Un de cada cinco empregados públicos galegos ten contrato temporal

92

Lendo galiciainformacion.com:
“A precariedade laboral chega tamén ás administracións públicas. Se hai poucas datas destacabamos aquí precisamente que un de cada tres asalariados galegos ten un contrato eventual e precario, agora hai que subliñar que unha boa parte da responsabilidade desa situación está directamente xestionada pola Asministración Pública.”…


…”Segundo os datos dos gabinetes estatísticos do IGE e do INE, o 20 por cento dos empregados públicos hoxe en Galicia son contratados eventuais, cifra que medrou a dous puntos por ano desde 1996.
Os concellos son, con moito, os organismos que máis contratos temporais ou por obra ou servicio asinan en Galicia. A taxa de eventualidade nas suas contratacións se cifraba, segundo datos de CCOO, no 45 por cento para os dous primeiros trimestres de 2003.
A continuación séguelle a Xunta, con un 24 por cento de eventualidade, e no último lugar a administración central do Estado, con só un 14 por cento de contratos eventuais.
INDUSTRIA
Sen embargo, a precariedade laboral non é patrimonio exclusivo de ningún sector. Así, na industria, que e Galicia emprega a 175.000 salariados, o 34 por cento carecen dun contrato estable, é dicir, 60.000 obreiros.
A industria textil é o sector que ten unha precariedade que os sindicatos cualifican de ” escandalosa”. Malia ser un dos sectores máis vistosos desde o exterior da economía galega, case a metade dos traballadores asalariados, un 46,1 por cento, manteñen unha relación laboral precaria. Dos 24.000 traballadores do “próspero” textil galego, 11.000 son temporais.
Na metalurxia, pola súa parte, traballan 17.069 galegos. Un de cada tres é precario. nas industrias alimentarias, outra das fortes da economía galega, déixanse ver os efectos dunha forte estacionalidade, cunhas fluctuacións de contratación entre o inverno e o verán do 13 por cento. De 25.000 traballadores, 10.300 son precarios.
A fábrica de material de transporte é a rama industrial que máis persoas asalariadas emprega en Galicia, con 36.781 traballadores. deles, case 12.000 son precarios.
CONSTRUCCIÓN
A construcción é, con moito, o sector que mantén unhas taxas de precariedade máis altas. O 58 por cento dos albaneis e especialistas das obras manteñen un contrato temporal, por obra ou servicio ou de fomento do emprego.
No sector servicios galego dáse un índice de precariedade do 29 por cento. Así, dunhas 425.000 persoas asalariadas, 125.000 son precarias. Caso especial é o da hostelería, onde traballan 26.000 galegos e case 15.000 non teñen un contrato fixo. Esta taxa de precariedade do 56 por cento é 15 puntos máis alto que a media estatal da súa rama.
O comercio minorista dá emprego a 58.000 persoas asalariadas, das que case 21.500 son precarias. Isto implica unha taxa de precariedade de 4,5 puntos por enriba da media estatal. A rama de comercio de viaxantes e intermediarios, con 24.000 empregados, mantén en precario a outros 7.300 traballadores.
SINISTRALIDADE
A consecuencia máis grave destas altas taxas de precariedade que denuncian os sindicatos en Galicia, á marxe da calidade de vida laboral dos empregados reflectida, por exemplo, na súa capacidade para endebedarse nunha hipoteca, é a sinistralidade laboral.
Segundo CCOO, o 77 por cento dos accidentes laborais con baixa ocórrenlle aos traballadores por conta allea cun contrato temporal, malia representar só o 35 por cento do total de traballadores galegos. Para as persoas cun contrato temporal, a taxa de incidencia é do 133 sinistros para 2001. É dicir, de cada 1.000 persoas que asinaron contratos eventuais en Galicia, 133 acabaron padecendo un accidente.”
Galicia Información
15/12/03
Fonte: galiciainformacion.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios