Inaugúrase cun concerto o piano cedido polo ANPA ó Conservatorio

32

Hoxe ás 20.00 horas inaugúrase o piano cedido polo ANPA “O Eume” ó Conservatorio. A inauguración consistirá nun concerto de piano e uns pinchos ofrecidos polo ANPA “O Eume” a tódolos seus asociados.
O concerto de piano será a cargo de dous mestres do Conservatorio, Ernesto Gancedo e José Manuel Campello que interpretarán música de Beethoven, Schubert, Chopin e Montsalvage.
O programa de man do concerto é como segue…


Piano: José Manuel Campello
L. van Beethoven (1770-1827)
Sonata op. 53 “Waldstein”

I. Allegro con brio
II. Introduzione: Adagio molto
III. Rondó: Allegretto moderato
Adicada ó conde Ferdinand von Waldstein, esta sonata foi comezada en 1803 e rematada no verán de 1804. Nun principio Beethoven concibira unha sonata clásica en tres movementos, dotada dun andante con variacións na parte central; posterior mente excluíu este fragmento que substituíu por unha introdución ó rondó final.
Aparte da importancia obxectiva desta sonata -definida por moitos como un “coloso” aínda que só fora por ser a primeira sonata concibida para un teclado de extensión moderna-, ocupa, xunto á coetánea “Apassionatta” op. 57, unha posición simbólica no corpus das sonatas; por unha parte é o vástago compositivo das últimas op. 31 (e, en certos aspectos, tamén “o último froito da longa estación creadora”, con vintadúas sonatas ó lombo); e pola outra, o primeiro exemplo rematado do denominado segundo estilo (unha “sonata-bisagra” ou “pórtico da segunda maneira”, como foi definida xeralmente). A fusión de elementos tradicionais e rasgos innovadores, así como a respiración e liberdade dos desenvolvementos, a búsqueda dunha inédita dimensión tímbrica ou a explotación de inhabituais rexistros pianísticos, todo elo avalado por unha inspiración tan ardente como límpida, son os rasgos máis evidentes da linguaxe que dende este momento marcarán as páxinas vindeiras.
Ademáis de co nome do dedicatario, a op. 53 foi coñecida tamén co título de “Aurora”. Non se coñece a orixe exacto desta denominación debida verosimilmente á fantasía do editor, certamente non á de Beethoven.
Comentarios:
R. Wagner: “Esta sonata agrádame menos que as do primeiro período. (…) atopo o tema frío e ríxido; e eu non poido soportar a música fría” (!!!).
Boucourechliev: “Nesta obra non impresiona tanto a evolución da técnica pianística, de por sí xa bastante impresionante, como o pensamento musical, que se afirma de maneira drasticamente nova.”
Carli Ballola: “É vello o elemento virtuosístico ó Clementi, a base de escalas, arpexios de tresillos ou de catrillos de dezaseisavas, trinos e outros pasaxes ‘brilantes’, que reaparecen non obstante transfigurados nun máxico halo tímbrico grazas á xenial e inédita explotación dos rexistros pianísticos, acadando por momentos prodixiosos efectos dun impresionismo antes da letra.”
Casella: “Os primeiros compases parecen pertencer á orde do ‘ruido’ máis que ó da música; o facer xurdir paulatinamente dunha sonoridade caótica e lonxísima unha lumeirada de luz cegadora, tal é, na miña opinión, o sentido expresivo desta peza, que podería ter dado orixe perfectamente ó subtítulo de ‘Aurora’.”
Quittard: “Este curioso traballo, esta obstinación por extraer dunha melodía de base tan modesta e breve todo o que ésta pode ofrecer, sen delatar nunca esforzo nin fatiga, fan deste rondó un dos máis interesantes, ademáis dun dos máis complexos xamais escritos por Beethoven.”
Piano: Ernesto Gancedo
F. Schubert (1797-1828)
Tres Improptus da Op. 90 (D. 899):

Nº 1 en Do Maior (Allegro molto moderato)
Nº 2 en Mi b Maior (Allegro)
Nº4 en La b maior (Allegreto)
Obra do autor considerado como o primeiro romántico, esta colección de pezas (compostas a partir de 1827) recibiu o nome de Impromptus de forma poco axeitada na súa pubñicación. De feito un Impromptu é unha peza curta e de caracter improvisatorio, cualidades ambas que non se dan nesta colección. O caracter e a forma son moi heteroxeneos tanto na colección como dentro de cada peza, pasando do lirismo ó dramatismo, á instrospección ou a unha furiosa danza.
Ainda que non chegan á profundidade e calidade dalguna das sonatas ou da fantasía Wanderer co paso dos anos convertironse nunhas das obras para piano só máis interpretadas do autor.
F. Chopin (1810-1849)
Estudio nº 11, Op. 25 en La menor

Un estudo musical é unha breve composición feita para practicar unha destreza técnica en particular no execución dun instrumento, nembargantes os estudios de Chopin están pensados tamén para a súa interpretación en concerto e trascenden o simple entrenamento mecánico para dar lugar a duas coleccións de obras influidas polo afán de variedade do Clave ben Temperado de J.S. Bach. En cada caso, xunto coa práctica dunha parte máis ou menos concreta da técnica pianística, o autor fai unha verdadeira revolución da linguaxe sonora que emana directamente das posibilidades do instrumento e desenrola a súa sonoridade para conducir ó piano moderno do século XX,
Nos estudios Chopin descubre o verdadeiro potencial do piano para construir un mundo poético de cor e melodía.
No estudio Op. 25 nº 11 complementase un traballo de sonoridade e ritmo na man esquerda cun continuo de escalas cromáticas descendentes en cuartas e sextas quebradas na man dereita, dando unha impresión de vento furioso, contrastando coa imaxe máis lírica do autor.
Xavier Montsalvatge (1912-2002)
Sonatina pour Yvette

I.Vivo e spiritoso
II.Moderato molto
III.Allegretto
Xavier Montsalvatge, discipulo de Millet e Toldrá, formouse como pianista e compositor durante a Renaixença, un periodo de extraordinario impulso cultural e musical na Barcelona do principio do S.XX. Tras unha etapa de xuventude de primeiras composicións nos anos 30 faise profesor en barcelona e nas súas viaxes a París síntese atraido pola estética do grupo Dos Seis frances e por as obras de Stravinsky, ainda que tamén hai na súa obra unha gran influencia da música antillana (en especial cubana) que lle levou ó seu maior éxito: as Cinco Cancións Negras. Incansable compositor, crítico periodistico e profesor, foi un dos compositores españois máis respetados do século XX.
A filla do compositor cumpría dez anos cando este compuxo en 1962 a Sonatina para Yvette. Con motivo da estrea, Montsalvatge comentou que había pretendido “unha música axil e xuvenil, escrita co pensamento posto na miña filla, Yvette. No último tempo figura un tema de ronda musical infantil. Nembargantes, a obra, nin pola súa construcción en forma sonata nin polo seu estilo se aproxima ó que entendemos por música de nenos”.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios