Chega a nova Porta Santa

127

Lendo elcorreogallego.es:
“A Catedral dispón xa da nova Porta Santa, dúas follas de bronce e aceiro de trescentos quilos cada unha, obra do escultor Suso León. A peza é unha doazón dunha trintena de entidades e organismos empresariais e profesionais entre as que se conta o Grupo Correo Gallego. A iniciativa recupera un antigo proxecto para substituír as sinxelas follas de madeira que pechaban o paso os anos que non eran xubilares e completa outras intervencións anteriores destinadas a dignificar a chamada Porta do Perdón.”…


…”Así, a Porta Santa conta desde hai uns anos cun cortaventos labrado en madeira polo escultor Francisco Leiro que se coloca en cada Xubileo para frear as correntes de aire que se forman no interior da Catedral por estar aberto o acceso. Faltaba só o peche exterior.
A nova Porta Santa está xa exposta ó público no Claustro da Basílica. O día dezasete celebrarase a entrega oficial da doazón por parte do presidente da Cámara de Comercio, Xesús Asorey, que liderou o proxecto. Uns días antes do inicio do Ano Santo colocarase na súa situación, unha operación para a que será necesario o apoio dun guindastre debido ó seu peso e as súas dimensións. A peza ten 2,6 metros de alto.
O 31 de decembro estará todo listo para que o arcebispo, monseñor Julián Barrio, dea inicio ó primeiro Xubileo do novo século abrindo a porta de par en par. A estrea da peza non cambiará, non obstante, o antigo rito. Tralo novo peche de bronce estará o muro de pedra que tradicionalmente derruba o arcebispo cun martelo de prata.
O deseño da porta é do escultor, aínda que o Cabido determinou os motivos que debían ornamentala. A cara externa, que se asomará á Quintana, está presidida por un gran Cristo e un Apóstolo Santiago orante. Baixo eles represéntanse os santos peregrinos e os dous Papas que acudiron á Catedral (Xoán XXIII e Xoán Pablo II).
Na cara interna represéntanse en seis cadros diferentes os principais momentos da tradición xacobea, desde a vocatio ata a translación dos restos do Apóstolo e a descuberta da tumba sagrada por Teodomiro. Completan o conxunto distintas texturas e motivos relacionados co Camiño e a Catedral. Son cunchas, estrelas, follas de árbores, chaves da Basílica e pegadas, entre elas a da filla do escultor, que quixo incluíla como un símbolo de inocencia e esperanza.
A porta foi fundida integramente na forxa que León ten no taller do seu propio domicilio, unha vivenda situada nas saias do Pedroso. O escultor, de 34 anos, formouse na Escola de Mestre Mateo, aínda que entón completou os seus coñecementos nunha viaxe de estudios polas fundicións de Italia.
A apertura da Porta Santa transmitirase en directo desde tres pantallas xigantes situadas na praza de Galicia, a Alameda e a praza Roxa se Videco, a empresa propietaria, logra ter lista a instalación a tempo. ”
Fonte: elcorreogallego.es

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios