As Pontes gaña o premio ECOMED na categoría de cidade sostible con actuacións innovadoras no ámbito medioambiental

82

[RTVi-As Pontes] Os premios ECOMED entregáronse onte en Cataluña enmarcados no Forum Barcelona 2004 Ramón Gato, Concelleiro de Facenda das Pontes, recibía na tarde de onte de mans da ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, o premio “Cidade Sostible con actuación innovadora no ámbito medioambiental”, convocado por segundo ano pola fundación Forum Ambiental.


Os premios Ecomed buscan recoñece-lo esforzo dos concellos e doutras administracións no ámbito do desenvolvemento sostible, ben porque teñan ideas novidosas ou ben porque xa estean levando a cabo proxectos de sostenibilidade.
Ese é o caso das Pontes, que presentou a estes premios o seu plano estratéxico de actuación. O xurado dos premios convocados pola Fundación Fórum Ambiental valorou especialmente o capítulo adicado á implantación das enerxías alternativas e á preservación ambiental. Un proxecto a longo prazo que xa se desenvolve no noso concello e que contempla en tódolos seus apartados a necesidade de compatibiliza-lo desenvolvemento económico coa sostenibilidade ambiental e social.
Despois de recibi-lo premio en nome do Concello, Ramón Gato amosouse satisfeito ó ver que “as vilas pequenas tamén poden levar premios cando se teñen ideas e se plasman nun documento co compromiso de sacalas adiante”.
Neste senso cómpre destacar que As Pontes é a vila máis pequena que recibe este ano unha distinción da Fundación Fórum Ambiental. De feito, as outras oito premiadas noutras tantas categorías son xa cidades cunha poboación importante, como é o caso de Sevilla, Xixón, León ou Torrevieja. “Este premio dános azos para continuar traballando na mesma liña que vimos desenvolvendo desde o 1999”, indicou Ramón Gato esta mañá.
O Concello das Pontes fixo unha aposta decidida dentro do seu Plano Estratéxico de Actuación de cara a preserva-lo ambiente, fomenta-las enerxías renovables e busca-la xeración de emprego en base ás dúas premisas anteriores. Un exemplo son as instalacións solares e eólicas que se están a instalar na vila desde hai meses. O pavillón Municipal, a escola infantil, o Centro de Saúde e a Casa Dopeso xa posúen auga quente sanitaria gracias á forza do sol.
Nos Alimpadoiros e máis no polígono dos Airíos tamén existen paneis solares e muíños de vento para producir electricidade para o alumeado público. Ademáis, varios repetidores de televisión instalados polo Concello tamén funcionan con enerxía solar. Estes dispositivos colocáronos os alumnos do Obradoiro de Emprego Portorroibo, especializados en instalacións solares e eólicas de baixa tensión.
Algúns alumnos do obradoiro xa crearon a súa propia empresa, baseada nunha fórmula cooperativa. E é que o traballo cooperativo é unha das fórmulas de emprego sostible que promove o Concello por medio de cursos, xornadas e tamén axudas. “Soleiro”, adicada ás instalacións solares e eólicas; “Buxaina As Pontes”, xestora da escola infantil municipal, e outras iniciativas empresariais fundaméntanse precisamente na fórmula cooperativa.
No ámbito puramente ambiental, o Concello das Pontes tamén recolleu no seu plano estratéxico a necesidade de potencia-la preservación do contorno como fonte de atractivo turístico e de mellora da calidade de vida.
Xa están en marcha as expropiacións do carril bici e do paseo peonal que unirán próximamente as instalacións deportivas do encoro da Ribeira coa Vilavella. Trátase dun primeiro paso no proxecto de recuperación e posta en valor do Eume ó seu paso polas Pontes. Á súa beira xa se está construíndo o parque temático da Enerxía, que formará parte dunha cadea de museos (xunto co da Memoria e o do Laboratorio de Arqueoloxía) que utilizarán o río como fío conductor de cara a comprende-lo pasado, presente e futuro das Pontes.
Ademais, estase a negocia-la posibilidade de que a Planta TEL de Endesa sirva tamén para depura-los resíduos líquidos das Pontes para conseguir unha recuperación ambiental completa do cauce ó seu paso pola vila.
Todos estes aspectos e outros recollidos no Plano Estratéxico de Actuación foron os que valorou o xurado dos premios ECOMED que outorga a Fundación Fórum Ambiental e que lle valeron a As Pontes o recoñecemento como “Cidade Sostible con actuacións innovadoras no ámbito medioambiental”.
aspontes.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios