Sinatura de convenios con Asociacións

123

[RTVi-As Pontes] Hoxe venres o Concello das Pontes asinará os convenios de colaboración con 47 asociacións de carácter cultural, social e deportivo. A administración local investirá neste 2.005 máis de 280.000 euros no patrocinio dos programas e actividades que desenvolvan estas entidades. A súa sinatura contribuirá a favorecer aquelas iniciativas que fomentan a participación social, ó tempo que se amplía a oferta do Concello das Pontes, os servizos e a atención aos cidadáns e cidadás da nosa Vila.


A sinatura de convenios comezará ás catro e media da tarde no salón de actos da Casa Dopeso. Primeiro rubricaranse os convenios de colaboración coas asociacións de carácter social. A área de Servicios Sociocomunitarios repartirá este ano máis de 30.000 ? entre 8 asociacións. As entidades que se van ser beneficiadas son Abeiro e Adiante, na área de prevención de drogodependencias. A Acivros patrocinaráselle a realización dun taller de sexualidade e outro relacionado coa igualdade de xénero. Coa Asociación A Xanela conveniaranse as actividades enmarcadas no día do discapacitado e tamén varias charlas. Con Aspanaes, un taller de musicoterapia; e con Cáritas, un programa de lotes de Nadal e tamén axudas para situacións de emerxencia, para persoas necesitadas e para transeúntes.
A Concellería de Servicios Sociocomunitarios asinará tamén un convenio de colaboración coa asociación Afaes, unha entidade con sede en Narón, pero da que se benefician varios veciños das Pontes. E finalmente, prestaráselle axuda económica á Asociación de Viúvas das Pontes, en concreto subvencinaráselles un programa de promoción integral da muller, con áreas de traballo como o autocoñecemento, a autoestima, e a formación de mulleres.
En canto ós convenios culturais, a súa sinatura está prevista para as cinco da tarde, tamén no salón de actos da Casa Dopeso. A Concellería de Cultura investirá neste capítulo 73.144 euros. Patrocinaranse as actuacións da Asociación Cultural Alende, a Banda de Gaitas Alfaia, a Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes, a Coral Endesa, o Grupo Folk Muxarega, a Rondalla Vila das Pontes, e o grupo de música tradicional Os Trevillas, así como tamén as actividades do grupo de teatro “Que máis ten Teatro”, que ademáis de varias actuacións propón a organización dun taller de teatro.
Con Aga Eume conveníanse a realización das V Xornadas Apícolas do Eume e visitas guiadas á Casa do mel. Coa Asociación de Informática Amigus, dúas parties e mailos talleres de informática, e en colaboración coa Asociación Fotográfica Posición B faranse distintas actividades relacionadas coa fotografía.
Tamén son subvencionables as actividades propostas pola Asociación de Amas de Casa, que oferta programas relacionados co consumo, charlas-coloquio, e colaboración directa nas Feiras e Festas que se celebren nas Pontes. Coa Apa do Colexio Monte Caxado concértase a apertura ó público do Museo Etnográfico do Centro e coa coordenadora de Apas, convéniase a organización de actividades culturais e os obradoiros de Nadal e outros relacionados cos nenos.
Recibirán tamén unha axuda económica a Asociación Choiva Ázeda, que realizará actividades dirixidas á xuventude; e Radio Clube Eume, que organizará a 5ª cacería do raposo, as 24 horas de radio e unha exposición de equipos de radio.
Finalmente, a Concellería de Cultura subvencionará a dúas entidades que prestarán colaboración na organización da Feira Medieval, como son Lembranza da Vila e a Asociación Rodríguez de Valcarce.
Trala sinatura dos convenios culturais, entre as cinco e media e as seis da tarde, tocaralles o turno ás entidades deportivas. A área de deportes é a que maior partida presupostaria se leva, cun total de 177.000 euros, que serán repartidos entre 21 entidades deportivas, 13 escolas municipais e 8 clubes e sociedades. Entre estes últimos están o Clube Ciclista As Pontes-Vilalba, a Coordenadora de Apas Abrente, a Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria, o Clube de Tiro Pena da Revolta, o Clube de Karate Rembukan, o Clube de Hoquei a patíns As Pontes, o Clube de Rugbi Fendetestas e maila Asociación Local de Fútbol Sala. Tamén convenian co Concello para xestiona-las escolas municipais, entre outras actividades, os Clubes Danigal Rítmica As Pontes, o Xadrez As Pontes, o Grupo Pontés de Baloncesto, o Clube Sílex de Tiro con Arco, Patinaxe Bolboreta, o de Atletismo Olympo, o de Taekwondo Moo Duk Kwan, os Clubes náutico fluvial As Pontes e Folixa, o Clube de Natación As Pontes, o de Tenis, o Clube Deportivo As Pontes e o Grupo Xuvenil de Piragüismo.
Unha vez se asinen tódolos convenios de colaboración, o Concello procederá a entregarlles o 60% do importe da subvención e o 40% restante recibirano no intre no que xustifiquen a realización das actividades conveniadas.
www.aspontes.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios