Museo Etnográfico Monte Caxado

622

Unha vila, As Pontes de García Rodríguez; unha avenida, Monte Caxado; un colexio publico, “Monte Caxado”; historia, cultura, tradición… isto e, sen mais, o noso Museo Etnográfico.


Canto agarimo e ilusión encerran os corredores deste centro! Cantos refrexos de mans seguras e fortes se enxergan nas vellas pezas! Cantos suores, noites escuras e desvelos se adiviñan nas súas seccións! Contos na lareira, cantigas nas esfollas, brincadeiras nas fías, namoramentos nas segas e nas mallas, merendas nas matas dos porcos… que lonxe e irreal semella todo isto!
Si é certo. A historia e a cultura non se aprenden só nos libros. Non veñen neses textos os persoeiros protagonistas desa tradición de raigame popular, a vida dos nosos antergos que, coas súas mans rexas, o seu toque particular e os medios escasos, afrontan o labor de sacar adiante a súa familia e deixarnos así uns tesouros de grande valía para que nos, nunca consigamos esquecelos. Teñamos en conta seus exemplos, as súas experiencias e que isto sirva para enriquecela nosa formación cultural. De ser así pagaríamos, do mellor xeito, a contribución feita por todos eles.

Unha aperta: Asdo. Josefina Fernández

Agradecementos:
O noso agradecemento a Política Lingüística pola lª edición, Concello e C.E.M. de As Pontes pola 2ª edición e á Deputación Provincial pola ampliación e 3ª edición; ós nosos alumnos polo moito que queren e coidan do Museo; ós pais de alumnos e a tódalas persoas que, coas súas doazóns, son os que fixeron posible que hoxe o Museo sexa unha realidade. En representación de tódolos que formamos parte deste Colexio, quero expresarlle a José María o noso agradecemento pola inversión do seu tempo libre no Museo e, que este agradecemento, lle sirva de moeda compensatoria polo traballo realizado e o que está por facer.
Historia e obxectivos:
No curso 85/86, a proposta do mestre Jose Mª López Ferro, acordase no Claustro deste Colexio crear un Museo Etnográfico coma un proxecto pedagóxico mais. O motivo estaba claro pois, ó chegar a industrialización á vila, descenden os traballos artesanais, agrícolas e gandeiros. Quedan mais ben nos arredores, sendo os maiores os que seguen coas súas tradicións e, o seren poucos, moitos destes traballos desaparecerán.
Márcanse uns obxectivos pedagóxicos para os nenos:
-que coñezan os útiles, apeiros, ferramentas, etc., dos oficios, da labranza, da casa… empregados polos nosos devanceiros e que os identifiquen polo seu nome
-ampliación do vocabulario
-valoración da riqueza artesanal dos mesmos, e dicir, que se decaten que, a maioría, foron feitos pola mesma persoa que os precisaba, imprimíndolle-la súa personalidade
-que tiveran mais contacto coa realidade do agro
-que valoren a riqueza cultural galega en tódalas súas manifestacións
-conquerir que o Museo fose o lugar de consulta para traballos ou estudios de carácter etnográfico
Primeiramente mandáronse cortas ós pais dos alumnos pedindo a súa colaboración no tocante as donacións das pezas . Os pais colleron con agrado isto e comezan a chegar as pezas ó Centro.
O día 11 de Maio de 1987, ten lugar a inauguración oficial do Museo, para o que foron invitados tódolos organismos oficiais da vila, empresas, e especialmente, os socios do Fogar do Xubilado. Coa presencia do Sr. Alcalde, por aquel entón D. Xaime Vilaboy, e o cronista oficial de As Pontes D. Enrique Rivera Rouco, encargado da cerimonia, quedou inaugurado o Museo, que naqueles intres contaba con 250 pezas. Seguindo a súa andadura, o Museo é visitado por outros Centros e xentes doutras localidades e mesmo da nosa, estranxeiros coma os nosos irmáns franceses de Lesneven.
No curso 86/87, participase nun concurso escolar sobre “Apeiros de Labranza”, convocado polo Museo Provincial de Pontevedra “García Alén”, obtendo o primeiro premio os alumnos de 8ª. Colaborouse tamén na revista das festas do Carme. Foron expostas, temporalmente, pezas do Museo fóra do Colexio, etcÓ selo único museo desta vila, dende o curso 96/97 o Concello, xunto coa APA do Centro, asina un convenio que contempla a apertura ó publico en xeral durante as fins de semana e festividades de carácter local (Feira do Grelo, Feira de fungos e cogomelos…). No devandito convenio estipulase a contratación dunha persoa que fai de guía nos horarios establecidos.
A disposición dos visitantes está o “Libro de sinaturas” onde se recollen opinións e sinaturas sobre todo o exposto neste museo
Foto-01.jpg

Proceso de preparación das pezas:
Unha vez as pezas chegan ó Centro, o proceso a seguir e o seguinte:
– Identificación e catalogación da mesma
– Inventariado có nome da peza, nome do doante e lugar de procedencia
– Limpeza da mesma
– Restauración, só se o precisa
– Vernizado e adecentamento
– Colocación da peza no lugar correspondente
– Carteliño identificado co nome, doante, lugar e utilidade
foto2.jpg
Peza cando chega Peza restaurada

As seccións:
As mil cincocentos pezas están repartidas polos corredores do edificio 1 do Colexio, en distintas seccións (ver planos das dúas plantas).
PlantaMuseo.jpg

A casa.
Aquí recóllense varios apartados que van dende “A cociña” ata “Labores das mulleres”, “Nin pote ó lume sen touciño nin xantar na mesa sen viño”, “Unha vella fixo papas, botoullas o pote fóra, fai un ano que foi iso, inda agora a vella chora”, “Cunca chea, os ollos alegra”, “Comendo ben, o traballo non mata a ninguén”, “Come, neno, e criarte has; come vello, e viviras”
foto3.jpg

A Cociña: Lareira, Trebedes, Potes, Vaixelas, Cubertos, Rateiras, Tixolas, Testo dos freixós, Nateiras, Chiculateiras, Vasoiras, etc
Alumado: Candís, Velas, Palmatorias
Medida: Reloxios, Romanas
Moblaxe: Berce, Mesiñas, Cadros
foto4.jpg
foto5.jpg
foto-06.jpg

Labores das mulleres:
foto-10.jpg
foto-11.jpg

Mariquiña tecedeira, namorada dun galán, en un pé na premedeira e a lanzadeira na man.
foto-13.jpg

“Indo por eiquí embaixo fiando na miña roca, veu un paxaro trigal fuxeume coa mazaroca”
foto-14.jpg
foto15.jpg

“Costureira sen dedal, cose pouco e cose mal”, “Costureiriña bonita dame un alfiler de prata, para sacar unha espiña do corazón, que me mata”, “Costureira non a quero, tecelena xa me dan; teñen as pernas tullidas de estar a carón do chan”
foto-17.jpg
foto-16.jpg

“Luns mollo, o martes lavo, o mércores seco, o xoves saco, o venres peneiro, o sábado amaso e o domingo, que eu faría, todos me din que xa non é día”
Otras pezas da casa:
O viño: Rara era casa onde non había un garrafón para o viño que servía, tanto para acompañamento das comidas, coma para mata-lo frío do inverno coas sopas de cabalo cansado, torradas de viño tinto ou viño quente con azucre
foto-18.jpg

O Pan da casa:
Instrumentos a usar: Os instrumentos que imos empregar na elaboración do pan son os seguintes:
Artesa: onde se garda o fermento e faise a masa do pan
Rascadoiro e galla: para remove-la leña no forno
Pudia ou Loureiro romano: para varrer e deixa-lo forno ben limpo para coloca-lo pan
Copetas: nelas bótase a masa para darlle forma
A pá: para coloca-lo pan dentro do forno
foto-21.jpg
foto-20.jpg

“Cando o home ten leiras que traballar e a muller faria que amasar, na casa non falta pan”
Eu caseime na montaña Miña sogra é boa muller Válame Dios, mau amore
por terra de moito pan; Miña sogra é muller bóa, Sempre ves cando peneiro
o forna da miña sogra Ela come pan de trigo Se viñeras cando amaso
botaba silvas no vran. A min dame pan de brona. Daríache o bolo enteiro.
Materiais que se empregan:
Os materiais a empregar na elaboración do pan son: Fariña, Fermento, Auga e Sal.
Fariña: A fariña que se emprega é unha mestura de fariña de trigo (que se moe na propia casa) e a fariña comercializada. O pan non sae totalmente escuro, nin branco coma o das panaderías.
Fermento: Da última cocedura ten que quedar sempre un anaco de masa (levadura caseira); ponse nunha cunca de madeira ou prato, por riba do fermento leva un pouco de sal e despois tápase cunha verza (que se debe pasar polo lume). Esto era tradicionalmente, pois agora xa se garda nun tarro de marmelo con tapa. Este fermento pode durar dous ou tres meses e gardase sempre na artesa onde se amasa o pan. O fermento para cocer, prepárase o día anterior cuns sete quilos de fariña e con auga morna sen sal. O día seguinte, amásase con auga quente e sal e faise a masa do pan na artesa.
Sal.
Auga: O día anterior a cocer empregase auga sen sal, morna pero sen ferver, para facelo fermento.
Proceso de elaboración: Despois de facelo fermento o día anterior, amasase con auga fervida e sal na artesa. Sábese que esta ben amasado cando empeza a botar grumos: é dicir, como burbullas que saen da propia masa. Deixase levedar de unha hora a hora e media. Despois quentase o forno e a continuación tendese: e dicir, fanse os bolos metendo a masa na copeta. Cando o forno esta preparado ponse o pan na pá e métese no forno, colocando os distintos bolos para que caiban todos.
foto-22.jpg

Adiviñas:
Unha corte chea de ovellas brancas, ven unha moura e botas fora. Entre valado e valado hai un boi esbarrigado. Entre valado e valado hai un boi asoballado.
foto-24.jpg

Nota: Este apartado esta tomado dun traballo de investigación feito por varios mestres da localidade.
Outras seccións:
foto-26.jpg
A vella escola.
Non chores meniño
co vas pasar ben,
mercareiche un subiote
para tocar con el.
Cala meu meniño
deixa de chorar,
cos outros rapaces
no recreo has xogar.
Tes que ir meniño
tes que ir aprender,
Pepiño do Mato
xa sabe ler.
¡Quen che puxo medo
meu neno bonito!
Levas na bolsiña
queixo con pan trigo.
¡Xa estamos na porta
deixa de chorar!
O mestre é bo,
vaino saudar.
(Concha Blanco: “O primeiro día da escola”)

As chaves:
“A chave custa pouco, pero val moito”, “Ben boa é chave que tóda-las portas abre”, “O que ten chave, cando quere, abre”.
foto-27.jpg

O tabaco:
“Cigarro de guapo, moito papel e pouco abaco”, “Eu comparto e, compartido, fúmome un “celtas” diario: tabaco do proletario, do apreixado e do abatido…” (Xesús Rábade: “Confesión”)
foto-28.jpg

Os cartos:
“Do que che sobre, dá a súa parte ó pobre”, !Quen debe e paga, descansa”, “Mais vale do amigo que parente rico”, “Quén ten e dá, a mais, obrigado non está”, “Mais vale amigos na praza que cartos na arca”.
foto-32.jpg

Os xoguetes:
“Soñou que os reis lle trouxeran un cabaliño pequecho. Un cabaliño feituco, de pau de buxo, que abondaba con poñerlle unha man no rabo para que saíse voando coma unha anduriña. Montado nel, percorría a aldea vendo as leiras e os tellados das casas dende alá arriba. En veces parecíalle que iba caer e esfachicarse co xoguete milagreiro…” (Neira Vilas: “O cabaliño de buxo”)
foto-37.jpg

Os cesteiros:
foto-39.jpg

A matanza: “Fígado con cebola ben fritida i unha folliña de loureiro cheiroso, que inda a un morto ben morto dera vida de tan rica, tan tenra e tan saborosa. Raxo e sorsa cun cheiro que convida i a sangue das morcillas sustanciosa en fregada caldeira rebotando, a que fagan morcillas convidando” (Rosalía de Castro).
foto-42.jpg

Bacía de dous metros de longo coa particularidade de estar feita toda ela nunha soa peza, escavada nun toro de arbore. Calcúlase que a súa antigüidade excede bastante os cen anos. Esta bacía servía para salgala carne dos porcos. Cubríase ben con sal gordo e deixábase ben cuberto con el e tapábase a bacía, alomenos durante 21 días. Logo sacábase a carne e poñíase a curar o fume da lareira. Para as xentes de antes, a matanza dos porcos era todo un ritual. Primeiro matar, logo partir; os roxóns, os chourizos… o poder matar un porquiño ou dous para o ano supoñíalles fartura. Xa había touciño para o caldo, unto, pingo e cachola para o antroido. Do fociño ó rabo, do porco todo e aproveitable e bo: sangue para as filloas, fígado para encebolar, tripas para cocer.
Os zoqueiros:
foto-44.jpg

Ferramentas: 1 Serra; 2 Macico; 3 Machado; 4 Tesouras; 5 Burro de desbastar; 6 Anxola ou Anzuela; 7 Machado pequeno; 8 Trade; 9 Burro de excavar ou Gastallo; 10 Tronzón; 11 Gubias; 12 Llergas; 13 Prato; 14 Revocador; 15 Mazo; 16 Coitelo; 17 Bastrén; 18 Repenisco.
foto-45.jpg

Os carpinteiros:
foto-47.jpg
foto-48.jpg
foto-49.jpg

Os latoeiros:
foto-51.jpg
foto-52.jpg
foto-50.jpg

Fouciñas de varios tipos. Pedra de afiar co seu corno para levala mollada. Zafra e martelo de crabuñar. A gadaña a as súas variantes.
foto-53.jpg
foto-54.jpg

“Labrador sen horta, fame á porta”, “Quen sexa labrego honrado, ten que vivir do seu traballo”, “Súa o labrego mentres outros non queren vir ó rego”, “Ó labrador descoidado, cómenlle os ratos o sementado”, “Para muiñeiro, forneiro e hortelán, non hai senón pan”.
foto-55.jpg
foto55.jpg
foto-58.jpg

Se queres que o carro cante
móllalle o eixo no río
que despois de estar mollado
canta coma un asubío.
foto-59.jpg

foto-60.jpg Non canta na chan ninguén,
por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben,
que a señardade me espanta.

Os serrachíns:

foto-61.jpg
foto-63.jpg

Os cabalos:
Dentro desta sección adicada ós cabalos, hai que suliñar esta montura. Peza de 1893 que cecais fose de xente con certo poder económico, xa que o coiro está adornado e os estribos son de madeira labrada e latón.
foto-65.jpg

A relixiosidade:
“Chamoume o cura no adro para botarme un responso, díxome que era pecado ir de noite apañar ó toxo”
foto-67.jpg

foto-69.jpg
foto-70.jpg

Os documentos:
foto-72.jpg
foto-73.jpg

Consideracións finais:
Somos conscientes de que neste traballo non se inclúe todo o que nos quixeramos e de que tamén, se cadra, cometemos algún erro sen decatarnos, pero como a nosa intención e dar cumprida información sobre o que temos exposto, coidamos que esta páxina se complementará totalmente coa visita a este Museo Etnográfico. Queremos suliñar que isto seria algo morto se só quedase reducido a unha cantidade de pezas colocadas nos corredores do colexio. Non e así neste caso. Tentamos de darlle vida propia, participación activa do alumno e ampliación do campo da etnografía recollendo refráns, adiviñas, cantigas e tódalas aportacións posibles da nosa cultura coa finalidade de que non se perdan. Son innumerables as aportacións que presta, tanto cara o alumnado a hora de visitar outros museos e recoñecela súa historia, como para o profesorado á hora de elaboración de traballos propios do ensino. E así como algo que comezou como un proxecto educativo, hoxe está a demostralo seu ben definido carácter como testemuña do pasado desta terra e de todos nós.
Visitas guiadas:
Venres de 17 h. a 19 h.,
Sábados de 17 h. a 19 h.,
Domingos de 11 h. a 13 h.
Teléfonos de contacto: 981 450 086 ou 658 046 898

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios