Morren tódolos peixes da canle de alevinaxe da Venatoria

77

Preto de 20.000 alevíns de troita apareceron mortos na tarde de onte na canle da antiga central eléctrica de Prieto, ao carón da Fraga. Os responsables da Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria atoparon este triste espectáculo cando foron comprobar estado dos peixes que estaban a criar nese lugar.


Polo momento descoñécense as causas deste desastre. O que si se sabe é que só se salvaron da morte dúas ducias de exemplares.
Os cargos da Venatoria puxeron estes feitos en coñecemento da Garda Civil e tamén de Medio Ambiente, para que se proceda a investiga-las posibles causas deste suceso. Ademais, recolléronse mostras da auga en varias zonas: na propia canle, no río e tamén preto do encoro da Ribeira.
Agora haberá que agardar polos resultados desas análises para determinar se esta mortandade foi ocasionada por un verquido dalgunha substancia tóxica ou por algún accidente, o que semella agora mesmo o máis probable.
Este suceso bota por terra o proxecto da Venatoria para repoboar o río con troita, alomenos este ano. Hai varios meses fixeron obras na canle para ampliar a súa capacidade e logo puideron conseguir varios milleiros de alevíns que ata onte estaban medrando sen problemas.
Fonte: Vieiros

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios