XV Feira dos Fungos e Cogomelos das Pontes

63

[RTVi-As Pontes] As Pontes prepárase para vivir este luns a décimo quinta edición da Feira dos Fungos e Cogomelos. O programa, que xa leva varios días na rúa, inclúe o tradicional concurso de cestas, exposicións, actuacións musicais, a Feira do mel artesán e como non a degustación popular.


A Concellería de Cultura confía en que este ano se presenten ó concurso de cestas da Feira dos Fungos e Cogomelos, alomenos corenta participantes. Xa o ano pasado se notara un crecemento importante no número de cestas presentadas a concurso, chegando á trintena, case o doble que non 2.002. E iso que este ano non está sendo nada óptimo para os cogomelos, debido principalmente á situación climática. E é que estas especies necesitan dunha condicións idóneas para saír.
A Feira dos Fungos e Cogomelos animou a moitos veciños a incorporar este producto á mesa. Hai dezaséis anos eran moi poucos os que consumían o chamado marisco da terra, e hoxe en día a súa presencia é habitual, como prato principal ou como guarnición. Pero este non é o único cambio que se produciu neste último período.
Outro cambio que se produciu foi o do concurso de cociña, que derivou hai dous anos nun curso de preparación de pratos con cogomelos. “Degustando Cogomelos”, polo éxito obtido nas dúas edicións anteriores impartirase este ano durante dúas xornadas, a do xoves día 4 de Novembro, e a do venres, 5. Novamente vólvese confiar este traballo, na profesora Catalina Fernández de Ana, micóloga de Hifas da Terra.
Para participar no curso “Degustando Cogomelos” é necesario inscribirse, na Casa Dopeso ata o martes día 2 de Novembro. Este ano vaise cobrar unha inscrición de cinco euros para sufraga-los gastos do material que se empregue no curso.
E volvendo ó programa previsto para o día de tódolos santos, non podemos esquecernos da degustación popular, unha das citas máis destacadas da Feira dos Cogomelos.
Da preparación dos pratos encargarase novamente o equipo de cociña da residencia xeriátrica La Magdalena, co restaurador Angel López á cabeza, faranse 1.000 racións e o seu prezo será de 6 euros. Outras actividades paralelas á propia Feira son as exposicións do Mercado Vello, a de Fotofungo e a de O Mundo da Micoloxía, a Feira do Mel artesán, o concerto folk a cargo do grupo Chiculate, e as actuacións musicias do grupo Os Trevillas e da Asociación Cultural Alende.
aspontes.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios