Javier Teniente retrata en ‘Mans Salgadas’ o traballo da xente galega do mar

84

Lendo en elcorreogallego.es:
“Os homes do mar e o mar como envoltorio son os protagonistas de Mans salgadas a exposición que desde onte se exhibe na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela con fotografías de Javier Teniente. A exposición, inaugurada polo director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o rector compostelán, Senén Barro, é unha mostra máis do interese que Teniente sente pola reconstrucción en imaxes da dimensión humana da sociedade a partir de situacións límites. Tamén é, segundo expresou Gayoso, unha manifestación da “vinculación que desde sempre uniu a Caixanova coas xente do mar”, expresada na aposta por esta exposición.”…


…”A mostra, que xa se puido ver a pasada primavera en Vigo, consta de 60 fotografías de gran formato (50 x 70 e 70 x 100 centímetros) e ofrece un percorrido ó longo de oito historias, desde a fabricación dun barco ata a venda do peixe. Está, ademais, ambientada con sons gravados na costa, dentro da lonxa ou en barcos.
As sorprendentes imaxes captadas por Javier Teniente (Vigo, 1968) fan un percorrido polas diferentes actividades dos homes e mulleres que viven do mar galego. Esta exposición, comisariada por Miguel Ángel Invarato e que permanecerá aberta ata o vindeiro 19 de outubro, comparte título e imaxes cun libro publicado o ano pasado por Edicións Xerais e no que as fotografías de Javier Teniente se unen ós textos de Fran Alonso.
Paralelamente, o libro e a exposición ábrense cunha parte dedicada ós estaleiros, con instantáneas tomadas nos vigueses de Vulcano e de Fillos de J. Barreras. Continúan coa arte da ardora, mediante un seguimento da técnica de pesca da sardiña desde que o buque sae ata que retorna ó porto de Berbés.
A presencia galega nas augas do Gran Sol ocupa un terceiro apartado da mostra, que afonda na captura do rapante, bacallao, peixe-sapo ou pescadas. Segue cunha serie de fotografías sobre as visicitudes da pesca de bonito, cedéndolle o protagonismo ó porto de Burela.
Os traballos dos estibadores na adega dun conxelador é o eixe doutra serie de imaxes que inciden na crueza dos labores de descarga e a loita contra o frío. Pero máis impresionantes son as fotografías da loita diaria dos percebeiros en zonas de difícil acceso á mercé da forza das mareas.
Non falta na mostra un espacio adicado ó marisqueo, con especial atención ó papel das mulleres como labradoras do mar. A rutina diaria na lonxa do Berbés, da descarga á venda, son o obxecto do último apartado de fotografías da exposición e que ó mesmo tempo, pechan o libro do mesmo nome.
Do xornal ó Iraq da posguerra
Javier Teniente comezou o seu traballo como fotógrafo profesional en varios periódicos e na actualidade traballa como fotógrafo independente. Cubriu conflictos provocados pola acción da guerra, a marxinación e as desfeitas naturais entre as que destacan en 1998 a seca en Mauritania ou o furacán Mitch en Centroamérica; en 1999 o éxodo de refuxiados kosovares en Albania; no 2000 as inundacións en Mozambique e no 2001 a sida en África.
Ademais de varias exposicións individuais e colectivas, Teniente é autor de dous libros individuais que reproducen a súa obra fotográfica: Emerxencias humanitarias (2000), publicado en colaboración con Médicos do Mundo, e A ruta iluminada (2000). A Oficina Humanitaria da Unión Europea, en colaboración con Médicos do Mundo publicou no 2002 un almanaque para toda Europa coas súas fotografías.
O suplemento rEVISTA dAS lETRAS de GALICIA HOXE publicou o pasado 17 de xullo un traballo exclusivo de Javier Teniente sobre o Iraq de posguerra.”
Fonte: elcorreogallego.es

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios