Os afectados polo parque eólico da Carballeira cortan o paso nas obras

207

[RTVi-As Pontes] Case unha trintena de propietarios dos terreos onde se está a contruí-lo novo parque eólico da Carballeira, cortaron o tráfico na tarde de hoxe na principal vía de servicio das obras. Trátase dun novo capítulo no conflicto aberto desde hai varios meses entre os veciños e a promotora do parque, a filial de Endesa “ECYR”.

carballeira05.jpg


Cara as catro da tarde os propietarios dos terreos presentáronse no monte decididos a cortarlle o paso ós camións que durante estes días transportan material para construi-lo parque. Dous tractores colocados estratéxicamente incomunicaron ámbalas metades da superficie onde Ecyr tén previsto instala-los aeroxeradores. Malia non haber ningún incidente, cara as cinco da tarde achegouse unha patrulla da Garda Civil ata o lugar, situado moi preto do límite co concello de Xermade.

carballeira01.jpg

A Benemérita atopouse coas explicacións dunha e doutra parte. Por unha banda a da empresa, que quixo que se levantase atestado dos feitos por mor das perdas económicas que lle pode producir o non poder continuar cos traballos con normalidade. E pola outra banda, a explicación dos veciños que, segundo dixeron, cortaron a circulación “porque é a única maneira de facerse oír e de presionar para que a Consellería de Industria e Ecyr arreglen algo que está mal feito”.
carballeira02.jpg

O que para os propietarios está “mal feito” é o parcelario no que se basea todo o proxecto. Xa na fase do levantamento das actas previas á expropiación a comisión de afectados polo parque fixo saber que os planos non se axeitaban á realidade, é dicir, que non cadraban os planos coas divisións da terra escrituradas e testemuñadas con marcos. En outras palabras, se se superpuxesen os planos á realidade das propiedades veríase que o proxecto non cadra e que hai un desfase de varios metros entre as leiras debuxadas no papel e o que dín os marcos.
carballeira06.jpg

Malia que os veciños xa avisaran deste desfase, as obras empezaron tal e como estaban previstas no proxecto. E aí comezaron os problemas. As máquinas iniciaron os traballos meténdose nas fincas e os veciños confirmaron o que xa sabían: que a uns os expropiaban pola totalidade do terreo e que despóis só lle tocaban a un pedazo e que a outros lles expropiaban só un anaco e que despois as máquinas obraban na totalidade da leira.
carballeira03.jpg

Os propietarios, puxeron en coñecemento da empresa e da Xunta o problema sen que nun primeiro momento houbese resposta. Despois puxeron nas mans dos parlamentarios do BNG o asunto e, por último chegaron ó Valedor do Pobo que se pronunciou ó seu favor.
Nunha entrevista mantida coa Consellería de Industria, a Comisión de afectados logrou o compromiso de que a Xunta volvese medir os terreos para comprobar que os planos do parque non cadraban cos lindes históricos das terras. Hai escasas semanas a consellería enviou un equipo topográfico que, segundo os propietarios, “se limitou a comprobar que as zapatas dos aeroxeradores estaban onde debían estar facendo medicións por GPS”. Os propietarios indican que esta medición non serve de nada xa que o problema non é a situación exacta dos aeroxeradores senón o feito de que “se ocuparon terras sen expropiar nuns casos e que noutros se expropiaron terreos que nin sequera se tocaron coas obras”. Así llo fixeron saber á Consellería, quen volveu enviar ós topógrafos. O venres pasado volveron face-las mesmas medicións, pero do tema do desfase entre o parcelario e a realidade, nada.
carballeira04.jpg

Algún dos propietarios indicou que un representante da empresa promotora mesmo lle chegou a dicir que o problema podían arreglalo entre eles, é dicir, “se a min me expropian 500 metros e despois só obran en 50 e se ó meu veciño lle expropian 50 e lle obran en 400, pois a conta sería que lle déra eu o diñeiro que cobrei de máis, cando o asunto é que os planos están mal feitos desde un principio, e nosoutros xa llelo dixemos”.
Como queira que sexa, durante a tarde de hoxe grande parte da actividade que se desenvolve nas obras do parque eólico da Carballeira estivo detida, ó non poder circular os camións e a maquinaria subcontratada por ECYR. Mañá martes, os propietarios dos terreos volverán corta-lo paso no camiño de serventía das fincas e mesmo hai a posibilidade de que soliciten entrevistarse co Director Xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás, que mañá estará nas Pontes para abri-la xornada sobre os retos ós que se enfrontará a nosa economía por mor da aplicación do protocolo de Kyoto.
Os veciños indicaron que as medidas de presión continuarán mentres que non se atenda a súa demanda de que se comprobe que “efectivamente os planos non están ben feitos”.
SERVICIO DE NOTICIAS DE RTVi-AS PONTES
aspontes.org
prensa@aspontes.org
981 45 31 89
981 45 31 90(fax)

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios