O exministro de defensa francés visitará As Pontes o xoves

57

[RTVi-As Pontes] E despóis da mina…¿que e como?. Esa é a pregunta que se formula o Concello das Pontes despois de que Endesa dése a coñece-lo seu proxecto de asolaga-la explotación a ceo aberto para convertela no maior lago artificial de Europa. En principio a idea da empresa eléctrica é enche-lo oco da mina, restaura-los taludes e continuar coa reforestación da escombreira exterior.


Despois deste proceso, que duraría desde o 2008 ata o 2013, a Xunta faríase cargo da zona coma se fose unha área natural máis. Sen embargo, o Concello considera que a recuperación ambiental debe ir acompañada dun programa que contemple as infraestructuras necesarias para dárlle un uso lúdico, cultural e, sobre todo, sostible desde o punto de vista do seu mantemento e da xeración de emprego nas Pontes. Esta premisa fixo que desde hai algún tempo a Concellería de Urbanismo e Desenvolvemento Sostible comezase a preparar un completo programa de ponencias e charlas para achegar experiencias nesta mesma liña doutras partes do mundo. A primeira destas xornadas celebrarase o vindeiro xoves, día 10 de xuño, ás sete e media da tarde na Casa Dopeso. Ese día, Paul Quilés, ministro francés durante a época Mitterrand, falará sobre o proxecto levado a cabo de Cap´Découverte.(As Pontes, 5-6-04)
A experiencia desenvolvida na zona de Découverte, que abrangue seis municipios mineiros da rexión de Toulouse, iniciouse no ano 1995, xusto no intre en que se anunciaba o peche da última explotación mineira de carbón que quedaba en activo. Daquela, as administracións rexionais e municipais da zona puxeron enriba da mesa a necesidade de recupera-lo entorno mineiro desde o punto de vista ambiental pero tamén cultural e económico. Un ano despois promoveuse un concurso internacional de ideas para a valorización económica da cunca mineira. O concurso, deu como resultado o proxecto de creación da Cap´Découverte, unha inmensa área pensada para atrae-lo turismo que lles ofrece ós visitantes opcións de ocio ó aire libre, deporte e tamén cultura.
De feito, nas antigas minas e no seu contorno, hai auditorios, teatros, e tódolos servicios que se esperan dunha área de esparcemento parecida a un parque temático con entrada gratuíta, pero que tamén ofrece a posibilidade de realizar actividades de pago que van desde os deportes de risco ata outros máis clásicos en Francia coma o esquí.
Unha das partes máis rechamantes é a adicada á memoria histórica, na que se pode percorre-la historia mineira da zona e mesmo ver de preto as xigantescas escavadoras, dúmpers e apiladoras que se utilizaban ata hai pouco máis de dez anos.
As instalacións e servicios de Cap´Découverte inauguráronse no ano 2003 coa chegada dunha contrarreloxo do Tour de Francia. Desta maneira botaba a andar un proxecto consensuado entre as administracións locais, a nacional e mesmo a europea, que aportou o 25% dos 61´4 millóns de euros que custou levar adiante a idea.
Sen embargo, ata chegar aquí houbo que planificar perfectamente o que se quería facer, cómo se ía facer e canto ía custar. De todo este proceso falará nas Pontes o xoves a delegación francesa convidada polo Concelloj e que estará encabezada por Paul Quilés. Na actualidade é o máximo responsable do Sindicato Intermunicipal de Découverte e do Sindicato Mixto para o Acondicionamento de Découverte, os dous órganos promotores da recuperación sostible do contorno mineiro. Quilés, de 62 anos, formou parte de tódolos gobernos de Françoise Mitterrand, nos que ocupou cargos tan importantes coma o de Ministro de Defensa ou Ministro do Interior.
Paul Quilés virá acompañado de Jean-Jacques Gardelles, que é o Director Xeral de Cap´Découverte, e tamén por Bernard Jiménez, Director da Oficina de Turismo.
O obxectivo do Concello das Pontes é coñecer cómo foron os preparativos e tamén cal é o resultado acadado en Découverte. Trátase básicamente de dár a entender que hai máis opcións a valorar que un simple asolagamento. “Non queremos trasladar o proxecto francés a As Pontes, senón aprender dos seus aspectos de planificación e xestión. En definitiva, interésanos máis ó cómo que o qué”, afirma o Concelleiro de desenvolvemento sostible, Francisco Da Silva.
Precisamente este é o momento de empezar a plantexar cómo se vai acada-lo desenvolvemento sostible do contorno da mina e da escombreira. Segundo Da Silva, “o debate débese promover agora xa que estamos a menos de catro anos do inicio do enchido do oco da mina e tamén estamos nun intre no que se vai comezar a definir urbanísticamente o As Pontes do futuro”.
En calquera caso, a esta primeira xornada sobre a recuperación sostible do entorno da mina, xa confirmaron a súa asistencia a Dirección Xeral de Industria, a Dirección Xeral de Turismo e a Dirección Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental. Tamén estarán presentes as universidades de Santiago e A Coruña, Euroeume, os alcaldes da comarca, o CIT Eumeturismo e, por suposto, Endesa.
Será o Xoves, día dez de xuño ás sete e media da tarde na Casa Dopeso.
Máis información en www.aspontes.org e www.capdecouverte.com.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios