Máis formación para As Pontes

82

[RTVi-As Pontes] Onte pola mañá volvéronse reunir no concello representantes municipais, sindicatos e empresarios para definir xa cales son as necesidades educativas no campo da formación profesional que terá As Pontes nos vindeiros anos. A xuntanza de hoxe serviu de punto de partida para elaborar un documento que se lle presentará á Xunta para reclamarlle maior oferta formativa.


A xuntanza iniciouse ás doce e media e nela estiveron representados o Concello, os sindicatos CIG, UXT e comisións e a Asociación de Usuarios de chan industrial das Pontes, a SEARA. Xa a semana pasada houbera unha reunión semellante para tentar perfilar cales serán as necesidades formativas das Pontes no futuro. Trátase de facer propostas educativas concretas dacordo coas tendencias da economía, a industria e a sociedade da vila. É dicir, búscase saber que tipo de formación fará falla para darlle resposta ás necesidades de profesionais das empresas e tamén para que se poidan crear novas iniciativas dacordo coas necesidades da sociedade.
O borrador destas propostas de formación xa se puxo hoxe enriba da mesa e contempla a formación regulada, a formación ocupacional, os obradoiros de emprego e a formación continua. No tocante á formación regulada a proposta expresa a necesidade de amplia-los ciclos formativos nos campos da hostalería e o turismo, da sanidade, da mecánica e da producción e distribución de enerxía. Na parte de formación ocupacional fálase de potencia-la aprendizaxe de materias relacionadas co turismo e a hostalería, os servicios á comunidade e tamén varias especialidades do campo industrial e da agricultura.
Por último tamén se queren seguir potenciando os Obradoiros de emprego e as escolas obradoiro con especialidades que cadren coas disciplinas reguladas e coas da formación ocupacional. Ademáis, os sindicatos e os empresarios tamén teñen interese en propoñer un completo programa de formación continua que permita mante-los coñecementos ó día e adaptarse a novas tendencias dentro das empresas.
Polo momento estas son as propostas sobre as que hoxe falaron o concello, a CIG, UXT, Comisións e a SEARA. Trátase dun borrador de propostas que se irá perfilando nas próximas semanas ata desembocar nun documento consensuado que se lle presentará posteriormente á Xunta de cara a amplia-la oferta formativa das Pontes.
aspontes.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios