Concurso de carteis das Festas do Carme 2004

91

O Departamento de Cultura tamén nos manda información sobre o concurso de carteis das festas do Carme:


Co motivo da celebración das Festas do Carme que se celebrarán o vindeiro mes de xullo, o Concello das Pontes de García Rodríguez convoca un concurso de carteis coas seguintes bases:
Primeira.- Poderán participar tódolos xoves que teñan cumpridos os 14 anos antes do 25 de xullo de 2004, e non superen os 30 na mesma data.
Segunda.- O motivo do cartel é anuncia-las Festas do Carme do ano 2004. A técnica será libre, e aparecerá obrigatoriamente no cartel o seguinte texto:
FESTAS DO CARME
AS PONTES
DO 16 Ó 22 DE XULLO DE 2004
As medidas do cartel serán de 40 x 70 cms. como máximo, e preferiblemente en orientación vertical. Só se poderá presentar un cartel por persoa/s, e deberá ser inédito e orixinal.
Terceira.- O prazo de presentación e chegada dos carteis rematará o 30 de maio de 2004 ás 12:00 h. Os carteis serán entregados ou enviados ó Departamento de Cultura do Concello das Pontes, sito na Casa Dopeso, Rúa Rosalía de Castro, 28 – 15320 As Pontes, A Coruña. (teléfono: 981 44 03 44/ cultura@aspontes.org)
O cartel deberá vir acompañado dun sobre pechado e coa seguinte información no seu interior: nome, dirección, fotocopia do DNI, e teléfono do autor/es.
Cuarta.- Establécese un premio único de 300 € (trescentos euros). O cartel premiado quedará en propiedade do Concello das Pontes.
Quinta.- O Xurado estará composto por persoas debidamente cualificadas e representantes do Concello, estes con voz pero sen voto, sendo o seu fallo inapelable. O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto o premio.
Sexta.- O Concello poderá utilizar a imaxe do cartel gañador noutras publicacións relacionadas ou non coas festas do Carme, asi mesmo os carteis que non resulten premiados poderán ser expostos.
Sétima.- A participación neste concurso implica a aceptación destas bases.
Nota: os carteis non premiados, poderán ser retirados na Casa Dopeso durante o mes de setembro. Os carteis non retirados nestes período quedarán en propiedade do Concello.
Cortesía da concellería de Cultura – O.M.I.X. As Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios