Un canon da SGAE leva ás festas galegas a plantexarse a súa desaparición

240

Lendo lavozdegalicia.com:
“A Sociedade de Autores reclama un 7% do presuposto das celebracións populares. As parroquias de Vigo cancelarán as romarías se perden un xuizo que teñen por non paga-la taxa.”…


…”As romarías populares de Galicia din estar ó borde da extinción. A culpa tena un canon que quere cobrarlles a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) pola utilización de contidos orixinais nas festas de acceso gratuito.
Esta taxa, que ascende ó 7% do presuposto total dos eventos, fai que os organizadores de festexos estean dispostos a sacrifica-las verbenas que preparan durante todo o ano.
‘Non sei a qué ven todo isto, pero se a SGAE se sae coa súa vai afundi-las celebracións populares’, explica o presidente do colectivo que agrupa ás principais comisións de festas de Vigo, Gabino Goberna. Coma el, unha vintena de presidentes de comités organizadores de festexos consultados por La Voz están dispostos a presentar batalla ata o final: ‘A decisión está tomada: se hai que pagar esa barbaridade á Sociedade de autores, cancelaremos as festas’, explica o secretario da comisión de Sárdoma, en Vigo, que asegura que este ano aínda non contrataron ningunha orquestra para os festexos que se celebran dentro dun mes. ‘Non lles imos a pagar nada: queren aproveitarse do traballo que facemos sen ánimo de lucro, con toda a ilusión, para encherse os petos sen pegar pao’, engade ofendido o presidente dos festexos doutra parroquia pontevedresa.
Reclamacións xudiciais
Máis aló da taxa, que existe dende fai anos, a revolución das festas populares ten como detonante a reclamación xudicial da SGAE contra dous festexos galegos. Un deles, en Betanzos, saldouse cunha sentencia favorable ós autores, que está recurrida. O outro proceso xudicial, en Vigo, comezará o día 24 nos tribunais da cidade. Alí a SGAE reclamará 2.144 euros á festa de Liñares, que se celebra dende fai 200 anos na parroquia viguesa de San Miguel de Oia.
Do contencioso estarán pendentes deceas de comisións de festas, que ven na batalla xurídica a única vía para salva-lo futuro das romarías. ‘Se perdemos o xuizo, verémonos obrigados a cancela-las festas, porque non nos da o presuposto’, subliña o presidente das comisións de festas de Vigo.
Da mesma opinión son algúns representantes de orquestra, que creen que os fins da SGAE non xustifican medios tan contundentes: ‘Queren cobrar unhas cantidades esaxeradas. E, ademáis, queren ser eles quen fixen o prezo sobre o que aplica-lo 7%. É un problema que afecta a toda Galicia’, explica o propietario de Espectáculos Lito, augurando unha dura negociación do resultado incerto.”
Fonte: lavozdegalicia.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios