2006 ázedo

71

Mañá sábado 17, ás 18 h na casa dopeso, presentación almanaque: “2006 ázedo” da asociación cultural choiva ázeda.

azedo.jpg


BREVE HISTORIA ÁZEDA
Estando a piques, de imprimi-lo almanaque que ten entre as mans, pensamos que quizais houbera xente que se plantexase de onde xurde e por qué. Con este pequeno texto, pretendemos dar algunhas respostas a esas posibles preguntas.
O Almanaque Ázedo, é unha iniciativa de “Choiva Ázeda”, asociación cultural creada nas Pontes en xaneiro de 2003, e que ten como principais obxectivos: ser un medio de apoio para todo tipo de representacións culturais da cidadanía pontesa, promove-la dinamización sociocultural e fomenta-la participación social, así coma ser un punto de encontro e reunión para tódalas persoas da vila con inquedanzas no eido da cultura.
Este almanaque, resumindo, xurde por 3 motivos: poder autoxestionarnos economicamente para este novo ano (outras vías de financiamento, son as cotas dos socios e a subvención anual do Concello); e os motivos menos materialistas serían: facer unha exaltación do corpo humano, como algo fermoso, como un obxecto artístico, en si mesmo; e por último, como non, facer algo divertido, xa que pasar un bo rato, é sempre, a finalidade que perseguimos en tódalas nosas actividades.
Dende a creación da asociación, téñense desenvolvido actividades de moi diversos tipos, pero como exemplo, enumeramos as seguintes: exposicións, charlas, xornadas de sensibilización (con invitados de Amnistía Internacional e Intermón-Oxfam), foros de debate (nas últimas eleccións autonómicas), ciclos de cinema, cursos de solfexo, cursos de tiro con arco, plantacións de especies arbóreas autóctonas, sendeirismo polo parque natural das Fragas do Eume, folións de San Xoán, concertos musicais, coorganización do II Nabiza Rock, participación na comisión de festas do Carme e a Fraga de 2003, intercambio cultural con outra asociación e unha viaxe a Polonia e á República Checa… son as accións máis destacables levadas a cabo ata o de agora.
Como comentabamos anteriormente, un dos nosos obxectivos é ser un punto de encontro entre a xente con motivacións culturais; isto podémolo lograr grazas ó noso local social (cedido polo Concello, e debido ó seu abandono, reformado por nós, nestes últimos anos). O local, sito na rúa Alimpadoiros, é o espazo que permite a existencia da asociación, sendo: local de ensaio musical, de reunións, de traballo e onde pasa-lo tempo libre, tanto para socios, coma para non socios, xa que é un lugar aberto a todo aquel que o desexe.
Actualmente, estase a preparar un sitio web, onde se poderán consulta-las próximas actividades nas que estamos a traballar; mentres tanto, pódese dispor de información da asociación na dirección: www.choiva-azeda.blogspot.com, ou escribindo ó noso enderezo electrónico: choivazeda@hotmail.com.
Para rematar prestaríanos, dárlle-las grazas a toda a xente que nos mercou este almanaque, e por suposto, ós nosos doce “modelos” e ó fotógrafo-deseñador, xa que coa vosa axuda, poderemos continua-lo camiño emprendido fai xa tres anos.
Saúdos ázedos para todas e todos. Desexamos que vos guste.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios