Patrimonio apoia facer un túnel na autovía para salvar o círculo lítico

42

[La Voz de Galicia] Non hai nada monumental alí, pero ten moito valor arqueolóxico porque é un xacemento importante dentro da prehistoria galega». Deste xeito defendeu onte o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, a continuación das escavacións no círculo lítico da Mourela, en As Pontes, traballos que mentres duren non permitirán o avance das obras de construción do penúltimo tramo da autovía Ferrol-Vilalba.
Arias adiantou que pronto comezará unha nova fase da investigación, que se desenvolverá baixo cuberto, anunciou, para que os traballos prosigan aínda que chova. O traballo de campo leva parado fai varias semanas debido as precipitacións.


Ante esta nova etapa das escavacións abrénse dúas incógnitas importantes: ¿canto durarán os traballos? e ¿que pasará despois co círculo lítico e coa autovía? Arias non ten resposta para a primeira pregunta. Para a segunda, tampouco, porque dependerá do resultado final das escavacións: «Poden aparecer cousas que deberían conservarse, pero non o creo».
Pese a isto, o director xeral de Patrimonio é partidario dunha solución final que permitiría conservar o círculo lítico e continuar as obras da autovía: a construción dun túnel por debaixo do xacemento polo cal discurriría a nova infraestrutura viaria. Esta proposta acaba de facela a asociación ecoloxista Adega e a plataforma social en defensa do círculo lítico. Estas entidades recoñecen que do círculo «pouco queda xa, pero trátase das nosas pedras».
Felipe Arias indicou que Patrimonio propuxera fai un ano a alternativa do túnel na Mourela, opción que daquela non aceptou a Consellería de Política Territorial. Onte, este departamento presidido pola socialista María José Caride declinou facer unha valoración oficial sobre o túnel.
En todo caso, esa reforma no trazado da autovía precisaría dunha modificación do proxecto construtivo, un trámite que alongaría aínda máis a obra do tramo a Cabreiros.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios