A TRADICIÓN ORAL DOS ESPAZOS MEGALÍTICOS EN GALICIA

81

A tradición oral dos espazos megalíticos en Galicia, Luís Gómez Souto 24-11-06
A terceira e última conferencia das III Xornadas de Estudos Históricos desenroláronse na biblioteca o pasado venres, coa presenza inestimábel do noso gran amigo, Lois Gómez Souto, Licenciado en Humanidades.
Da súa man descubrimos a tradición oral arredor dos restos prehistóricos do megalitismo galego.


Introduciunos primeiro nas orixes léxicas dalgúns conceptos que ía empregar ao longo da conferencia. Moitas das palabras cultas que empregamos hoxe en día son formas que callaron no XIX e que se tomaron do bretón por creren os intelectuais que o fenómeno megalítico era celta. Deste xeito dolmen (bret. “taol” mesa, “maen” pedra), menhir (bret. “maen” pedra, “hir” longa) ou cromlec’h (bret. “krom” curvo, “lec’h” lugar), ao mesmo que túmulo (lat. “tumulus”, outeiro, sepulcro de terra amoreada), son en realidade termos cultos fronte aos termos galegos aínda moi usados hoxe en día.
Feita esta introducción abordou o tema das lendas sobre os Mouros e sobre os Encantos que hai no folclore galego. Os mouros eran a raza que a lenda sitúa como primeiros habitantes de Galicia que foron expulsados polo Santiago Apóstolo tras do que moitos se refuxiaron nos castros e nas mámoas xunto coas súas riquezas. Estes tesouros que o imaxinario popular situou nas mámoas levou ao clérigo Vázquez de Orxás a solicitar permiso, no século XVIII, para explorar os sepulcros dos “gentiles galigrecos” e recuperar os seus tesouros. Felipe III autoriza o espolio a cambio de que comparta os beneficios coa coroa. Esta iniciativa suporá o espolio de milleiras de mámoas galegas, xa que son moitos os que seguen o exemplo e espolian mámoas pola súa conta. E os tesouros dos xentís non aparecerían endexamais.
Varios autores supoñen que a primeira referencia á crenza de que os mouros, habitantes míticos de Galicia, vivían soterrados cos seus tesouros está no Códice Calixtino, século XII, cando se afirma que o reino era rico en ouro sarraceno. Estes sarracenos, como popularmente son coñecidos os mouros míticos, evidenciarían a crenza nuns seres primixenios que agochaban tesouros, xa que dende logo os sarracenos históricos non deixaron fabulosos tesouros no noso reino.
Seguidamente tocou un tema que estudou maxistralmente o etnógrafo galego Fernando Alonso Romero. Nas crenzas galegas e británicas aparece unha figura mítica, unha vella, a quen se lle atribúe a construcción dos megalitos e da paisaxe. Esta vella que nuns casos aparece tamén como meiga, doncela ou moura xigante, sería a encargada de carrexar os menhires unhas veces na punta do dedo meñique, outras veces na cabeza e sempre voando polo aire e incluso fiando, claro que isto é o que din as distintas versións recollidas en diferentes países do arco atlántico.

luisgomez.jpg

Xa para rematar e logo dunha rolda de preguntas a cerca das supostas relacións coa cultura celta e outros exemplos de mámoas na Península Ibérica, dende Hume quixemos agasallar a presenza do noso amigo Lois facéndolle entrega dunha reproducción do recentemente desaparecido vaso campaniforme de Veiga da Vilavella, agradecendo tamén a tódolos presentes a súa asistencia e destacando o gran seguimento que ano tras ano acadan as xornadas.
Xa andamos a pensar nas IV.
Agradecementos: Biblioteca Municipal das Pontes, Carlos Breixo Rodríguez, Xosé Luís Novo Cazón, Luís Gómez Souto, Luís Díaz-Faes Santiago, Asociación Informática @migus, Asociación de Veciños do Aparral, Asociación de Veciños do Freixo, RadioEume, Tvaspontes e a todos en xeral.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios