían maior atención por parte das adminstracións. E desexo que Manuel María, que universalizou a Terra Chá e Galicia enteira, teña espacios propios, activos, axudando a dignificar canto significa noso idioma e nosas tradicións. Lugo e súa provincia ofrecen un panorama museístico que xa quixeran outras, laboura mimada en todo tempo pola Deputación, pero entendemos que compre máis e doutro xeito máis rendible: saber ofrecer, vender, avalar a cualidade da identidade.

Funcionaría a ecomuseoloxía, utilización dinámica do patrimonio?
Funciona en todo o mundo civilizado, non somentes como atracción, senón como servizo en relación coa demanda. Recuperar muíños que fan pan único, que un artesán espalle o seu sistema de traballo artesanal, incluso o queixo de San Simón... Esto non é máis que un escaparate, no que afirmar que moitos produtos que se siguen solicitando e teñen gran demanda hoxe, teñen tras de si unha longa historia e sabedoría artesanal. Esa historia, segredos de saber que vivimos moitos de nós e compre saber transmitir.

Publicado por mourelo -- 13 de Xaneiro 2010 as 09:01 AM 0 comentarios




Agroalimentaria do Eume

SOS Círculo Lítico da Mourela

Rueiro As Pontes

Fotos das Pontes

Os Sons da Vila - As Pontes

Deporte - As Pontes

Reportaxes fotográficos Fabián
Novas Recentes
Arquivos
- Abril 2014 (58)
- Marzo 2014 (110)
- Febreiro 2014 (98)
- Xaneiro 2014 (90)
- Decembro 2013 (93)
- Novembro 2013 (98)
- Outubro 2013 (82)
- Setembro 2013 (105)
- Agosto 2013 (87)
- Xullo 2013 (94)
- Xuño 2013 (91)
- Maio 2013 (125)
- Abril 2013 (129)
- Marzo 2013 (105)
- Febreiro 2013 (94)
- Xaneiro 2013 (111)
- Decembro 2012 (93)
- Novembro 2012 (104)
- Outubro 2012 (116)
- Setembro 2012 (102)
- Agosto 2012 (106)
- Xullo 2012 (116)
- Xuño 2012 (105)
- Maio 2012 (126)
- Abril 2012 (106)
- Marzo 2012 (122)
- Febreiro 2012 (103)
- Xaneiro 2012 (117)
- Decembro 2011 (113)
- Novembro 2011 (132)
- Outubro 2011 (117)
- Setembro 2011 (107)
- Agosto 2011 (89)
- Xullo 2011 (99)
- Xuño 2011 (138)
- Maio 2011 (149)
- Abril 2011 (113)
- Marzo 2011 (141)
- Febreiro 2011 (149)
- Xaneiro 2011 (146)
- Decembro 2010 (133)
- Novembro 2010 (134)
- Outubro 2010 (198)
- Setembro 2010 (109)
- Agosto 2010 (90)
- Xullo 2010 (124)
- Xuño 2010 (119)
- Maio 2010 (136)
- Abril 2010 (122)
- Marzo 2010 (112)
- Febreiro 2010 (110)
- Xaneiro 2010 (152)
- Decembro 2009 (91)
- Novembro 2009 (111)
- Outubro 2009 (118)
- Setembro 2009 (91)
- Agosto 2009 (88)
- Xullo 2009 (92)
- Xuño 2009 (124)
- Maio 2009 (217)
- Abril 2009 (212)
- Marzo 2009 (155)
- Febreiro 2009 (150)
- Xaneiro 2009 (149)
- Decembro 2008 (141)
- Novembro 2008 (164)
- Outubro 2008 (178)
- Setembro 2008 (174)
- Agosto 2008 (102)
- Xullo 2008 (166)
- Xuño 2008 (140)
- Maio 2008 (121)
- Abril 2008 (149)
- Marzo 2008 (137)
- Febreiro 2008 (153)
- Xaneiro 2008 (165)
- Decembro 2007 (158)
- Novembro 2007 (196)
- Outubro 2007 (216)
- Setembro 2007 (133)
- Agosto 2007 (133)
- Xullo 2007 (131)
- Xuño 2007 (167)
- Maio 2007 (178)
- Abril 2007 (142)
- Marzo 2007 (169)
- Febreiro 2007 (139)
- Xaneiro 2007 (132)
- Decembro 2006 (114)
- Novembro 2006 (123)
- Outubro 2006 (138)
- Setembro 2006 (140)
- Agosto 2006 (126)
- Xullo 2006 (144)
- Xuño 2006 (131)
- Maio 2006 (140)
- Abril 2006 (123)
- Marzo 2006 (168)
- Febreiro 2006 (149)
- Xaneiro 2006 (165)
- Decembro 2005 (124)
- Novembro 2005 (149)
- Outubro 2005 (200)
- Setembro 2005 (161)
- Agosto 2005 (150)
- Xullo 2005 (161)
- Xuño 2005 (154)
- Maio 2005 (158)
- Abril 2005 (169)
- Marzo 2005 (162)
- Febreiro 2005 (184)
- Xaneiro 2005 (181)
- Decembro 2004 (137)
- Novembro 2004 (134)
- Outubro 2004 (186)
- Setembro 2004 (217)
- Agosto 2004 (191)
- Xullo 2004 (236)
- Xuño 2004 (205)
- Maio 2004 (160)
- Abril 2004 (128)
- Marzo 2004 (107)
- Febreiro 2004 (100)
- Xaneiro 2004 (111)
- Decembro 2003 (128)
- Novembro 2003 (164)
- Outubro 2003 (193)
- Setembro 2003 (207)
- Agosto 2003 (171)
- Xullo 2003 (53)
Abril 2014
D L M M X VS
    1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30      




Xerado con
Movable Type 5.2.3