A cidade do futuro xa está aquí

110

Os habitantes de Codeseda poderán solicitar unha licencia de obras sen saíren da súa casa. Os rabaños de cabalos salvaxes de Sabucedo estarán vixiadas telematicamente para saber onde están en cada momento. Coma eles, todos os que residan no concello da Estrada poderán facer transaccións electrónicas e trámites administrativos cun ordenador desde a súa casa ou mesmo desde a rúa. Son algunhas das posibilidades das cidades do futuro. E ese futuro será presente na Estrada a través dun proxecto do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.


25 de xuño de 2003
En novembro de 2001 presentouse o Plan Info XXI, que era o gran proxecto do acabado de crear ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para facer de España unha sociedade da información, con 300 actuacións e 4900 millóns de euros.
Era o pai que abeiraba proxectos que ían desde o chamado CERES para seguridade electrónica, ata a alfabetización e accesibilidade dixital. No marco deste plan, que non resultou tan fructífero como se agardaba del e que cambia de nome este mes, había un proxecto que se chama _Cidades Dixitais_.
Fernando Herrero, un dos responsables do proxecto Cidades Dixitais do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, explica que _é un programa para o desenvolvemento dun proxecto que implica unha serie de actuación relacionadas coas novas tecnoloxías nunhas localidades escollidas previamente en cada unha das comunidades autónomas incluíndo Ceuta e Melilla_. Un proxecto que supón ensaiar, de xeito demostrativo, as posibilidades da nova sociedade da información. É dicir, ter un DNI electrónico para realizar trámites administrativos, pedir licencias de obra, falar por teléfono e ver ao mesmo tempo á persoa coa que falas, traballar, ser atendido polo médico a través da telemedicina e todo isto a través do teu ordenador e sen ter que moverte da casa.
No momento en que o programa se fixo público o concello da Estrada viu unha oportunidade de modernizar as súas comunicacións e de entrar de cheo na sociedade da información. Foi nese momento cando, segundo recorda José Manuel Reboredo, concelleiro estradense de cultura, _iniciamos as negociacións coa Consellería de Cultura que é a que ten que propoñer a Cidade Dixital de Galicia e conseguimos que a Consellería propuxese A Estrada para o proxecto_.
A Estrada cumpría todos os requisitos, entre os que era determinante ter menos de entre 30.000 e 40.000 habitantes. E comezou a poñerse en marcha un proxecto que suporá que os veciños da Estrada poidan realizar por internet trámites co Concello, co banco ou con outros veciños. E non só iso, poderán
conxugar a tradición da Rapa das Bestas coa modernidade, xa que unha das primeiras actuacións que se desenvolverá é o seguimento telemático dos rabaños de Sabucedo mediante un chip que evitará as tradicionais marcas que se lle facían ás bestas con ferros ardendo.
Concretando a cidade
Unha vez sabido que A Estrada era a escollida, había que definir o proxecto. Alex Casteleiro, responsable do proxecto na Estrada, resume o debate así, _chegamos á conclusión de que unha cidade dixital non é máis que a plasmación tecnolóxica de todas as relacións que se dan nunha cidade. É dicir, a tecnoloxía pasa a ser impulsora do benestar social_. E para conseguir que a tecnoloxía mediase en todos os procesos da vida diaria dos estradenses, deseñouse un plan que atendese as peculiaridades do concello. E esas pasan, segundo o concelleiro de cultura, por _ser un núcleo de poboación en que só o 40% está nas urbes, e o 60% no rural, co que unha das nosas prioridades foi conseguir eliminar as distancias que hai entre a vida rural e urbana_. Así, deseñouse un proxecto dirixido eminentemente ao rural e que está estructurado en catro apartados fundamentais
En primeiro lugar a mellora das infraestructuras. Para o concelleiro _no casco urbano podiamos dar servicios de alta velocidade, sen embargo no rural debido á tecnoloxía TRAC, que foi moi innovadora no seu momento pero que hoxe está obsoleta, non permitía os accesos á alta velocidade_. E para concretar esta mellora, Alex Casteleiro apunta que _o que faremos é despregar unha rede de banda ancha cunha tecnoloxía sen fíos vía radio que chega á casa do usuario cuns anchos de banda nominais de 11 megabits por segundo, o cal é moi superior ao que hoxe ofrecen os operadores de cable do país_.
Segundo, un programa de formación nas novas tecnoloxías que vai dirixido a todos desde os nenos ata os maiores pasando polas empresas. Neste sentido xa hai algo avanzado, xa a Consellería, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, instalou unha sala web e unha aula multimedia con videoconferencia para dar esa formación. E _ao mesmo tempo -apunta Reboredo-
queremos achegar a formación ao rural a través do que chamamos ruralcentros
_, o que supón aproveitar as estructuras das antigas escolas unitarias para ir colocando terminais que permitan non soamente unha conectividade para que poidan ter acceso a internet_.
En terceiro lugar, xa que hai boas redes e a xente está alfabetizada tecnoloxicamente agora precísase un ordenador para poder formar parte desa nova sociedade. Para iso deseñaron _Acceda_ un programa para subvencionar a compra de equipos informáticos para os cidadáns e tamén as conexións á rede.
E, por último, a xestión de contidos que son os que teñen que darlle soporte á todo o que é A Estrada dixital. Neste sentido Reboredo apunta que xa hai algo avanzado dado que _hai programas como A Estrada Verde, programas específicos para o desenvolvemento das nosas casas de turismo rural que son máis de 20; Moblenet, que vai dirixido á industria do moble (un sector de negocio rendible na Estrada), e outros programas dirixidos cara ao comercio, para o que colocaremos puntos de acceso público, os DAP, para colocar en distintos puntos da vila e que calquera cidadán, a través dunha tarxeta que se reparta de xeito gratuíto nos concellos, poida consultar temporalmente o seu correo electrónico_.
Os últimos puntos
Neste programa o Ministerio fornece a mesma cantidade de cartos que o resto dos entes implicados no proxecto, isto é, concello, deputación e a propia Xunta. Na Estrada prevese que o proxecto ande polos 7 millóns de euros. Ata o momento, segundo apuntou o concelleiro de cultura, hai garantidos uns 5 millóns de euros, máis a achega económica que fai a Fundación Caixa Galicia, un millón de euros. De todos os xeitos, as cantidades poden variar ata o momento en que se asine o convenio co Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, procedemento que terá un complexo trámite burocrático e que precisa ser aprobado en Consello de Ministros. De momento, aínda que é un proxecto piloto e con carácter demostrativo de como pode funcionar unha cidade, como pretende ter utilidade práctica, xa o proxecto incorpora dúas novas vilas, Vilalba (Lugo) e As Pontes (A Coruña) coas que realizar actividades puntuais, pero de menor importancia cás da Estrada.
Cortesía de Luilhi
Fonte: culturagalega.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios