O BNG esixe á Xunta responsabilides sobre as aves petroleadas e pide un centro de atención para esta fauna

103

Lendo galiciainformacion.com:
“O Grupo do BNG no Parlamento galego presentou unha serie de iniciativas nas que pide explicacións e “responsabilidades” á Consellaría de Medio Ambiente no caso das aves petroleadas en diversos puntos da costa, cuxa atención xerou unha intensa polémica entre o departamento autonómico e grupos ecoloxistas.”…


…”Alén diso, a formación nacionalista reclama, mediante proposición non de lei, que se cre “no prazo de tempo mais breve posible” un centro de recuperación de fauna mariña –tanta aves como mamíferos e tartarugas– dotado de “infraestrutura e persoal especializado e suficiente”. De feito, indica o texto, cada ano varan nos areais galegos até dous centos de exemplares de delfín, foca ou tartaruga.
A deputada Rosa Darriba lembrou que o suceso en cuestión tivo lugar a comezos do presente mes, cando unha mancha de hidrocarburo, de orixe imprecisa, afectou a un número elevado de aves mariñas que foron recollidas en diferentes puntos da costa unhas 500, segundo estimacións de ecoloxistas e voluntarios.
Darriba fíxose eco das críticas formuladas por estes colectivos polo, ao seu xuízo, deficiente tratamento que se prestou ás aves, postas de manifesto no feito de que cando se produciu a solta dos primeiros exemplares atendidos, moitos deles non foron capaces de remontar o voo, ao non ter recobrado debidamente a impermeabilidade da súa plumaxe.
A deputada tamén se referíu a unha orde dada en un primeiro momento por un responsábel de Medio Ambiente para que se sacrificasen a unhas 200 aves petroleadas, o cal finalmente non se levou a cabo pola oposición da persoal encargada da súa atención. Rosa Darriba tamén advertiu ao departamento autonómico que desde o BNG estarán “moi atentos” para que non se produzan “represalias” contra os traballadores que denunciaron estas circunstancias.
ADEGA E O INFORME DO PE
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) expresou a súa satisfación pola aprobación do informe final da Comisión do Parlamento Europeo sobre seguridade marítima, coñecida como a comisión “do Prestige” ou Comisión MARE. O informe recolle fortes críticas á xestión dos gobernos central e galego e diversas propostas positivas para a mellora da seguridade do transporte marítimo.
Segundo Adega, este “non pode ser máis claro en canto á nefasta xestión do accidente do Prestige, condenando firmemente a decisión de arredar o barco da costa en lugar de o enviar a un lugar de refuxio”. Destaca tamén que o informe recoñece “a persistencia a día de hoxe de contaminación grave en máis de 300 puntos do litoral e os importantes danos ocasionados sobre os espazos naturais propostos para a Rede Natura 2000”.
NUNCA MÁIS CONTINUARÁ EXISTINDO
Por outra parte, a voceira de ‘Nunca Máis’ en Lugo, Adela Figueroa, asegurou que a plataforma cidadá non desaparecerá malia o informe aprobado polo pleno do Parlamento Europeo no que se critica a xestión levada a cabo polo Goberno do PP durante a catástrofe do ‘Prestige’. Figueroa explicou que “en parte, os obxectivos
de Nunca Máis vanse conseguindo e ao final a verdade ocupa o seu lugar”, aínda que insistiu en que “moitas das reivindicacións” da plataforma “están por se cumprir e por iso non vai desaparecer”.
Por outra parte, gabou o traballo realizado polo eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, polos Verdes e por Adega para conseguir a aprobación do informe. Igualmente, considerou que “agora cómpre pedir responsabilidades” ao daquela ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos; ao delegado do Goberno, Arsenio Fernández de Mesa; o presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribaner; e o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga.”
Galicia Información/Ep
Fonte: galiciainformacion.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios