A Cultura do Idioma e o Idioma da Cultura

93

A CULTURA DO IDIOMA E O IDIOMA DA CULTURA
Por Xoán López Facal
Tempos Novos, nº 77 Outubro 2003
Parece inevitábel aturar enfáticos discursos oficiais sobre a cultura común que une a galegos e portugueses, vínculo de cohesión euro rexional, factor de estímulo ao desenvolvimento común, etc. etc. a maneira de incipit obrigado e retórico para desembocar apresuradamente no realmente importante: unha pretenciosa perorara en castellano tecno-funcionarial, quer dicer, cheo dos lugares comúns da pior retórica tecnocrática tan amada polos funcionarios do poder.


Os portugueses, que normalmente toleran con paciente cortesía, e un ponto de distancia, a ousada afirmación de que un galego deturpado, elemental e tosco non é máis nada que o seu idioma propio ou, máis matizadamente, a súa única e auténtica nai (que San Fernando Pessoa os valla), saen de dúbidas (se as tiveren) cando o prócer de turno
entra en materia e se deixa de lerias. (…). ¿Pode estrañar a alguén que os portugueses non acaben de entender cabalmente que é iso da cultura e o idioma común que tanto nos une?
Que o galego e o portugués son duas variantes do mesmo idioma xa non se discute. As oportunidades que esta feliz circunstancia abre para o desenvolvimento cultural e económico do nos país son en cambio cuidadosamente devaluadas e descualificadas cando non reprimidas.
O portugués, variante moderna e desenvolvida do noso idioma propio (…) é hoxe en día o romance máis falado no mundo despois do español. (…).
No último atlas de Le Monde podemos ler o táboa clasificatorio dos idiomas universais, queles falados, digamos, mais de 100 millóns de persoas (…).
Un galego culto situase por nacimento nunha comunidade lingüística de 528 millóns de falantes, 1,64 veces a comunidade anglófona. A Consellería de Educación aínda non se comprendeu nen leva trazas, o Ministerio de Educación e Cultura non quere mentres acaricia a ilusión de conquistar o mercado editorial brasileiro aproveitando que o ten rodeado. (…).
O portugués non pode deixar de ser para o galego o cánon, o modelo da súa pervivencia normalizada, tanto por imperativos económicos como propiamente xenéticos, históricos.
Língua e economía son territorios próximos. Cento setenta millóns de falantes constitúen un mercado, expansivo, prefigurante tal vez dunha potencia económica emerxente como pode ser o Brasil. Un mercado inmediato, maiormente para a industria cultural (…).
Sen falarmos de futuríbeis, vaiamos mercar unha prenda de Zara, unha crema dermoprotectora francesa, um ordenador ou equipo de música xaponés. O portugués vai estar, sen dúbida, no selecto grupo de línguas do etiquetado ou do manual de instruccións. O galego ten esta dimensión internacional, útil, competitiva, propia dos grandes idiomas de uso mundial, que só a ridícula ignorancia provinciana e a pudibunda timidez dalgún corifeo despistado da cultura oficial máis mórbida e conmemorativa pretende ignorar.
Temos ben próximo un territorio onde se fala o noso idioma en todos os ámbitos da vida (…). Un magnífico campo de experimentación para contrastar a dimensión real do noso idioma. Tal vez entón comecemos a considerar con realismo o desafío da nosa aproximación ortográfica ao estándar portugués, de tornar o noso idioma transparente para o foráneo liberándoo do seu entrañábel código ortográfico familiar. Así fixeron os flamengos cando adoptaron a ortografía holandesa conxurando o risco certo de valonización, como apontaba tan asisadamente Carvalho Calero no seu artigo O voo do flamengo, do ano 1981.
Motivos económicos (…), mais tamén razóns históricas. Muitos galegos pensarán, talvez, que unha reforma ortográfica a prol dunha aproximación ao estándar brasileiro e portugués é un disparate lusista que só serviría para apartar ao falante popular do seu idioma de sempre, e -argumento que non se explicita- para debilitar a españolidade de Galiza. O pastor da língua que tal opina pretende esquecer que o falante popular é ágrafo no seu idioma, que o escolar galego é tan intelixente como o de calquera outro país para aprender correctamente a ortografía do seu idioma, por non falar do emprego asisado dos medios de comunicación públicos para educar (…).
Non debemos esquecer que a renuncia á nosa ortografía propia mutila a comprensión do noso idioma aos aprendices foráeos ao tempo que nos impede a nós pronunciar correctamente tanto apelido e topónimo galego como conseguiu fuxir da furia cosmética castellanizadora, incapaz tanto de estirpar os Sanjurjo, Cagide, Refojo, Gigirei, Ageitos, Jardon, Araujo, Lage, Gesto… e tantos e tantos correctísimos apelidos galegos ben escritos e mal pronunciados. Unha auténtica terapía para país desmemoriado. Un cambio prudente, cordial, progresivo, mais imprescindíbel para asomarnos desde o noso idioma ao mundo.
Tal vez vai sendo hora de restituirmos o galego á sua matriz histórica ingresando ao tempo no clube dos idiomas que contan no mundo. Matinemos, de contaren coa dimensión internacional que o galego ten por nacimento, ¿manterían as forzas vivas das Vascongadas e Cataluña (Academis, Institucións, asociacións de escritores) o noso despreocupado desdén pola variante moderna do idioma común desde os cancioneiros?
Sen mencionar o feito esquecido por algúns lusistas apresurados, de que o galego conserva un acervo de voces e expresións que pode constituir o auténtico agasallo de Galiza ao idioma común. Sábeno ben os devotos dos diccionarios cando repasan os arcaísmos recollidos nos diccionarios portugueses, por non falar de vocabularios como os de Tras Os Montes ou da propria memoria campesima tan presente nas familias portuguesas.
Un idioma é algo máis que un código de comunicación. Aí está o caso do benemérito esperanto para confirmalo. A euro-rexión ábrenos tamén esta ventá cara a nós mesmos onde coexisten Pessoa e Rosalía. Ún agasallo mútuo que non debía demorarse.
Cortesía de Isabel Rei

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios