Filmase na nosa terra Romasanta

133

Nestas datas estase a a gravar en Galicia, para o cine, o filme sobre da vida e andanzas de Romasanta, na Galiza do século XIX. Coma protagonista principal están Elsa Pataky e Julian Sands, dirixidos por Paco Plaza. Comezou a rodaxe a finais de xullo, e dentre os extras elexidos figura o Pontés A.C.V., que no día de ont estivo a gravar en Santiago.


¿Que non sabemos nada de Romasanta? Non vos inquededes, ahí vos vai o que atopei del:
Manuel Blanco Romasanta, por Vicente Risco da obra “Etnografía. Cultura espiritual”
Hai moitas historias de lobishomes, homes e mulleres, pro a máis soada é a do chamado home-lobo de Allariz, Manuel Blanco Romasanta; a quen chamaron primeiro o “home do unto”, (por crerse que lle sacaba o unto ás rapazas), natural de Santa Baia de Esgos, preto de Ourense, e que viviu en Rebordechao e Vilar de Barrio, e vendedor ambulante en Castela. Acusado de varios homicidios, detivérono en Castela e foi procesado polo xulgado de Allariz, no ano 1852, dando orixe a unha das causas máis célebres e sensacionais de todo aquel século.
Manuel Blanco Romasanta, home plácido, falangueiro e mañoso, servicial, devoto, gran viaxeiro por España e Portugal, un pouco “amariquitado”, non soamente confesóu todolos seus crimes, sinon que guióu ó xuzgado nos recoñecementos feitos na serra de San Mamede, teatro dos seus feitos, en procura dos restos das víctimas (que non se chegaron a atopar, agás no caso de tres persoas, das que, máis tarde, se soubo que foran, con efecto, víctimas dos lobos).
Desculpouse dicindo que il non facía aquelo pola súa vontade, senón forzado por unha fada, xa que, por efecto dunha maldición ou por outra causa descoñecida, volvíase lobo, e non tiña outro remedio que facer o que fan os lobos. Facía trece anos que principiara a sentir un desexo de sangue que non podía resistir, e ós seis meses, achándose no Val de Conso, na serra, atopou dous lobos e volveuse lobo il tamén. Aqueles lobos eran outros dous lobishomes, que se chamaban un Anton e outro don Xenaro, os dous valenciáns. Coíles andivo cinco días, e despois volveron coller figura de cristiáns. Na súa compaña fixo tódalas mortes, que foron as de Manuela García,
a súa filla Petronila, a súa irmá Benita e un fillo desta, Antonia Rúa e a súa filla Peregrina e despois a outra filla, María e un sobriño da Manuela, todos de Rebordechao, en Vilar de Barrio, e ademais confesóu a dunha rapaza de As das Xarxes, unha muller, preto de Chaguazoso, un rapaz entre Prado Albar e Chaguazoso, e unha vella xunto de Fornelos, doce en total. Cando lle pegaba
o mal, en compaña dos outros dous, espíanse de todo, botábanse no chan e revolvíanse na terra, erguéndose xa en figura de lobos, e entón acometían e esgazaban a quen fose, con dentes e uñas, e comían o corpo da víctima sen deixar mais que os ósos. Ás veces andaban de lobos oito ou quince días, perdida a razón, mais non a memoria nin a coñecencia, e non tiñan medo, porque sabían que nonos podían coller nin ferir, anque estiveron ás veces en monterías dadas en Val de Conso. Cando estaban en figura de homes, volvíalles a razón e choraban con moitísima pena polo que fixeran de lobos. Ó Manuel acabóuselle a fada o día se San Pedro de 1852.
Os informes facultativos dano como home normal, de bo xuízo, con penetración, tacto e talento naturais superiores á súa condición, sendo polo tanto, responsable. Condeado a morte o 6 de abril de 1853, e pendendo a causa de sentencia en segunda instancia, interveu o profesor Philips, un
hipnotista que explicaba en Arxel “electro-bioloxía”, o cal sostivo que se trataba dun irresponsable, pois il podía, apricando os seus métodos, transformar a un home en lobo furioso, é dicir, presentando os apetitos e inclinacións desta fera. Manuel Blanco Romasanta, defendido na Audiencia polo escritor Rúa Figueroa, non chegou a ir ó garrote (foi indultado por Isabel II), pro morreu logo (na cadea), sen que en realidade se esclarecese si era un tolo ou un simulador.
Na crenza popular ficou, nembargantes, a lenda segundo a cal o suposto lobishome, era, efectivamente, o asasino de víctimas inocentes, ás que daba morte para apoderarse dos seus untos, substancia que adquiría prezos moi elevados por ser axente infalíbel de curacións. Nas feiras do país circularon, mesmamente, cantares de cego que relataban a súa historia, nos que se lle
designaba co nome de Manuel Lobo, se salientaba o seu interese polos untos, e mesmo se chegaba a dar por certo que o axustizaran na vila de Celanova o día 4 de agosto de 1853.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios