Política Territorial investiu 12,2 millóns de euros no acondicionamento da ac-564 entre Goente e As Pontes

45

Esta actuación mellora as comunicacións entre a comarca de As Pontes e a zona costeira do eixo Coruña-Ferrol
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2006.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes investiu un total de 12,2 millóns de euros no acondicionamento do último treito da estrada AC-564, entre Goente e As Pontes.

mapagoente.jpg


As obras, que hoxe foron inauguradas pola conselleira de Política Territorial, María José Caride Estévez, consistiron na mellora do trazado desta estrada entre as localidades de Goente e Piñeiral e a construción dunha variante á estrada AC-142 entre Piñeiral e a conexión coa AC-861(en As Pontes).
Trátase dun treito de 9,5 quilómetros de lonxitude que da servizo a preto de 17.000 habitantes dos concellos de As Pontes, Cabanas e A Capela. Así mesmo, esta actuación permitirá mellorar a conexión de As Pontes e os polígonos industriais da comarca coa zona costeira do eixo Coruña-Ferrol a través do acceso á Autopista do Atlántico, AP-9.
A principal característica desta vía é que conta cunha plataforma pensada para o tráfico pesado que xeran os parques empresariais da zona (Os Airíos, Pena Purreira e Vilar do Colo). Deste xeito, a calzada dispón de dous carriles de 3,5 metros cada un e dúas beiravías de 2,5 metros, é dicir, un metro máis que as estradas convencionais, o que permite aos camións estacionar nelas en caso de necesidade.
Co treito inaugurado hoxe conclúense as obras de acondicionamento de toda a estrada AC-564 que vai dende Cabanas ata As Pontes e que se caracterizaba por un trazado moi sinuoso e unha alta siniestralidade, polo que era necesario mellorar todo o seu trazado e construír unha variante entre Piñeiral e As Pontes.
Outras actuacións
Doutra banda, a CPTOPT está a acometer outras actuacións en materia de infraestrutura viaria na zona. Concretamente, a Consellería está a executar a Variante de As Pontes, unha estrada de nova construción que circunvalará o núcleo urbano polo Oeste evitando así a saturación do tráfico no centro da localidade. Trátase dunha vía de 3,6 quilómetros de lonxitude na que se están a investir 8,2 millóns de euros, estando previsto que as obras rematen no próximo mes de outubro.
Política Territorial tamén constrúe a nova estrada de conexión da AC-564(Cabanas-As Pontes) coa N-651 e a AP-9 á altura de Vilar do Colo. Esta vía, que está previsto que entre en funcionamento en decembro deste ano, ten 3,8 quilómetros de lonxitude e na súa construción invístense 10,56 millóns de euros.
Así mesmo, actualmente atópanse en execución dous treitos da futura autovía AG-64 entre Ferrol e Vilalba. O primeiro dos treitos é o de Espiñaredo-As Pontes, de 6,840 quilómetros de lonxitude no que se invisten 30,57 millóns de euros. O outro treito, de preto de 4 quilómetros de lonxitude, é o de As Pontes-Cabreiros, no que a Xunta inviste 52,64 millóns de euros.
Fonte: Xunta.es

También podría gustarte
Comentarios