Bretaña: os seus Santos e as súas Romarías; por Antón Ferreiro

145

Os santos teñen un lugar moi importante na vida cotiá, sobrevivencia do politeísmo céltico. A cada necesidade da vida correspóndelle un santo, xa que os bretóns teñen con eles unha relación simple e familiar.


A rexión mais bonita e pintoresca de Francia, Bretaña, cun certo parecido a Galicia, aínda que moito mais cha, con 34’077 quilómetros cadrados e 1.500.000 de habitantes (incluído o departamento -provincia- de Loire-atlantique, que forma parte da Bretaña histórica, pero non da rexión administrativa actual, e cuxa capital e Nantes, que tamén o é da rexión do Pays de Loira), cunha importante tradición celta e con mais do 30% da súa poboación que fala. Ou entende a lingua bretona -unha das derradeiras linguas celtas de Europa- ten un profundo sentimento relixioso, como sucede na vella Irlanda de San Patricio.
O pobo bretón e fiel as súas crenzas e tradicións, moitas delas herdadas dos celtas, as cales foron desprezadas pola Igrexa para extirpar calquera referencia o paganismo. Como testemuño deste sentimento relixioso está o gran número de fontes sagradas, peregrinaxes, (ex-votos), capelas votivas, catedrais, igrexas por tódalas partes, ata nos recunchos mais afastados, e en tódolos sitios, principalmente nos cruces dos camiños, atópanse os típicos (calvarios), semellantes os nosos cruceiros.
Pero, se estes non lles atenden como desexan, os fieis poden entonces facerlles reproches. Como e lóxico, o culto ós santos perpetuase ata hoxe. Cóntanse por centenas (incluso por milleiros, 7500 segundo unha publicación do bispado de Quimper). Tan so tres son oficialmente recoñecidos pola Igrexa, o resto só o son polo pobo, que os considera como santos. Pero, antes de seren cristiá, a antiga Armórica foi celta, pobo que se estableceu neste país da fisterra francesa ala polo segundo milenio da nosa Era, procedente da rexión do Danubio. Os vestixios do Neolítico son moi notables en Bretaña, como son os aliñamentos de menhires, crómlechs e outros dolmens, que teñen mais de 3000 anos, como son os aliñamentos megalíticos de Carnac (3000 menhires), o de Erdeven (1100 menhires) e o de Kerzhero (que esta estendido o longo de dous quilómetros con mais dun milleiro de pedras, algunhas de ata cinco metros de altura), no departamento de Morbihan, e os de Lagat-Jar, cerca da pequena cidade de Camaret-sur-Mer, na península de Crozon (Finistére). En Commana (Finistére), está o interesante camiño cuberto, tipo dolmen, de Mougau-Bian, que foi visitado polos ponteses no encontro de l995.
Entre os séculos V e II antes de X.C. os celtas están no seu apoxeo e ocupan grande parte da Galia. Pero, pouco a pouco, os romanos vanos sometendo ata o século I desta Era. Polo que ó pobo celta non lle queda outra saída que refuxiarse nos puntos mais occidentais de Europa, como Armórica, Cornualles, Gales, Escocia, Galicia…
Deste xeito conseguen manter viva a súa orixinal cultura. Os druídas galos mantiñan nesta época relacións regulares, especialmente coa Britania insular (Gran Bretaña). Nos séculos V e VI a situación é distinta o producirse as grandes invasións bárbaras que desmembran a un agonizante imperio romano.
E nesta época cando xorden os chamados “santos bretóns”, que acompañan ós celtas británicos, cando a Britania e invadida polos saxóns, dirixíndose principalmente a península armoricana e un grupo desprazase incluso ata Galicia, establecéndose na comarca Bretona.
Estes celtas eran cristiáns dende facía moitas xeracións. Na súa viaxe a Bretaña, traen con eles os sacerdotes e monxes de Gales, de Cornualles ou de Irlanda. Iltud, Samson. Tugdual, Brieuc, Cado son algúns destes sacerdotes que chegan a un pais cun cristianismo algo empobrecido, cunhas practicas espirituais ocultas moi semellantes as dos seus devanceiros.Crean mosteiros, como os de Landévennec (Finistére), Dol-de-Bretagne (Ille-et-Vilaine) e Saint-Gildas de Rhuys (Morbihan). Constrúen oratorios e ermidas por todas partes e comezan a evanxelización destas xentes bretonas que falan unha lingua moi parecida. Son ben recibidos pola poboación nativa, que incluso os canoniza, sen preocuparse do que diga Roma, que nunca recoñeceu oficialmente a estes santos, que foron numerosos.
Sete deles son os mais importantes. Tratase de San Samson, San Malo, San Brieuc, San Tugdual, San Pol Aurélien, San Corentin e San Patern. Son os chamados sete santos “pais da nación bretona”, os que fundaron os sete bispados de Bretaña (Dol-de-Bretagne, Saint-Malo, Saint-Brieuc, Tréguier, Saint-Pol-de-Léon, Quimper e Vannes), e ós que había que renderlles homenaxe alomenos unha vez na vida, na chamada peregrinación da “Tro Breiz”. Resulta paradóxico, pois rara vez se atopan xuntas as imaxes destes santos. A fonte dos Sete Santos, na capela de Saint-Laurent, en Yffiniac, cerca de Saint-Brieuc (Cotes d’Armor) é un deles. Estes santos tiveron durante a súa vida e nos séculos seguintes un gran prestixio, ata tal punto que hoxe en día son os patróns das antigas dioceses: San Patern en Vannes, San Corentin en Quimper, San Pol Aurélien en Saint-Pol-de-León, San Tugdual en Tréguier, San Brieuc en Saint-Brieuc, San Malo en .Aleth-Saint-Malo e San Samson en Dol-de-Bretagne. A Idade Media engadiu con moito fervor a esta lista o nome deYves Hélory, o célebre Saint-Yves de Tréguier, do cal falarei mais adiante.
Por outra banda, moitos dos seus discípulos, como San Ronan e San Gildas realizaron peregrinacións deixando unha pegada moi profunda en lugares como Saint-Renan, baía de Saint-Brieuc , illa de Houat, peninsula de Rhuys (Morbihan). Outros foron tan populares que o pobo dedicoulles moitas capelas na súa honra, como e o caso de San Maudaz, que ten mais de sesenta.
Nunha escala mais modesta están outros santos, cuxo nome esta asociado con frecuencia os sufixos LOC (ermida en bretón, como Locronan, Loctudy), LAN (monasterio, Landerneau, Landivisiau, Lannilis, Landévennec, Lannion) ou PLOU (a parroquia, Ploudaniel, Plougerneau, Plounêour-Menez, Ploudiry, Plounéour-Trez, Plouescat). Todas localidades achegadas a Lesneven.
Pero, a evanxelización non foi doada, xa que os celtas bretóns eran moi relixiosos, pero veneraban ás forzas da natureza, honraban a numerosas divindades e tiñan certa predilección polo sobrenatural. De aí que os santos bretóns actuasen con firmeza, pero o mesmo tempo con astucia. Por iso, son coñecidos como os santos que mataron os sete dragóns Así, San Malo dominou á serpe da illa de Cèzembre, San Pol venceu ó dragón que aterraba a illa de Batz (visitada polos ponteses no ano 1991), San Tugdual en Tréguier e San Maloire en Dol fixeron o mesmo. Preto de Plestin-les-Grèves, San Eflam arrebolou ó mar o dragón que ameazaba incluso o rei Arturo (o dos cabaleiros da mesa redonda) e San Armel venceu o dragón que habitaba no bosque de Brocéliande, preto de Rennes.
Como podemos observar, o dragón representa o culto pagán que hai que erradicar e o combate co santo bretón simboliza a victoria das forzas da luz da verdadeira fe contra as forzas do mal.
Os santos curandeiros e os protectores dos animais:
O mesmo que pasa en Galicia, na Bretaña o culto os santos curandeiros e moi antigo e esta moi estendido. Estes santos curandeiros teñen unha aparencia moi semellante a humana, incluso son vestidos, moitas das veces, como os campesiños, co mesmo traxe e o mesmo sombreiro, para facelos mais achegados a eles.
Segundo a tradición, San Yvertin é moi bo para as enfermidades da cabeza. Este santo colle a cabeza entre as mans na imaxe da capela de Notre-Dame-du-Haut, en Trédaniel (Cotes d’Armor). Tamén son bos para as dores de cabeza San Miliau e Santa Noyale. Para os do ventre esta San Mamert; San Nicomedes protexe das epidemias, San Tugen da rabia, enfermidade da que tamén protexe San Roch, ademais da peste, a lepra e a sarna. A Santa Apolonia acódese para as dores de moas e a San Meen para os males da loucura. Por outra banda, hai un santo, San Diboan, o que so hai que acudir en casos extremos. Na auga das fontes que están consagradas a el (cerca de vinte, sendo a mais importante a de Trémeven, preto de Quimperlé, no Finistére sur) ten o poder de acelerar o destino das enfermidades perigosas. Este santo non troca o destino, pero apresura as cousas poñendo fin o mal e a ansiedade dos mais próximos ao enfermo, xa que se este debe sandar, sandara rapidamente nada mais tocar a auga da fonte; e se, polo contrario, debe morrer, o instante deixara de vivir. Tamén hai os santos curandeiros e protectores dos animais. Tanto na época celta coma na Idade Media. Bretaña era unha sociedade rural e os animais ocupaban un sitio moi importante, pois eran o seu sustento e o seu medio de transporte, como as vacas e os cabalos. Por iso, non sorprende que tamén teñan os seus santos protectores.
As vacas e outros animais de cornos teñen como santos protectores a Saint-Cornély na Bretaña sur, e Saint-Herbot, na Bretaña norte. Saint-Eloi, que non e bretón, Saint-Thélo e (os dous celtas) protexen os cabalos. San Antonio e Saint-Ké son os dos porcos e Saint-Iltud o das aves.
Outros santos protectores son: San Friac, que vela polos xardíns e Santiago polos mariños.
Sainte-Barbe (Santa Bárbara) e a patroa dos bombeiros e das persoas que manexan explosivos.
Por outra banda, hai outros santos que soamente son coñecidos na súa parroquia, como e o caso da Nosa Señora da Leite (Notre-Dame de “crée lait”,), en Nantes (Loire-Atlantique), venerada polas mulleres que non poden dar leite ós nenos; e Saint-Allant-et-Venant (o “San que vai e ven”), invocado para que veña en axuda dos nenos de Rezé (nos arredores de Nantes), que son lentos en dar os primeiros pasos.
En canto as santas, estas coidan en especial as mulleres en idade de enxendrar. As mozas namoradas para saber se o casamento estaba próximo ían a Ploumanac’h (Cotes d’Armor) e intentaban poñer unha agulla no nariz de San Guirec. Se agulla se mantiña era bo sinal. Ante unha posible esterilidade hai que visitar a misteriosa Venus de Quinipily, preto de Baud (Morbihan) ). Santa Agathe, na pequena capela de Langon (Ille-et-Vilaine), nas marxes do río Vilaine, é a protectora dos seos.
As nais que tiñan problemas para dar o peito, deben pasar pola fonte da Nosa Señora das Tres Fontes, en Briec (Finistère). Santa Nonna, San Ivy ou San Derrien son os protectores dos nenos ante as enfermidades. Nembargantes, para prevelas existen fontes como as da Nosa Señora do Traon, na capela de Plouguerneau (cerca de Lesneven), a de San Jaoua, en Plouvien (pequena vila tamén situada cerca de Lesneven) ou a de San Nicomedes en Saint-Nicolas-des-Eaux
(Morbihan). Nelas báñase ós nenos ou mollase a súa roupa para que sexan robustos. Na fonte de They de Plouhinec (Finistère) hai que ofrendar unha peza de roupa do neno coa que se vestira a súa estatua. A fonte de San Efflam, en Plestin-les-Grèves (Cotes d’Armor) vaise cando a parella ten algún problema. ¡ Alí confirmase a virxindade ou non da muller, informa os maridos celosos e di quen son culpables de adulterio!

Sainte Anne la Palud-Plovenez-1.jpg

Santa Ana Patroa de Bretaña:
Sen dubida ningunha, a santa mais venerada de Bretaña e Santa Ana, que esta considerada como a súa patroa. O culto a esta santa, esposa de Xoaquín, nai da Virxe, e unha interpretación cristiá do que se viña tendo a deusa celta Ana e esta moi presente na conciencia do pobo bretón.
Os primeiros misioneiros que evanxelizaron Armórica déronlle unha gran vocación, e o seu culto esténdese a Igrexa Universal no ano 1584.
En 1623 vivía na aldea de Keranna, parroquia de Pluneret, preto de Auray, Yves Nicolazic, un humilde campesiño duns trinta anos, que a partir de Agosto de 1623 e ata o 25 de Xullo de 1624, ten, en repetidas ocasións, aparicións dunha señora vestida de branco, que lle revela que no campo de Bocenno fóralle dedicada unha capela e que posteriormente fora destruída había “924 anos” e pídelle a reconstrucción do santuario. Lonxe de estar entusiasmado, Nicolazic esta mais ben asustado ante o que lle poida suceder burlas, escepticismo, etc. A misteriosa señora insiste, as investigacións oficiais comezan, pero non se lle da moita importancia. Sen embargo, a proba definitiva chega as once da noite do 7 de Marzo de 1625. A habitación do campesino iluminase cun facho de vivo resplandor. A luz vai uns quince pasos diante de Nicolazic e outros lugareños, deténdose no campo do Bocenno e por tres veces elevase e descende nun mesmo sitio, o cal se escava e descóbrese unha antiga estatua de madeira desfigurada. Construíuse unha pequena capela no mesmo sitio e o 26 de Xullo de 1625 celebrouse a primeira misa. A actual basílica foi construída no século pasado, o lado da mesma hai un gran monumento dedicado os 240.000 bretóns mortos na “Gran Guerra” (a primeira guerra mundial, 1914-18).
Locronan-A gran Tromenie-1.jpg

E dende aquela data, o 26 de Xullo, grandes procesións honran a Santa Ana, en lembranza da que actualmente esta considerada como a patroa dos bretóns, nunha das peregrinaxes mais frecuentadas de Bretaña e incluso de Francia.
Locronan-A gran Tromenie-2.jpg

Unha santa que e venerada con gran devoción en moitos lugares da xeografía bretona, ata tal punto que nunha pequena vila costeira da baía de Douarnenez, preto de Locronan, PLONEVEZ-PORZAY, celebrase unha importante romaría, a mais antiga de Bretaña, cuxa lenda reza o seguinte: “de morto ou de vivo, a Sainte-Anne-la-Palud unha vez debe ir todo bretón”.
Sainte Anne la Palud-Plovenez-2.jpg

As romarías de Bretaña: os perdóns
Un dos principais encantos de Bretaña radica na celebración das festividades relixiosas, que xurden a partir do século XV, coa construcción de igrexas e cando se xuntan os peregrinos en grandes asembleas para obter o perdón dos seus pecados, e así ganar indulxencias. Estas asembleas, que a Igrexa denominou “pardons” (perdóns), semellantes as nosas romaxes populares, son hoxe en día un bo expoñente de poder admirar os vistosos traxes tradicionais (con ricos bordados dourados e as altas cofias que levan as mulleres bretonas) e poder coñecer a alma do pobo bretón, marcada dun profundo carácter relixioso. Cada aldea, cada pobo, cada pequeño lugar ten o seu perdón particular. Estas típicas romarías bretonas teñen, igual cas galegas, algo de relixioso e algo de profano, e noutras épocas tiñan un papel social moi importante. Era a ocasión para estreitar os lazos familiares e ó mesmo tempo había feiras de gando e outro tipo de reunións para facilitar os intercambios e o comercio.
Todo “Pardón” (perdón) bretón comeza sempre cunha misa solemne, a maioría das veces o aire libre, a que segue unha procesión o son dos cánticos relixiosos en francés e en bretón. Sobre as persoas sobresaen os brillantes estandartes, as espléndidas cruces de orfebrería, as ofrendas e as estatuas e reliquias dos santos honrados, para rematar coa festa prol~ana Na costa, o perdón esta acompañado por unha bendición do mar (un dos principais recursos do pobo bretón) como sucede en Saint-Briac (Cotes d’Armor), en Larmor-Lage (Ste. Anne-d’ Armor) e na illa de Groix, no departamento de Morbihan. A procesión faise en barco e tíranse flores o mar en memoria dos mariños falecidos. En Galicia temos moitos exemplos desta clase de romarías, sendo a mais importante a que en moitas vilas se dedica a Virxe do Carmen.
O Saint-Cornely de Carnac (preto de Lorient, Morbihan) tiña lugar tódolos anos o 13 de Setembro. Os labregos de Auray e doutras parroquias veciñas viñan para pedir o “patrón dos animais con cornos” que os protexeran. Durante a noite, arredor da igrexa e da fonte de Saint-Cornely -cuxas augas tiñan poderes milagreiros- había procesións de animais. Na actualidade, este perdón celebrase o segundo domingo de Setembro, pero sen a presencia dos animais.
En cambio, os dedicados os cabalos, antes moi numerosos, mantiveron as súas tradicións, como era a bendición dos engalanados animais. Os mais importantes son os de Saint-Pever e Goudelin (Cotes d’Armor), Ploudalmezeau e Saint-Eloi (Finistère) e o de Quistinic (Morbihan).
Para obter o perdón do santo, segundo os casos, os cabalos deben beber a auga da fonte ou lavarse as partes fráxiles do corpo, ou ben saltar por enriba da fonte. Na romaría de Saint-Herbot (Finistère), nos Monts d’Arrée, os labregos ofrendaban as mechas das colas das vacas e dos bois.
Cada seis anos, seguindo un calendario celta, entre o segundo e terceiro domingo de Xullo ten lugar a Gran Romaxe de Locronan (o San Andres de Teixido bretón), chamada “TROMÉNIE”, único perdón que dura unha semana, de domingo a domingo. Esta celebre peregrinación ten un percorrido de orixe celta, o “Nemeton”, -palabra galesa que significa santuario- e que facía, sen almorzar e descalzo, o fundador desta pequena vila, Saint-Ronan, situada a 80 quilómetros o sur de Lesneven. Faise unha peregrinaxe de 12 quilómetros (3 leguas) a través de camiños, sendeiros e campeiros.Tras dos estandartes e as cruces van os romeiros en silencio. A vindeira “Tromenie” será no ano 2001.
A manteiga, símbolo da fecundidade e de riqueza, e o centro do perdón de Spezet (Finistère). O domingo de Trindade faise unha gran “pella” de manteiga e é finamente decorada para a Virxe, despois colocase na capela de Notre-Dame du Crann de dita localidade. Un dos centros relixiosos mais importantes de Bretaña, e sen dúbida algunha, SANTA ANA DE AURAY, departamento de Morbihan, que celebra a súa romaría o 26 de Xullo e a onde acoden peregrinos de toda Bretaña e incluso do resto de Francia. Os peregrinos fan de xeonllos a reproducción da “Scala Santa”, recitando un Ave María en cada paso. Esta mesma santa, a mais venerada de Bretaña, tamén ten o perdón de Sainte-Anne-la-Palud, en Plonevez-Porzay (Finistère), o domingo seguinte o 15 de Agosto.
Saint-Yves-Treguier.jpg

O perdón de Saint-Yves, patrón de Bretaña e dos Avogados:
O patrón de Bretaña e dos avogados, Saint-Yves, e honrado nun dos mais importantes perdóns bretóns, que se celebra o terceiro domingo de Maio en Minihy-Treguier, preto da pequena cidade medieval de Tréguier (irmandada con Mondoñedo dende o pasado ano), no “Pays de Tregor”, departamento de Cotes d’ Armor.
Saint-Yves-La Roche.jpg

Naceu este santo bretón na casa señorial de Kermatin, en Minihy-Tréguier no ano 1253. Ós catorce anos foi a París a estudiar dereito e teoloxía. Trece anos mais tarde volta a Bretaña, e despois de exercer como xuíz eclesiástico en Rennes chega a párroco dunha pequena e humilde parroquia de Tréguier distinguíndose pola súa xustiza e o seu amor polos pobres, facendo unha vida ascética, e como proba de fe, non almorzaba tres veces por semana, vestía unha prenda de cerdas e durmía no chan cunha pedra como almofada. Por mor das privacións e do intenso traballo dedicado os pobres morreu os 50 anos de idade o 19 de Maio de 1303. No ano 1347, o señor de Kermartin, como así era coñecido, foi canonizado polo papa Clemente VI, e o seu culto propagouse rapidamente por toda Bretaña e incluso fora. A esta gran romaría, coñecida como a dos pobres, acoden persoas de leis e avogados de todo o mundo. Saint-Yves entre o rico e o pobre: na igrexa de La Roche-Maurice (Finistère) e na catedral de Tréguier (Cotes d’Armor).
Saint-Michel de Lesneven e Notre-Dame de Le Folgoët
Ata o século XV en Lesneven tiña lugar o perdón de Saint-Michel, a onde acudían peregrinos de todo o “Pays de Léon” (Finistère norte) e incluso de Cornouaille (Finistère sur) A partires de dito século a devoción dos lesnevenses trasladouse a veciña Le Folgoët. Este perdón e un dos mais antigos de Bretaña, e ten a súa orixe ala polo ano 1350, cando un pobre, coñecido por Salaun ar Fol, que vivía no linde dun bosque cerca de Lesneven, que era algo atrasado e que para pedir ou agradecer so dicía as palabras “Ave María”. A súa morte brotou na súa tumba unha planta de lis coa inscrición “Ave María” e cuxa raíz saia da boca de dito mendigo. Esta e a orixe da devoción a Nosa Señora (Notre Dame), e na súa honra foi Construída a impresionante basílica de Le Folgoët, que celebra unha das romarías mais antigas e importantes de Bretaña o domingo que precede o 8 de Setembro.
Outros importantes perdóns:
Outros perdóns de certa importancia no departamento de Finistère, o mais occidental de Bretaña son os de:
PLOUGUERNEAU ( l ° domingo de Xuño en honra a San Pedro e San Paulo);
PENMARC’H (15 de Agosto, Na Sa da Alegría “Notre-Dame de la Joie”);
CHÁTEAUNEUF-DU-FAOU (“N.D. des Portes”, penúltimo domingo de Agosto); e
RUMENGOL (Nosa Señora de Rumengol “N.D. de Rumengol”, domingo de Trindade).
En Cotes d’ Armor:
GUINGAMP (Na Sra. do Bo Socorro “Notre-Dame de Bon Secours”, 1° domingo de Xullo);
LOUDEAC (Perdón de Querrien, 15 de Agosto);
PERROSGUIREC (Na Sra da Luz, “N.D. de la Clarté”, 15 de Agosto);
LAMBALLE (Na Sra do Gran Poder “N.D. de Grande Puissance”, 8 de Setembro ou domingo mai.s próximo); e
MONCONTOUR (“Saint-Mathurin”, en Pentecostes)
No departamento de Ille-et-Vilaine:
MONTAUTOUR (Na Sra da Pena “N.D. du Roc”, 1° domingo de Xullo);
BECHEREL (“Tromenie” da Alta Bretaña, 15 de Agosto);
MONTDOL (Perdón da Virxe, 15 de Agosto):
SAINT-SULIAC (Perdón do Mar, 15 de Agosto);
SAINT-DIDIER (Peregrinaxe da “Notre-Dame de La Peiniere”, la quincena de Setembro); e
FOUGERES (Na. Sra das Marismas “N.D. des Marais”, 1° fin de semana de Outubro).
No Morbihan:
GUERN (Na Sa de Quelven, 15 de Agosto);
ROCHEFORT-EN-TERRE ( “N. D. de La Tronchaye”, 3° domingo de Agosto);
JOSSELIN (“N.D. du Roncier”, 7-8 de Setembro); e
HENNEBONT (Na Sa do Desexo, “N.D. du Voeu”, 3° domingo de Setembro).
No departamento de Loire-Atlantique:
BATZ-SUR-MER (Perdón de Saint Guénolé, 1° domingo de Agosto); e
LA BAULE (Perdón de La Baule, derradeiro domingo de Agosto).
Perdóns curiosos
En Porcalo, pequena localidade situada ó nordés do departamento dc Morbihan, o 15 de Agosto de cada ano os amantes das motos teñen unha curiosa romaría, o perdón da “Madonna des Motards” (“Señora dos Moteiros), creado no ano 1979. O párroco desta localidade bendice as motos que acoden a esta insólita romaría. En 1995 foron bendicidas unhas 6.000 motos. En 1954 foi creada na vila de Vieux-Marché, no departamento de Côtes d’Armor, a romaría cristiano-musulman, que simboliza o achegamento destas dúas relixións monoteístas, con misas católicas e rezos musulmáns (Fahliya). Ten lugar o derradeiro domingo de Xullo en lembranza dos sete Santos de Éfeso.
A “Tro-Breiz” (o Camiño de Santiago bretón )
Para honrar os sete santos fundadores do cristianismo en Bretaña, a partir do século XII, estableceuse unha peregrinaxe, que naquela época medieval constituía unha obriga para todo bretón. Seguindo un itinerario, o camiñante tardaba un mes en percorrer a pe un total de 765 quilómetros para adorar as tumbas dos santos: Saint-Patern venerado en Vannes, Saint-Corentin en Quimper, Saint-Pol Aurelien en Saint-Pol-de-Léon, Saint-Tugdual en Tréguier Saint-Samson en Dol-de-Bretagne e Saint-Brieuc e Saint-Malo nas súas respectivas cidades.
Esta e a orixe da TRO-BREIZ”, andaina ou volta a Bretaña, que lembra o espírito celta bretón. Segundo a tradición, “quen non fixera a Tro-Breiz de vivo, debera face-la de morto avanzando cada día a lonxitude do seu sartego”.
Entre os séculos XIII e XV esta peregrinaxe a pe reunía a milleiros de peregrinos que debían cumprir este acto de piedade e acollemento unha vez na vida. Segundo datos do século XIII, como son as ofrendas recollidas, calculase que entre 20.000 e 30.000 persoas facían esta peregrinaxe cada ano, unha cifra considerable para aquela época. Foi caendo en desuso a partir do século XV, e despois das Guerras da Liga, foise adaptando os tempos de hoxe . En agosto de 1994 volveu, pero doutra forma. Seiscentos xoves cristiáns fixeron entre quince e trinta quilómetros diarios entre Quimper e Sant-Pol-de-Léon. O ano seguinte fixeron a segunda etapa para chegar a Tréguier; en 1996 de Tréguier a Saint-Brieuc; en 1997, de Saint-Brieuc a Saint-Malo; neste ano 1998, será a cuarta etapa entre Saint-Malo e Dol-de-Bretaña, o traxecto mais curto (24 qms.). En 1999 os peregrinos van cara o sur, a capital do Morbihan, Vannes, e no ano 2000 a Quimper, capital de Finistère, ata completar os 765 quilómetros da peregrinaxe.
Este itinerario espiritual e cultural permite descubrir (a pe, a cabalo, en bicicleta ou en coche) o rico patrimonio relixioso bretón, coas grandes catedrais con magníficos campanarios (a maioría do período gótico, como as de Quimper, Tréguier, Dol), as innumerables igrexas e capelas, con campanarios que maravillan o visitante, como os da capela de Kreisker en Saint-Pol-de-Léon, o da basílica de Le Folgoët ou o de Pleyben; os conxuntos parroquiais (Sizum, Lampaul-Guimiliau) e os típicos calvarios (cruceiros), con figuras esculpidas na pedra representando escenas da paixón de Cristo, a maioría erixidos no século XV, sendo os mais importantes os de Tronoën, Guimiliau, Plougastel-Daoulase Pleyben, Lanrivain, Guéhenno, algúns con cen, duascentas … figuras esculpidas.
Tal diversidade de monumentos ricamente adornados atópanse neste pintoresco país, e nos que se expresa a creatividade e o fervor relixioso dun pobo cunha identidade propia, amante e orgulloso da súa terra e defensor a ultranza do seu patrimonio histórico e cultural.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios