ADEGA PRESENTA UNHA ALTERNATIVA PARA SALVAR O CÍRCULO LÍTICO DA MOURELA

42

ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio de As Pontes veñen de presentarlle á Xunta un proxecto para a construcción dun túnel na autovía Ferrol-Vilalba que evitaría a destrucción do Círculo Lítico da Mourela, un conxunto megalítico único en Galiza. A D. X. de Patrimonio xa amosou o seu apoio a esta alternativa, viábel técnica e económicamente. Só falla que a D. X. de Obras Públicas amose a mesma sensibilidade na conservación da nosa herdanza cultural.


As obras da autovía Ferrol-Vilalba están arestora paradas á altura do polígono industrial dos Airíos (As Pontes) á espera de que Patrimonio remate as prospeccións arqueolóxicas na zona. Sería lamentábel que, unha vez máis, a conservación da nosa herdanza cultural ficara nun segundo plano, e que os servizos arqueolóxicos da Xunta tiveran que limitarse a levantar acta da desfeita, facendo de forenses dun patrimonio sacrificado a maior gloria das infraestruturas.
O proxecto desta obra, que data do ano 2000, non considerou como se merecía o excepcional valor deste xacemento, único en Galiza e “descoberto” por Federico Maciñeira a principios do século XX. No estudo de impacto, redúcense considerábelmente os perímetros de protección, considerando só de xeito illado algunhas das mámoas da necrópole e ignorando o círculo lítico que se dá por desaparecido. O trazado da autovía proxéctase pois sobre este elemento, a pesares de figurar nas normas subsidiarias da provincia da Coruña e estar catalogado polo Concello de As Pontes.
Alén disto, o polígono industrial anexo (os Airíos) acabou por destruir no seu momento (1996) parte do conxunto, incluíndo outro círculo lítico máis pequeno e algunhas mámoas situadas ao nordeste do monumento maior. Arestora, este importantísimo conxunto megalítico é só a sombra do que foi no pasado, e dos dous círculos líticos (ou cromlechs), monumentos moi raros en Galiza, é certo que pouco queda xa. Pero trátase das nosas pedras e da herdanza dos devanceiros á que non podemos nen debemos renunciar.
Por iso, dende ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes coidamos que cómpre facer todo o posíbel para conservar este monumento. E persuadidos disto, vimos de presentar á administración un proxecto para evitar a consumación da desfeita. Trátase dun túnel que, aproveitando os desmontes xa feitos, pasaría baixo o conxunto megalítico. Esta obra é técnica e económicamente viábel (non supera a marxe legal de incremento do orzamento) e conta co visto bó da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que nun primeiro momento xa expuxera unha alternativa similar á CPTOP.
A decisión está, xa que logo, nas mans da CPTOP. ADEGA e a Plataforma coidamos que sería un erro imperdonábel non considerar sequera esta alternativa. É obriga das administracións tentar harmonizar a conservación do noso patrimonio (natural, cultural, arqueolóxico…) co desenvolvemento económico e social. Niso consiste o desenvolvemento sustentábel. O contrario suporía perpetuar as políticas depredadoras e insolidarias das que en Galiza en xeral e nas Pontes en particular xa tivemos dabondo.
ADEGA

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios