Plataforma: Comunicado 6-11-2006

36

A Plataforma na Defensa do Círculo Lítico da Mourela, quere manifestar o seu descontento e preocupación, pola situación de abandono que se está a producir nas escavacións do círculo lítico, no concello das Pontes de García Rodríguez.
Recentemente a plataforma puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio, a necesidade de aportar tódolos medios técnicos e humáns dispoñíbeis para garantir a continuidade dos traballos arqueolóxicos durante os meses de inverno.


O tempo corre en contra do círculo lítico. A actual postura da Amdnistración contempla como única vía posíbel que o trazado pase sobre a Mourela, o que implica a súa destrucción. Ante esta alternativa a paralización das escavacións arqueolóxicas implican os perigos de sempre: que a COTOP diga que é moi urxente concluír o tramo que pasa pola Mourela.
O silenzo da administración fainos lembrar a mesma situación vivida o inverno pasado, cando por mor da inexistencia de medios e disposición, as escavacións estiveron paradas máis de catro meses.
Dende a Plataforma consideramos que se está a producir unha situación de certo descontrol. Por unha banda a Consellería de Política Territorial insiste na urxencia de que avancen as obras da autovía. Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio non adoptou unha resolución sobre a continuidade das escavacións. Esta continuidade pasa pola instalación dunha cuberta que permita protexer a escavación das inclemencias meteorolóxicas e a consecuente continuación dos traballos nos meses de inverno.
Esta decisión é fundamental para que as escavacións vaian a bo ritmo e non provoque un retraso na finalización da autovía.
Así mesmo a plataforma descoñece si o LIA Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas informou a Patrimonio da imposibilidade de continuar coas escavacións na situación actual e si este solicitou da administración o equipamento técnico necesario para proseguir coas tarefas de prospección arqueolóxica, pero en calquera caso a cubrición con lonas plásticas e neumáticos da superficie do xacemento por parte de membros do LIA a comezos de mes, fainos entender que cando menos non existe ningunha canle de diálogo entre o laboratorio e o departamento autonómico en este sentido.
Entendemos que as cousas non son tan complicadas. Os actores implicados deben entender que a autovía é unha infraestructura necesaria. Por diversos erros o seu trazado vai destruír unha zona arqueolóxica. Polo tanto é lóxico, que a Consellería de Obras Públicos, a de Cultura e o LIA se poñan de acordo para que as escavacións se finalicen no menor tempo posíbel, poñendo os fondo necesarios dos fondos públicos para que esa rapidez non implique un descontrol.
A situación de incertidume que se vive agora co tema do círculo lítico leva á Plataforma a pensar en novas medidas de presión para os vindeiros meses, co fin de provocar unha reacción positiva por parte de tódolos actores deste proceso, que permita dunha vez por todas completar a documentación do xacemento.
S.O.S. MOURELA!!!

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios