Tom Roosendaal presenta a ferramenta de deseño Blender, programa aberto pero con matices: ‘Non é un xoguete para calquera’

73

Lendo codigocero.com:
“Ningunha das intervencións da Semana Internacional das TIC en Santiago comezou de xeito tan espectacular como a de Tom Roosendaal (na imaxe). Unha curtametraxe de animación, repleta de efectos visuais e sonoros, puxo ós asistentes nunha situación inesperada: a de crer por uns intres que estaban nunha sala cinematográfica asistindo á preestrea dun filme de ciencia ficción. En realidade, os que pensaron iso non andaban moi desencamiñados, posto que Roosendal veu precisamente a presentar unha ferramenta de deseño en 3D (con código aberto), técnica usada en múltiples produccións audiovisuais europeas e norteamericanas (e non sempre de ciencia ficción).”…


…”A plataforma presentada por Roosendal (presidente da Fundación Blender en Holanda) ten unha particularidade que a pon no punto de mira de moitos analistas e usuarios potenciais: é de distribución libre.
Hai máis características que convén resaltar: “Pódese utilizar sobre calquera sistema operativo. Permite ós artistas traballar en moi variadas fases do proceso de creación, dende o modelado á montaxe. Pódese usar en imaxes, filmes, xogos ou incluso en programas de arquitectura. É software libre pero non é un xoguete para todo o mundo, senón que está orientado ós artistas. Hai que ter unha preparación, e moitas das persoas que fan uso do Blender necesitaron dous anos de entrenamento en materia de deseño en tres dimensións”, matizou Roosendaal. E proseguiu: “A linguaxe usada é o OpenGL. En 2003 tiñamos rexistradas unhas 250.000 persoas e houbo preto de dous millóns de descargas”.
A Fundación que dirixe, centrada en torno a esta ferramenta de deseño, naceu sen ánimo de lucro, perseguindo (subliñou) sempre o ben común e o desenvolvemento do software. “Publicar algo libremente deste xeito reportounos unha serie de vantaxes: prestixio, motivación dos participantes (mellora a calidade de vida), exportación das creacións, diversidade de opinións e coñecemento, entre outras cousas”. Ó seu xuízo, o feito de que o código fonte estea aberto é unha vía para que o programa sexa mellorado polos propios usuarios.
Xa na rolda de preguntas dos asistentes, dende Código Cero preguntóuselle cómo cría el que se ía ver afectada Blender en caso de que se aprobe a Directiva Europea de Patentes. E isto foi o que nos contestou: “Malia haber un movemento antipatentes, non creo que sexa un problema tan grave. Sempre se poden sortear este tipo de leis se o potencial afectado desenvolve ideas propias. En realidade, non só vai afectar ó software libre senón tamén ás propias empresas. Eu confío en que o sistema acabe por corrixirse a si mesmo”.”
Fonte: codigocero.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios