O MUNDO DA GAITA

701

Cunha orixe que non se ten moi claro, a gaita é considerada coma o instrumento da música celta.
Moi a pesares do que se poda pensar a gaita ou “Cornamusa” non ten a súa orixe nos pobos celtas (Irlanda, Escocia, Galicia, Asturias, Bretaña…). A orixe da gaita esvárese no tempo, tendo as primeiras nocións da súa existencia aló polo século VIII antes de Cristo poñendo como a primeira no norte da India, e moito despois coñecida coma un dos instrumentos favoritos do melómano e tolo Nerón. Na Idade Media foi usada para “acender” os soldados antes de pelexar.


Ai meu ghaiteiriño, aínda m’acordo cando viñas po’lo monte abaixo dicindo: “Bota a carne no pote Marianiña, Bota a carne no pote Mariana…”

1.- A GAITA.
Na historia da gaita hai conflicto e controversia sobre da súa orixe, evolución e espallamento.
Hai varias razóns probables para a falla de información histórica sobre da gaita. Os instrumentos en sí mesmos, feitos por enteiro o case que de materiais orgánicos, pouco duradeiros a longo tempo. Con seguras excepcións, eran os instrumentos do pobo, usados con pouco interese. Ficaron colgados sobre dunha parede e aínda cando alguén lle meteu tubos de metal, as malas condicións de almacenaxe haberían sido o fin deles. Na maioría das veces o uso da gaita era dos labregos e asociouse ás persoas de condición social baixa tais coma pastores e granxeiros. Para atopar calquer cousa relativa á gaita, cunha una pisca de detalle e variedade que nos dea confianza, debemos saltar ao 1619, ó libro ilustrado sobre “Organografía” de Pretorius. Nembargantes, e unha vez que o seu uso se esquece só quedaría nos pobos costeiros do norte e oeste de Europa, sendo adoptada po-los herdeiros de aqueles pobos que mantiveron vivo o seu son e que colleron para o seu folclore propio e que aínda hoxe coñecemos como Celta.
Na actualidade existen multitude de tipos de gaitas cuxo modo de defende-las tradicións musicais son diferentes dependendo da localización destes instrumentos. Así podemos atopar gaitas Galega, Asturiana, de Fole ou Portuguesa, Zamorana, Escocesa, Irlandesa, Bretona, Aragonesa, Catalana e Balear; todas elas caracterizadas por ter una dobre lingüeta no soprete, aínda que a Galega pode ser considerada como única no seu xénero por canto que presenta dous tubos roncóns, fronte as demais que presentan un ou mais de dous. Tamén atopamos Gaitas con esta e outra denominación en Italia, Grecia, India, Norte de África, Ucrania, países árabes e do afastado oriente, todas elas con lingüeta simple no soprete.
¿Como é a gaita?
A gaita e un instrumento de vento que na súa forma mais sinxela consiste nun tubo furado, ou punteiro, feito de cana e posto nun odre, que é onde se fai reserva do ar, este entra no fol a traveso dun segundo tubo que ten unha
válvula que non deixa que fuxa o ar, que se mete alí cos pulmóns do gaiteiro, quen o aperta co seu brazo para manter o que se chama “tempero”.
Hoxe en día toda-las gaitas evolucionaron dende este tipo simple, pero mentres algunhas chegaron a un alto nivel de perfección artística, outras quedaron no mesmo estado primitivo. O primeiro avance na gaita simple foi o engadido doutro tubo que da a nota continua, e esto é agora unha das características principais de toda-las gaitas; tratase do roncón e o seu número foi aumentado ata seis nalgúns casos. O punteiro, os roncóns e soprete están axustados o fol perante tubos de madeira chamados buxas que son as que están suxeitas ao fol, as buxas fan ademais de protección das palletas.
O primeiro fol era dunha pel completa de animal pequeno, dunha cabra ou ovella, ou ben do estómago dalgún moito mais grande, estes últimos ainda se usan en moitos países. Se considerámo-lo animal completo, o punteiro
colocase no pescozo, en canto que o roncón e mailo soprete van nas patas dianteiras.
As gaitas modernas teñen fol de pel de ovella adobada, cortadas de tal xeito e cosidas despois, noutros usase pel sintética ou dereitamente de goma. A mellor pel de ovella é a de Islandia, porque é grosa, garda ben o ar e colle o alento condensado. Nos de goma esta propiedade non se compre. O xeito de mete-lo ar pode facerse cun soprete ou cun frete (barquín), o primeiro usase especialmente para tocar ó ar aberto, por ter un son mais forte e o segundo
para as gaitas que se usan para tocar en salóns.
O sistema de inflado, húmido o seco ten moito que ver na feitura das palletas, xa que unha forte non funcionaría ben no soprido seco, do mesmo que unha moi delgada no húmido.
As palletas que se usan para sopro mecánico son tan delgadiñas coma unha folla de papel e a mais leve humidade desfainas. As canas usadas nas gaitas son de dous tipos: dobres, coma a do óboe ou simples coma do clarinete. A dobre palleta utilízana a maioría dos punteiros dos distintos modelos de gaita, pero as menos desenroladas, as mais primitivas, continúan usando a simple. Os roncóns fanse de cotío con canas simples, aínda que existen excepcións como e o caso da “Musette” francesa nas que as canas son todas dobres. Téñense construído en diversos materiais, pero na actualidade utilízanse canas de España e do sur de Francia. Nos roncóns de agora utilízanse de metal nas de sopro mecánico, pero os ultramodernos fanse de materias artificiais.
Para construír unha gaita utilízanse as madeiras mais nobres, ainda que as mais pequenas chegaron a facerse de marfil.
2.- AS GAITAS DE EUROPA. (Por orde do alfabeto)
Alemaña.
Praetorius é quen da a mellor descrición, e con ilustracións das cinco variedades da vella gaita alemana na obra “Syntagma musicum”. As series consisten nun Bock, do que se di que tivera un punteiro de nove notas e un
roncón. Este Grosser Bock é comparado, en canto que a súa medida, coa actual gaita escocesa, pero aparentemente daba unha oitava mais baixa; o mesmo vale para a gaita de Megdeburgo. Os dous Böcke tiñan campás feitas de corno axustadas ó punteiro e mais ó roncón e era de sopro pulmonar.
A Schäferpfeiff tiña dous roncóns de 40 e 65 cm, ámbolos dous postos na mesma buxa e os dous con dous segmentos de afinación. A pequena Hümmelchen consistía de dous roncóns, aparentemente de 15 e 30 cm de
longo postos na mesma buxa. A Dudey era semellante a anterior pero tiña tres roncóns. De aparencia era similar a actual small pipe escocesa. A gaita de Magderburgo tiña dous roncóns aparentemente de 40 e 55cm de longo
postos na mesma buxa. O dobre punteiro da mostras da influencia grega. A gaita en Alemania ten desaparecido, pero algunhas poden escoitarse en Schönwald, na parte sur da Selva Negra nas celebracións matrimoniais.
Alemana.gif

Bélxica.
Nos Países Baixos a gaita gozou dunha gran popularidade durante a dominación española, que coincidiu tamén co florecemento da música e a pintura daqueles países. Por esta razón atópanse tantas representacións plásticas da gaita nos pintores costumistas flamencos e holandeses. Sabese pola súa iconografía que nos Países Baixos pasouse a de un e dous roncóns. En Flandes predominou a de dous roncóns mentres que en Holanda a mais popular era a dun so.
Actualmente xa non quedan en Holanda mais ca uns poucos afeccionados a gaita que a gardan e a tocan. A gaita nos Países Baixos coñecese co nome de cornamusa ou doedelzack, e foi moi popular, como xa se dixo, durante os séculos XV e XVI. Na actualidade comezou a rexurdir.
Bulgaria.
Parece evidente que a gaita dun roncón de Bulgaria, así como a da mesma orixe doutros países dos Balcanes e de Europa oriental, é de orixe español, e tería sido levada alí e espallada naqueles pobos po-los xudeus españois
expulsados a finais do século XV. Este tipo de gaita chamase “gaida” en Rumania, “gajda” na ex Iugoslavia, “gaidos” en Checoslovaquia, “gajdy” en Polonia, “gaida” en Hungría, e “gaida” na Illa de Creta; todos estes nomes derivados do galaico Gaita. O nome español impúxose doadamente por designar a un instrumento superior á gaita primitiva sen roncón, levada po-los turcos, que lle daban o nome de “zurna”.
A gaita búlgara de soprido pulmonar é un instrumento bastante primitivo, feito de madeira de cerdeira, cun fol dunha ovella enteira, que revira do revés e déixaselle a la dentro. Un cacho pequeno de corno de vaca axustase no pescozo para formar aa buxa do punteiro, e as buxas de madeira para o roncón e o soprete póñense nas pernas dianteiras. O Punteiro ten 21 ou 25 mm de lonxitude, é cónico e leva palleta de cana simple (raramente a leva de metal), ten sete furados. O roncón mide 42,5 cm de longo partido en dous cachos de afinación. Ten monturas de corno negro e leva unha palleta simple. Pode descansar sobre do ombreiro do gaiteiro oo sobre do seu brazo. Este instrumento so toca música folclórica, principalmente en vodas e bailes, ata o de agora po-lo menos non se coñece que haxa partituras del.
Checoslovaca.
Neste país tocase a gaita, especialmente no sudoeste de Bohemia de onde saen os gaiteiros de mais sona do país.
A gaita checoslovaca chamase “dudy” e componse de dous óboes, nun queda a fixa e o outro no que se toca a melodía. El punteiro es cónico. Esta gaita utiliza palletas de cana simple.
Francesa.
A gaita gozou de extraordinaria popularidade durante o século XVII, tanto do tipo cornamusa (sopro de boca), coma o tipo museta (sopro mecánico). Francia debe contarse coma o país onde perviven aínda mais tipos de gaitas: na Bretaña, a pequena e tradicional Biniou, a gaita grande de tres roncóns (tipo escocesa) chamada cornamusse; en Normandía unha pequena dun roncón chamada Loure; en Auvernia, a de tipo museta, de sopro mecánico, chamada Chevrette; no País de Berry a gaita de roncón e ronquillo chamada Cornamuse; e en Gascuña unha gaita sen roncón que tocan os pastores.
A orixe da gaita en Francia debe considerarse tan remoto coma o de outros países de Europa Occidental. É evidente que a gaita usouse tamén en Francia como instrumento litúrxico durante séculos, como así o testemuñan as representacións plásticas do gaiteiro en abondosas igrexas, abadías e catedrais francesas, así como tamén en miniaturas de libros piadosos.
Francesas.jpg

Bretaña Francesa.
A gaita típica de Bretaña é a Biniou, dun solo roncón, e estes tubos son mais curtos ca os da gaita galega e asturiana, polo cal teñen unha sonoridade mais aguda. Esta gaita acompañase por unha bombarda (especie de chirimía). O punteiro ten 13,8 cm o que se lle coloca unha pequena palleta dobre; ten sete notas e non posúe furado para o dedo polgar. O roncón ten 37,5 cm partido en duas pezas para a súa afinación e descansa sobre do ombreiro do gaiteiro. Todo o instrumento faise en madeira buxo, sen monturas de metal nin doutro tipo.
O fol é de coiro de ovella, que queda sobre do peito. Pero a nova gaita bretona de 2 e 3 roncóns usase xeralmente nas bandas para os grandes sucesos e paradas cívico-militares e nos desfiles dos grupos folclóricos bretóns, marchando en primeiro plano. Xeralmente estas bandas compóñense de 8 gaitas, 8 bombardas, dous tambores tenores, dous lixeiros e un bombo. Hai algunhas bandas que son mixtas e outras exclusivamente femininas. Executan especialmente música popular e marchas militares. Este tipo de gaita empezouse a usar dende 1945.
Grega.
O fol é de cabrito, o pelo negro queda cara o interior. A parte traseira e a do pescozo do animal átanse e póñense cara dentro. Ó soprete de madeira dáselle forma cun coitelo e amarrase dereitamente ó fol. Utiliza unha válvula común de coiro. Ten dous punteiros, de 15,5 cm cada un, feitos de cana e postos nunha especie de xugo de 2,5 cm de diámetro. Ámbolos dous están rematados nun corno. Non ten roncón. Esta gaita usase en distintos lugares do territorio grego, especialmente na época de entroido. De cotío acompañase dun tambor (o mesmo ca nos países árabes).
Italiana.
A gaita italiana haina en tres formas: a zampoña, tamén coñecida en Sicilia como Ceramella ou Chiaramedda; a piva; e a surdelina. A zampoña é a gaita do sur de Italia, usualmente ten unha pel enteira de ovella ou cabra, pero tamén pode ser cosido. E de soprido pulmonar. Os roncóns, que poden ser tres ou catro, están postos na mesma buxa, algúns deles teñen furados, o que permite que se podan usar como punteiros. O punteiro é cónico con 8 furados e usa lingüeta dobre.
A piva é un instrumento do norte de Italia. Ten un punteiro cónico con 8 furados e tamén outros dous cerca da campá, que nunca se tapan; usa lingüeta dobre. O único roncón ten unha sola sección de afinación, usa lingüeta simple. A piva é semellante na súa aparencia ás gaitas de Europa Central, pero mellor desenrolada. É de soprido pulmonar.
A surdelina napolitana xa desapareceu. Era de soprido mecánico, tiña dous roncóns e dous punteiros cilíndricos que saían pola mesma buxa. Tamén tiña chaves nos punteiros e nos roncóns. É de notar que a gaita pervive especialmente nas provincias dominadas outrora polos suevos e españois.
Polaca.
Neste país atópanse tres tipos de gaitas, tanto de soprido mecánico como da boca. A gaita grande de soprido pulmonar ten o pelexo de toda unha cabra cunha cabeza do mesmo animal tallada e atada no pescozo formando a buxa do punteiro. O único roncón baixo, que está amarrado a unha das patas dianteiras do pelexo, descansa sobre o brazo do gaiteiro no outro lado do fol. O soprete colocase na outra pata. O pequeno soprete da dudy parece ser traído dende Alemania.
A de sopro mecánico chamase Koza ou Koziol e é un instrumento mais formidable. Ten un fol feito co pelexo de cabra, que case sempre se lle deixan os pelos e unha buxa tallada en forma de cabeza (buxa onde se mete o punteiro). O punteiro está feito en madeira torneada con ornamentais molduras e remata nun corno de metal ou de animal (en forma de campá) xirada para arriba. O único roncón baixo ten a forma de un “ele” (L), cunha pequena perna descansando sobre do ombreiro do gaiteiro, mentres que a perna longa colga para abaixo por detrás do lombo. Esta parte longa do roncón dobrase sobre si mesma para reducir a súa lonxitude. Remata, como a do punteiro nun amplo corno metálico ou de animal. O fole (barquín), está atado arredor do corpo do gaiteiro é xeralmente do modelo ortodoxo con lados de madeira, anda que algunhas veces sexa feito dunha vexiga. Gaitas como esta atópanse tamén en Checoslovaquia e Austria.
Romana.
Existen en Rumania cinco tipos de gaita dun e dous punteiros, e de variado número de furados. A gaita romanesa de dous punteiros paralelos nunha soa peza, sona parecido o clarinete e tratase sen dubida dunha gaita oriental de orixe turco, é dicir, que se divide en gaitas con roncón de orixe europeo e outras de dous punteiros (frautas paralelas) pero sen roncón de orixe turco oriental. A que ten roncón é de posible orixe español. A gaita en Rumania tocase sola e en conxuntos ou bandas populares para o acompañamento do canto oral e os bailes e danzas tradicionais. Basicamente a “dutica ” romanesa es similar á búlgara. Componse do pelexo enteiro dunha ovella con so un roncón e un punteiro cónico de seis furados É de soprido pulmonar.
Rusa.
Unha gaita moi semellante a polaca pódese atopar en Rusia. Méteselle ar coa boca e ten terminacións a xeito de campá, feito de corno de animal, tanto no punteiro coma no roncón. O fol é de cabra (todo o pelexo) cunha cabeza tallada que sirve de buxa para o punteiro. Outra variedade está tamén en uso na Ribeira Rusa, parecéndose moito a “gayda” búlgara.
Unha terceira sumamente primitiva tocase en Axaria, nas marxes do Mar Negro. Consiste simplemente dun rudo punteiro cunha campá de corno, inserido no pelexo dun porco, meténdolle ar dos pulmóns. Aparentemente non
ten roncón. Os gaiteiros de Ucrania din posuír un instrumento enorme cun roncón que mide cerca de 2,80 metros e un punteiro coma un fagot. O gaiteiro precisa da axuda dun neno para darlle o ar por medio de foles de pé. Na rexión do Cáucaso, a gaita é coñecida como “zurna”.
Rusa.gif

Sueca (Dalarna), Sackpipa.

3.- GAITAS NO MUNDO.
África.
A gaita africana é un instrumento de deseño extraordinariamente primitivo. O odre está feito de coiro de cabra.
Ten dous punteiros feitos de cana e utiliza palleta de cana sempre. Están postos de xeito paralelo, axustados a un disco de madeira que a súa vez atase no pescozo do pelexo e as terminacións de ámbolos dous son dous cornos
de vaca a xeito de campá. Pode ter catro ou cinco furados en cada un e os dedos do gaiteiro descansan ó longo de cada xogo de furados. A lonxitude total do punteiro ou corno é de aproximadamente 20 cm. O soprete é case sempre un oso da perna dun paxaro e colocase na parte de atrás do pescozo, en tanto que as pernas dianteiras están pechadas. Os adornos que os nativos usan de cotío son tiras de boliñas e sementes. Non teñen roncóns e o seu son se ben non é moi musical para os oídos occidentais, non deixa de ter o seu encanto. Unha gaita similar usase tanto en Exipto coma en Arabia.
India.
A gaita nativa deste país é coñecida co nome de “Moshug” no norte e “S’ruti upanga” ou “Bhazanr” no sur, pero a gaita principal que se usa en toda a India e no exercito indio é nembargantes a gaita escocesa das terras altas e
prodúcese a nivel comercial tanto neste país coma en Pakistán. Os gaiteiros son moi bos sobre todo os Gharwals, Baluches e Punjabis. En moitas partes da India cando se desexa un efecto de gaita, o gaiteiro toca o punteiro, chamado “Sarnai”, dereitamente na súa boca mentres que o acompañamento de roncóns faino outro nunha segunda gaita. A gaita india constrúese de xeito moi fino, é dicir en marfil, con dous roncóns, un punteiro e é de sopro pulmonar. Todo o instrumento está tallado con flores, paxaros, bolboretas e serpes. Os roncóns están na mesma buxa, lixeiramente separados e non están divididos a cachos, po-lo que as palletas deben estar perfectamente afinadas.
Laos.
Aos habitantes de Laos, país situado no corazón Indochinés, atribúeselles o invento do “Ken” (ou órgano de boca). O Ken, como gaita e o acordeón pertencen o que poderíamos chamar da mesma familia de instrumentos.
Todos eles teñen un depósito que distribúe o ar os elementos que producen o son. O Ken está formado por 16 tubos de bambú acolados noutro maior no que se sopra mentres se pechan ou se abren as aberturas superiores dos tubos verticais. E un dos primeiros instrumentos que se coñecen de palleta libre. O órgano de boca ten unha longa tradición no Afastado Oriente, habéndose descrito por primeira vez na China preto de 3.000 anos atrás.
Instrumentos desta crase con diferentes graos de perfección tócanse hoxe en día en moitos países do Oriente.
Segundo unha tradición lendaria, os chineses adoptaron o Ken no século XI antes da nosa era, pero transformárono no Cheng. Un alemán, fabricante de instrumentos musicais, descubriu o Cheng ou Ken no Museo de San Petesburgo, e del colleu para o seu uso o sistema de palleta libre. Do Ken naceron: o harmonio, o acordeón a harmónica.
Na actualidade o Ken segue sendo o instrumento nacional de Laos. Tocase so ou serve para acompaña-lo canto, e os sons do Ken óense en toda-las aldeas do país. En Borneo, China e Xapón existen tipos similares de órgano de boca, sendo xunto co Sho, os mais evolucionados.
Turca.
A Ghida turca é un instrumento semellante a búlgara cun so un roncón e un punteiro con sete furados.
4.- GAITAS DE ESPAÑA: (atendendo a orde alfabético)
Gaita de Aragón.
Durante moito tempo deuse a coñecer unha imaxe un tanto parcial da tradición folclórica aragonesa, e parte desa responsabilidade recae nos grupos folclóricos. Nembargantes, esta imaxe inacabada, non puido impedir que a
gaita aragonesa sobrevivira, aínda que de xeito precario. Na década dos 70, eran numerosos os pobos aragoneses onde os bailes de paos, de espadas e outros acompañábanse con unha gaita galega, diante da imposibilidade de
ter o alcance da man a gaita local, cuxa construcción xa non se facía dende facía moito tempo. O “renacemento” cultural das Comunidades Autónomas permitiu que se botara a andar toda esa andadeira de herdanzas ancestrais,
po-lo que comezaron a aparecer non so artesáns gaiteiros senon que tamén gaiteiros.
A gaita, e coñecida en Aragón dende a Idade Media, tanto na corte como no ámbito popular. Neste último, aparece de cotío ata a nosa época e na actualidade o seu rexurdimento é indiscutible. A este instrumento chámaselle normalmente Gaita, pero como este nome aplicase en Aragón a todo instrumento de vento, existe un pouco de confusión.
Outros nomes que tamén definen a gaita son “Bot” e “Botet” ou simplemente “O Boto”. Os modelos existentes son todos de grande antigüidade e a súa afinación é en Do brillante. usase para acompañar o canto e bailes
tradicionais como a “Xota”. O gaiteiro aragonés é de cotío solista pero téñense feito algunhas combinacións con outros instrumentos como óboes, zambombas, violíns, acordeón e varias gaitas xuntas. A gaita aragonesa consta dun fol, chamado boto, xeralmente de cabra; un soprete con válvula denominado “soprador”, un punteiro que recibe o nome de clarín, mediana ou grall, un roncón baixo e outro tenor. O punteiro utiliza canas dobres, os roncóns canas simples. De xeito moi excepcional a gaita terá un so dos roncóns.
O punteiro e o roncón tenor comparten a mesma buxa, en tanto que o soprete e mailo outro roncón utilizarán as patas dianteiras do animal. A vestimenta do fol é de tela estampada a cores vivos en tanto que os tubos de son recóbrense con pel de serpe para protexer a madeira. Hoxe en día, esta costume, pragmática e o tempo ritual no sería tan necesaria. Esta gaita pódese tocar sentado ou de pe, o roncón colocase debaixo do brazo oposto o que aperta o fol.
Aragonesa.jpg

Gaita asturiana.
Clasificase en “tumbal redonda” e “grileira”, é dicir, Si bemol, Do e Re, aínda que na realidade hainas con cinco tonalidades mais. A escala asturiana non é unha escala temperada perfecta, pero isto non se debe a defectos de
fabricación. As madeiras que se usan para a súa construcción son: buxo, maceira, teixo, peral e ébano; cabe lembrar que buxo nunca foi moi abondoso no Principado. Por outra beira o fol sempre se fixo con pel de cabra
ou ovella. Os intentos para introducir foles de goma, non foron moi xeitosos.
Na gaita asturiana hai dous elementos característicos: O requinto e a dixitación pechada. O requinto lograse aumentando a presión sobre do fol, en canto que a dixitación pechada, permite acadar unha melodía mais áxil e menos plana, algo semellante ós “grace notes” escoceses. A gaita asturiana, consta das seguintes partes: un fol de coiro, tres buxas, un punteiro, un soprete e un roncón baixo. O cubrefol é de terciopelo a cores con profusión de frecos, en tanto que o roncón, ao igual que na gaita galega, leva unha tira de frecos (farrapo) que non ten unha función práctica definida, senón que forma parte do seu ornamento.
O punteiro usa lingüetas dobres moi curtas e o roncón, cana simple. Pero a gaita asturiana comezou mudar, a tendencia actual para revalorizala e enriquecela sen por iso desnaturalizala, comezou co agregado ao modelo
que se fixo, dun ronquillo, é dicir un roncón tenor afinado á oitava do roncón baixo. Este aditamento non é algo actual xa que existen testemuñas da súa existencia dende principios deste século ata os anos trinta.
Asturiana.jpg

Sac de gemecs (Cataluña):
É o nome xenérico que recibe a gaita catalana aínda que ha outros coma: Borrega, Coixinera, Botella, Bot, e demais. Este instrumento, que foi usado moitos séculos, desapareceu na década dos 30. O seu paulatino desuso
non impídeo que os amantes deste instrumento quixeran recupera-lo, chegando a rescatar algúns completos para a súa reproducilos despois, cousa que xa se fixo, afortunadamente. Existe unha gaita do norte e outra do sur de
Cataluña. Salvando algunhas diferencias a gaita catalana consta xeralmente dun fol grande, un punteiro afinado en do que se chama grall, un soprete e tres roncóns. O soprete e mailo punteiro póñense nas pernas dianteiras, en
tanto que os roncóns póñense na buxa, no pescozo do animal. Os roncóns caen polo lombo do gaiteiro, o punteiro vai no fronte.
Catalunha.gif

A gaita Galega.
Para trata-la cuestión da gaita galega, é preciso falar dun antes e un despois; xa que os cambios rexistrados nos últimos tempos foron grandes e importantes que ao dicir gaita pensase ó momento en Galicia.
O celtismo actual, con raíces en el século XIX, é un dos motores desa colleita galega, que reafirmase no rexurdimento afianzamento da esencia galega e céltica, plasmada no único símbolo universal destes pobos de igual orixe étnico: a gaita.
A gaita galega non ten sufrido fortes transformacións dende a Idade Media, axeitouse, iso si, en maior o menor medida, non tivo fortes transformacións se a comparamos coa gaita Escocesa, que comezou a usarse nese país
no século XV e que no século XVIII tiña xa tres roncóns, modelo que hoxe predomina e que foi collido noutros países, coma na Bretaña, desprazando as gaitas destes lugares.
En contra do que pensan moitos, a gaita non é un invento dos Celtas, aínda que sexan estes os mellores executantes e os que mais a espallaron po-lo mundo. A orixe da gaita non se puido establecer ata hoxe en día por ninguén. Tense sostido que a gaita era xa coñecida na Galicia seis séculos antes da era cristiá, no que coincidiría coa instalación das tribos celtas dos saefes, lugons, vetons.
Outros sinalan que a gaita de Galicia e Asturias foi introducida no noroeste da península Ibérica po-los suevos, que reinaron nesta parte de España dende o século V ao VII, así coma o nome procedería do alto alemán, lingua que falaban os suevos; e en canto á orixe mais remota da gaita en España habería que atribuílo ós celtas, fenicios, gregos e romanos, posto que todos eles invadiron este chan, coñecían a gaita da anterga Mesopotamia, antes da era cristiá. Como se pode deducir, no hai moito en concreto sobre da orixe deste instrumento, aínda que é bo que se siga, no só as pescudas, senón tamén as discusións.
O certo e que se fai evidente que Galicia foi na baixa Idade Media o centro gaiteiril mais importante de Europa, debido principalmente as peregrinacións a Santiago de Compostela. Estas peregrinacións durante os séculos XII ó XIV encargáronse de espalla-la gaita por toda Europa. Levábana os peregrinos de volta os seus países, usábana os monxes benedictinos nas súas pequenas igrexas rurais en vez do organistrun e difundírona os propios gaiteiros galegos que ían o estranxeiro probar fortuna.
Tradicionalmente a gaita Galega é usada en tres diferentes tonalidades: Re, Do e Si bemol, pero na actualidade fabricase noutras tonalidades como así tamén se constrúe con barquín ou fole, que se move co brazo. Esta chamase “gaita de sopro mecánico”.
A “grileira” está nunha tonalidade preto do Re natural, o deu son é duro e berrón; foi quizais a mais primitiva e xeneralizada en Galicia. A “redonda”, é de maior tamaño ca grileira, e soa nun ton mais preto ó Do.
A “tumbal”, é a maior das tres, está nunha tonalidade grave preto do Si bemol. Tradicionalmente esta gaita ten dous roncóns e o seu son é solemne. É costume ver gaitas con só un roncón, pero a gaita galega ten tres; parece
ser que non todo-los gaiteiros querían usalos porque lles resultaba “molesto” logra-la afinación, e po-lo tanto, sinxelamente eliminábanos nunha actitude mais cómoda que práctica, co que o instrumento non so perdía duas voces mais, senón que tamén presencia.
Algunhas persoas teñen sinalado que o ou os roncóns tenores é ou son aditamentos modernos, é bo lembrar que nas ilustracións das Cantigas de Alfonso X “O Sabio”, concretamente a miniatura que encabeza a cantiga 350,
pódese ver a un gaiteiro cunha gaita de dous roncóns, co que toda discusión ten rematado.
Despece.jpg

1) O Fol.
É a parte mais importante da gaita e nunca haberá que esquecerse del para brindarlle os coidados que precisa, sen os cales nin o mellor instrumento traballaría ben. En contra do que se ven facendo nos últimos anos coa
utilización dos foles de goma, a Gaita Galega de Marcha ou Gaita Marcial é de coiro, sendo indistintamente de cabra ou de ovella.
O fol de goma comezouse a usar para:
a) Non facer grandes esforzos o soprar. Nembargantes convén clarexar que cando se remata a melodía é case que imposible evitar que os roncóns continúen soando ou non se deteñan cando e debido; ademais, non se poden utilizar cañas duras porque a presión que se pode exercer e moi limitada.
b) Non precisa dun mantemento especial, agás a eliminación do alento condensado. Pero esto mesmo é o que fai que as madeiras corran o risco de podrecer mais axiña do debido. Ademais se o alento do executante é moi
húmido, tarde o temperan dirixirase a palleta do punteiro e faina “ronronear”, por mais que antes de empezar a tocar se houbera “secado” o fol. Este debe manterse na humidade exacta para que o conxunto canas-fol traballen en harmonía, obxectivo que só se logra co de coiro.
c) Maior durabilidade, se se compara co de coiro. Isto é certo, xa que un de materia animal dura aproximadamente seis anos.
Crases de foles:
Existen dous, os de goma “vulcanizada” e os pegados. Destes o último debe desbotarse xa que co tempo o alento fai que se despegue. Pódese afirmar que no fol radica a estética do instrumento, tanto po-lo seu formato coma po-lo xeito en que se axustan as buxas nel. É bo lembrar que non soamente debe prima-lo bo son, tamén se terá en conta o bo afinado e a calidade das madeiras, etc. A gaita é un todo se soa ben, pero se é desagradable a vista,
rompese a súa armonia.
Tamén se fan foles ós que algúns chaman “con xeito de castañola” ou “cabeza de peixe martelo”. Son pouco xeitosos, incómodos, antiestéticos e feos. Non deben fabricarse e dende logo nin mercarse. O formato mais axeitado e lóxico é o fol liso. Agora ben, neste formato temos dúas opcións: vulcanizado e coiro cosido. Vostede decide por un ou por outro, pero as posicións das buxas serán sempre as mesmas para ámbolos dous, pero… un consello, desbote sen dubidar o de goma.
2) O Roncón e o punteiro.
Collemos de conta o fol. Ao achegar o soprete á boca (que ademais e curto) e por ende o fol ó corpo: o roncón tende a inclinarse (dentro da posición horizontal a que está obrigado, que de paso digamos que non é a que lle
corresponde), hacia a dereita po-lo lombo do gaiteiro, xa que o fol está un pouco xirado sobre de si mesmo e levado tamén hacia a dereita para que o punteiro quede no medio.
Deámonos conta da posición “particular” que colle no ombreiro do gaiteiro, como consecuencia do sitio onde se atopa asentado no fol. Este “bordón” non debe estar de xeito horizontal, senón nunha posición de 45°. So deste xeito queda firme no ombreiro e co fol de pescozo recto, o soprete longo; dan unha prestancia ó gaiteiro, que executa erguido e non inclinado.
As boquillas das palletas deben poderse mover (con rosca ou a presión) e non pegada, xa que cando teñan sido moi usadas se podan quitar doadamente e mudadas por outras novas. Especial coidado deberá ter o gaiteiro cando se presente diante da xente. Non deberá adoitar actitudes de desdén ou de falta de respecto hacia o instrumento que toca, xa que iso non fai mais ca desprestixialo a el mesmo. É mais, non debe permitírselle a outros. Outro costume que se debe esquecer é a de sacarse o soprete da boca cando non é preciso soprar.
Non abonda con saber tocar, hai que saber parar, marchar, etc. Nos grupos folk, o gaiteiro ten maior liberdade, o que non implica tamén que poda facer o que queira. Moitas veces ponse o acento no popular e esquecese a gaita,
ademais diso é un instrumento marcial por excelencia, tóquese enxebre, folk ou banda.
Se teoricamente, o executante da gaita sabe todo isto; se as autoridades encargadas das actividades culturais dos distintos centros tamén o coñecen…: ¿ónde está o espritu guerreiro dos nosos gaiteiros? ¿ónde está o son que
farían cen brazos?
3) Os furados do punteiro.
É ben sabido que existen gaiteiros destros e zurdos, pero salvo excepcións todo-los punteiros constrúense para executantes destros. ¿Qué pasa enton cos que non o son? Eles vense obrigados a tapar o furado inferior e abrir outro do lado contrario. Solución: todo-los furados deben estar na mesma liña.
A Gaita Marcial Galega.
O instrumento consta das seguintes partes: un fol de coiro cosido, cinco buxas, un punteiro, un soprete, un roncón e dúas ronquetas (o berrónchillón foi eliminado), e un cubrefol. Os roncóns están suxeitos por cordóns rematados nos seus extremos por dous borlas. Nos tres modelos mantense o farrapo.
Características xerais da Gaita Marcial:
Fol: é de coiro de cabra ou ovella cosido, ten un largo de 67 cm (medida estándar) e para evitar que perda o ar po-los poros debe adobarse regularmente. A súa vida útil é de aproximadamente 6 anos. A medida varía de
acordo o longo do brazo do gaiteiro.
Buxas: son un pouco mais longas que as tradicionais.
Roncón: o tradicional.
Ronquetas: as tradicionais.
Soprete: ten un longo de 32 cm de punta a punta e unha boquilla plástica descartable. Esta medida non é unha cuestión caprichosa. Os sopretes curtos sempre foron unha absoluta incomodidade que se transforma en traxedia
cando o fol colla as formas descritas no comezo destas notas e é ademais un dos causantes das malas posturas e manías dos gaiteiros galegos. O soprete longo sumado ó fol de pescozo recto fai que o gaiteiro, de xeito natural, adoite a postura axeitada mantendo a cabeza erguida.
Punteiro: a súa afinación esta en Si bemol. Tocase “pechado”, posúe todo-los furados na mesma liña e ten como remate unha grande campá. É fino e fráxil.
Cubrefol: é dunha peza, con so unha abertura na súa parte traseira, con frecos en todo-los furados.
Cordón e borlas: manteñen todo-los roncóns unidos.
Accesorios: Unha buxa cega (para o punteiro). Cando este se saca da gaita para protexe-la lingüeta. Cinco tapóns de corcho ou de goma. Úsanse cando se adoba o fol. Un xogo de cepillos limpapescozos para a limpeza das madeiras. Un bandeirin coa bandeira de Galicia (ou emblema que se queira) para ser colocado no roncón.
Gaita Gastoreña.
A gaita do gastor é un aerófono cunha palleta simple. Consta dun tubo sonoro de madeira con 3 furados na parte superior, un na inferior e un pavillón para resonancia formado por un corno.
Este instrumento procede do pobo El Gastor (Cádiz), poboación preto de Ronda, onde os homes tócano polo Nadal e polo Corpus. Celebrándose todo-los anos un Certame de gaitas nas devanditas datas. Nel atópase un instrumento dunhas características moi particulares, cuxo nome é o de gaita gastoreña. Este ven dado non pola súa forma, senón polo son, xa que non ten ningunha semellanza coas gaitas que coñecemos, como por exemplo as galegas, astures ou mallorquina, todas estas, de bolsa ou fol. Aquí o termino gaita aplicase o timbre do instrumento que é precisamente onde se asemella as súas homónimas. O instrumento en cuestión tratase dun aerófono e encadrase dentro do xénero dos clarinetes.
Quizais que noutros tempos se coñecera este instrumento noutros puntos da serra. Hoxe en día usase no pobo de Gastor limitándose o seu uso ao Nadal e ó día do Corpus. A súa entrada na península aínda non se puido datar, pero o que sí está claro é o seu marcado carácter mediterráneo. Suponse que quedou nesta zona da serrania da baixa Andalucía pola súa especial configuración xeográfica, quedando deste xeito illada.
A gaita tocábase a partires do mes dos mortos (como din os serráns) o mes de novembro. Cando facía de noite os rapaces arredor do lume ensartaban as madeiras e facían as súas gaitas, así enchían as noites dos últimos meses do año, coas musiqueillas que saian dos seus instrumentos. Tamén nas madrugadas escoitábase o tañer dalgún que outro veciño, á luz dun fanal apoiado na parede (e costume toca-lo instrumento apoiado nalgún sitio). Pasadas as festas deixaban de escoitarse, para ó ano seguinte construír outra nova. Hoxe este costume vaise perdendo.
Segundo o xerezano Manuel Naranjo, os habitantes do Gastor descoñecían a existencia da alboka vasca ou a gaita da serra Madrileña, de grande semellanza coa de Gastor. Comentando a posibilidade de que estes costumes
foran traídas e levadas polos pastores que percorrían a nosa península a traveso de camiños e cañadas.
Desaparecendo a tradición do pastoreo, so quedan illados vestixios en 3 zonas curiosamente equidistantes, en Cádiz, Madrid e Euskadi.
O instrumento:
O instrumento en cuestión é dos chamados aerófonos e encadrase dentro do grupo dos clarinetes. Podémolo describir deste xeito, dende arriba para abaixo, comezando pola embocadura.
A cana.
Feita de cana común (arundo donex), mide uns seis centímetros de longo, idéntica as que usan as cornamusas para os seus bordóns pero tan finas coma unha palla. Tamén utilizan este mesmo tipo de cana as albokas e as gaitas da serra de Madrid. A cana realiza as funcións dunha lingüeta simple batente, a traveso da que se insufla o ar e é a que produce o son, que é mais grave ou mais agudo en función do seu grosor. O timbre tamén o da esta cana cuxo nome é Pita.
Antigamente en vez de cana, usábanse pallas secas de avea ou de cebada, o seu son era entón un pouco mais laimo, pero pouco a pouco deixouse de usar pola súa fraxilidade, xa que as canas son mais duradeiras. Hai que dicir que é un instrumento de tradición pastoril que se foi elaborando en función dos materiais de que se tiña en cada zona serrana.
Gastorenha.jpg

A gaita.
A pita encaixase no que os serráns aman a gaita, que normalmente é de sección rectangular e de interior cilíndrico. Adoitase usar madeira de nogueira, adelfa ou figueira, que permiten traballar o seu interior doadamente. Dita gaita componse de tres rexistros dianteiros e un na súa cara posterior. Non se pode manter un criterio xeral en canto o ton da gaita xa que o construírse sen unhas pautas fixas, cada unha ten unha tonalidade distinta, sendo moi difícil atopar varias gaitas que soen do mesmo xeito. O exterior da madeira adornase con
motivos xeométricos reticulados. Para levar a cabo a decoración utilizase un arame duro e ó roxo vivo que serve para furar o interior do corpo da gaita no sentido lonxitudinal e acadar deste xeito que o seu interior sexa cilíndrico e que os rexistros sexan iguais.
O corno.
A gaita vai encaixada nun corno, ben sexa de vaca ou de cabra. Antigamente o corno sempre era de cabra, moi doado de conseguir gracias a que abondaban e porque é mais lixeira de peso para o seu transporte nos petos e zurróns. A función do corno é de caixa de resonancia amplificando mais o son da gaita. Os cornos de cabra dan un timbre mais agudo cos da vaca. Pódese atopar semellanza co arghouil árabe, o pibcorn de Gales ou a jaleïka rusa, alén da gaita serrana madrileña e a alboka vasca.
Xeremia (Mallorca):
Componse dun fol moi grande, un punteiro e dous ou tres roncóns, é dicir: un roncón baixo e dous roncóns tenores. Xeralmente tocase so ou acompañada dunha frauta chamada “flaviol” e mailo tamboril. Dos catro tubos que a compoñen, os roncóns dan a nota continua. O outro chamado grall (punteiro) toca a melodía. O grall ten sete furados.
O instrumento non é moitas veces dos mais afinados. Créese que a orixe da gaita de Mallorca sexa catalano-provenzal, e data aproximadamente do século XIII cando foi levada a illa po-las tropas do rei Xaime I “O Conquistador”. A gaita mallorquina ten unha forma moi particular e orixinal, diríase que ata fascinante, coma se fora unha gaita galega, pero ao revés. Aseméllase a gaita italiana po-la amplitude do fol e xeito de porta-lo instrumento, cos roncóns mirando cara o chan.
A funda do fol é de tela en cores a cadros, coma o da gaita escocesa. Unha mención especial merece o traxe do gaiteiro, que leva un amplo sombreiro negro coma o do gaiteiro bretón e pantalón moi amplo, de influenza
árabe, po-lo que se lle considera que é a testemuña viva das razas, civilizacións e culturas que o longo dos séculos foron pasando po-las Illas Baleares. A gaita mallorquina de hoxe en día perdeu o ronquillo (tenor) quizá
que por crée-lo pouco útil ou molesto no uso da terceira voz.
Mallorca.jpg

A gaita Sanabresa.
Ten unha orixe incerta, pero con seguridade é común ó resto das gaitas do Noroeste Peninsular, ou sexa: as Gaitas Sanabresas, Galega e Asturiana derivan dun tronco común. A teoría mais recollida é que a gaita foi
introducida polos pobos xermánicos (teoría baseada na orixe xermánico da voz “gaita”), quedando o tipo de gaita con fol, roncón e punteiro limitado a esta forma do noroeste como consecuencia do proceso da reconquista, coincidindo a distribución da gaita practicamente co antigo Reino de León.
Deste tronco común deriva a Gaita Sanabresa, mostrando unha evolución lenta ou practicamente inexistente dende o Renacemento, afirmando diversas fontes que non sufriu ningunha muda nos últimos 400 anos. É este ar antergo o que lle da o seu encanto e a súa forza, e como di o musicólogo Jean Pierre Van Hees “observar unha gaita das que se usan en Zamora e Tras Os Montes é tan emocionante e gratificante como para un paleontólogo ver pasar un dinosauro”.
Este peculiar desenrolo debese fundamentalmente a dous feitos: o primeiro é o illamento que sofre Sanabria debido a súa posición xeográfica, zona montañosa do interior, aínda que este illamento no rexeita a entrada ó folclore sanabrés de moitas influencias claramente de orixe galego e asturiano, sendo a base principal de orixe castelán. O segundo motivo debese as particulares características constructivas da gaita. Os artesáns facían as gaitas en base a patróns anteriores (outras gaitas), anque facendo correccións e rectificados nos furados d punteiro en base o seu bo oído.
Así, non era cotiá introducir modificacións construíndo toda-las gaitas de igual xeito e co mesmo ton.
Un dos problemas mais importantes que tivo que afrontar a Gaita Sanabresa nos últimos anos veu como consecuencia do despoboamento da comarca. Así, se na década dos 40 podíamos atopar doadamente unha trintena de gaiteiros, na década dos 80 o número reduciuse ata 6 ou 7 gaiteiros, algúns deles de idade moi avanzada. Alén deste lapso perdéronse algunhas técnicas constructivas, polo que os poucos artesáns actuais tiveron que reconstruílas en base a dar paos de cego.
Actualmente, a situación parece experimentar unha leve melloría, pois iniciativas como a da Escola de Gaitas de Pobra de Sanabria fixo espalla-la afección entre moita xente moza. Sen embargo, algúns móstranse críticos con
esta Escola, á que acusan de ensinar gaita ao estilo de Aliste, distinto do Sanabrés. Tamén son de chufar actitudes coma do pobo de Mombuey, que en Agosto do 99 fixo unha concentración con concurso de gaiteiros, á
usanza dos antergos concursos coma os de Ribadelago e San Martín.
Sanabresa.jpg

5.- A GAITA NAS ILLAS BRITÁNICAS. (Orde alfabetico)
Escocia
Neste país hai catro modelos de gaita: a Highland (Poib Mhor), a Lowland Pipe, a Lowland Pipe (híbrida), e a Small Pipe.
A Highland Pipe (Poib Mhor) é primordialmente un instrumento marcial, que foi levado a un alto nivel de perfección tanto no deseño coma na manufactura e pódese atopar en cualquer parte do mundo. O modelo mais ancián de que se ten data é do 1409 e pódese ver en Edimburgo. Consiste en dous roncóns tenores postos en abano e nunha soa buxa, un punteiro cónico con 8 furados e un soprete. E aínda que o soprete e a parte da palleta dun dos roncóns foron substituídos, conservan ben a súa forma orixinal. Deste tipo de instrumento foi
evolucionando ata hoxe a actual gran gaita, habéndoselle engadido o terceiro roncón ou roncón baixo aló polo ano 1700.
Consiste nun odre de coiro de ovella ó que se lle axustan cinco buxas nas que se poñen os tres roncóns e mailo punteiro coas lingüetas e o soprete. Este último contrariamente o de outros países fabrícanse longos, para permitir co gaiteiro sosteña o fol ben suxeito debaixo do seu brazo e para mante-la cabeza dereita. Os sopretes doutros países son curtos, e polo tanto é preciso que o gaiteiro sosteña o fol contra do seu peito apertando co seu antebrazo, tamén tende a poñer a súa cabeza inclinándoa hacia o chan, algo bastante en contra da fachenda que demostran os gaiteiros escoceses.
Os roncóns da gaita escocesa están colocados en abano separados entre deles por unha distancia determinada e sostidos por cordóns rematados cunha borla a cada lado. O roncón baixo descansa sobre do ombreiro do gaiteiro. Cada roncón tenor ten unha lonxitude de case que 37,5 cm. O roncón baixo mide case que 75 cm e é afinado unha oitava debaixo dos tenores. Este é o xeito moderno, pero no pasado soíanse afinar en quintas. O punteiro é cónico con 8 furados e duas orellas (que nunca se tapan) o son é forte e penetrante.
A gaita Lowland é de soprido mecánico, ten tres roncóns nunha soa buxa. Estes caen o longo do peito do gaiteiro, o punteiro e os roncóns son lixeiramente mais pequenos que na Highland, pero en termos musicais son o mesmo. Outro tipo de Lowland Pipe foi introducida a mediados do século XVIII na forma dunha híbrida Uillean Pipe irlandesa. Usualmente tiña dous roncóns e un so regulador postos na mesma buxa. O punteiro era do modelo da Uillean. Este instrumento non acadou o favor dos gaiteiros.
A cuarta gaita escocesa é a Small Pipe, pode ser de sopro mecánico ou de boca. O punteiro é coma o da Highland pero pequeniño, ten 17,5 cm de longo e 8 furados. Os roncóns son 3 e están na mesma buxa. O ton deste instrumento non é mais forte ca o do violín e é moi bo para tocar en salóns. Se ben, de toda-las gaitas escocesas, a Highland permanece en uso regular en resposta ó contemporáneo interese e renacemento deste instrumento da fronteira (Lowland). O instrumento ten unha grande atracción tanto para os gaiteiros de
highland como para os músicos folk. O punteiro está en Si bemol.
Gales
Este modelo de dobre punteiro foi feito collendo como base o que se atopa no Museo Nacional de Gales, na cidade de Cardiff. Foi atopado nunha cabana no norte de Gales e púxoselle como data o ano 1701. Ademais mostraba signos obvios de haber estado atado a un fol.
Ten dous punteiros paralelos fixados nunha mesma buxa. Cada punteiro está rematado nun corno en forma de campá que amplifica o son, leva dobre lingüeta. O fol está feito de coiro cosido a man. A madeira para a súa
construcción, maciñeira; as campás de corno pódense sacar. Ten 7 furados e tocase pechado. Pódeselle arrimar un roncón e fole se se desexa.
Inglaterra.
Antigamente este país posuía 4 tipos de gaitas, a gaita militar (War Pipe), a Half Long Pipe, a Shuttle Pipe; e a gaita pequena (small pipe). De todas elas, a primeira é de soprido pulmonar e as outras usan sopro mecánico. A War Pipe adoitaba ter so un roncón baixo, ou dous tenores e era probablemente semellante á vella gaita escocesa. Consta dun punteiro cónico. Non ten furado para o dedo polgar, utiliza lingüeta dobre e os reeds (canas) escocesas modificadas serven para ser utilizados nela. O roncón es bastante longo, ten aproximadamente 132 cm, partido en catro cachos de afinación. O fol está cosido. Se se desexa sopro mecánico pódeselle engadir un fole.
A Half Long Pipe pode identificase coa Lowand Pipe escocesa . Ten tres roncóns nunha sola buxa, un punteiro de 30 cm e nove notas. Pero os roncóns en vez de estar dispostos: baixo, tenor e tenor, neste modelo é baixo, barítono e tenor. Ao igual ca Lowland, se se toca sentado os roncóns descansan sobre das pernas. Se se usa para marchar caen sobre do ombreiro do gaiteiro.
A Shuttle-Pipe é moi semellada a musette con dous roncóns e un punteiro parecido a Northumbrian. Ten desaparecido totalmente.
A Nothumbrian Small Pipe é un instrumento netamente do interior. Polo século XVIII a un anónimo artesán ocorreuselle pecha-lo punteiro e esa foi a regra ata o día de hoxe. O único punteiro pechado que se pode atopar en calquer tipo de gaita. Este cerramento permite acadar o que se chama “ataccato” e repeti-la mesma nota moitas veces sen facer “grace notes”. Ten tres roncóns e un punteiro con sete chaves.
Irlanda
A gaita irlandesa ten duas feituras, bastante distinta unha da outra: a War Pipe, de soprido mecánico, perfecta só para ambientes pechados; e a Uillean Pipe.
A moderna gaita irlandesa para propósitos militares distínguese da escocesa nun só aspecto, ten dous roncóns en ves de tres. Ámbolos dous teñen buxas separadas, co roncón baixo descansando sobre do ombreiro.
Outro modelo de War Pipe irlandés foi feito entre 1900 e 1910 por Henry Starck de Londres e nomeada como “Brian Boru”, un lendario rei celta. Consiste en tres roncóns colocados na mesma buxa e soan: tenor, baixo, e barítono. O punteiro ten chaves, pódese comparar con un punteiro de highland, con chaves extra e posuidor de grandes capacidades. Créese que a War Pipe foi introducida en Irlanda aproximadamente no 1588.
Pero no século XVIII a Uillean Pipe fíxose popular e fixéronselle melloras na súa construcción. O punteiro ten 8 furados, unha lonxitude que vai dos 35 cm os 42,5 cm e leva chaves. Os roncóns son 3 nunha buxa e os reguladores poden ser 3, aínda que as veces chegan a 4. Algúns teñen chegado a deter o son do punteiro e continua-la melodía cos reguladores. Os roncóns teñen válvulas nas buxas que posibilitan ser calados mentres seguen soando os reguladores. Cando se precisa un gran volume, os punteiros fanse para levar dúas palletas.
“… mulher de ghaiteirinho, mulher de moita fortuna,
ela toca dúas ghaitas, outras non tocan ningunha…”

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios