A Xunta aproba Plan a prol de Sw Libre e Estándares Abertos

71

Lendo agnix.org:
“O PEGSI (Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información) nace para promover todos os avances técnicos e culturais que coloquen a Galiza como un país totalmente inserido na Sociedade da Información.
Este plano asume a responsabilidade de actuar pola vía da implicación xeral das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos para contribuír ao desenvolvemento sustentable do país, compatibilizando o crecemento económico coa creación de emprego de calidade, xerando un maior benestar, igualdade e cohesión social do territorio e da cidadanía.”…


…”O futuro da cultura galega no ciberespazo
A aposta polo crecemento e o emprego basearase no potenciación das TIC, por unha banda, como medio para construír unha economía galega competitiva e, pola outra, como vehículo que garanta a presenza da identidade cultural galega na Sociedade da Información, conformando unha oferta de servizos e contidos nas plataformas converxentes que impulsen os niveis de uso.
Oito estratexias operativas
O PEGSI conta con oito estratexias operativas, tres delas transversais (as denominadas infraestruturas para a Sociedade da Información; interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto; e contidos e servizos), catro verticais (desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información; aplicación das TIC polo tecido empresarial; servizos públicos de calidade; e inclusión e sustentabilidade), e unha estratexia instrumental, que será a empregada na xestión das políticas públicas da Sociedade da Información.
O Plano Estratéxico Galego para Sociedade da Información, ademais, ten un carácter orientativo, non prescritivo, que servirá de marco fluído e dinámico de aquí ao ano 2010 e que se complementará cos planos directores sectoriais, cos operativos anuais, cos orzamentos e coas políticas europeas neste ámbito de actuación.
O PEGSI está orientado cara á creación de contidos propios, como axente tractor da Sociedade da Información e do Coñecemento, xa que isto promove tanto a consolidación dunha industria galega das TIC, como o fortalecemento dos elementos identitarios da cultura do país.
O Plano foi debatido co sector
A aprobación no Consello da Xunta físoxe despois de que lle dera o visto bo a Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información e do Coñecemento e logo de ser debatido cos representantes das empresas do sector, colexios profesionais, expertos, universidades e resto de administracións.
Motivacións e obxectivos específicos
De acordo cos principios establecidos no devandito marco europeo de interoperabilidade, a estratexia de implantación de servizos de goberno electrónico baseada na interoperabilidade virá complementada polo pulo ao emprego do sóftware libre na Administración galega.
O factor da seguridade é unha das razóns máis importantes polas que a Administración galega debe ser quen de desenvolver aplicacións de sóftware de código aberto, xa que a propia lexislación establece a obriga de adoptar as medidas de natureza técnica e organizativa que garantan a seguridade dos datos de carácter persoal e eviten a súa alteración, perda, tratamento ou acceso autorizado. Un valor engadido do sóftware aberto consiste en que quen o adquire ten a posibilidade non só de detectar erros senón de corrixilos, aspecto de máis difícil resolución no sóftware propietario onde existe unha forte dependencia do provedor.
Pero tamén existen outras motivacións non menos prioritarias: o sóftware aberto é unha oportunidade para o desenvolvemento dun tecido empresarial emerxente en Galiza que pode vir potenciado pola colaboración coas universidades galegas e a creación de comunidades de cooperación TIC, permitindo xerar estratexias de innovación máis a longo prazo. Ou que o custo de compra, desenvolvemento e implantación é máis económico o que facilita a súa incorporación por parte daquelas unidades administrativas con menos recursos. Tamén é un medio facilitador da normalización do galego no ámbito tecnolóxico, xa que ten máis posibilidades de inserirse por non depender da vontade da empresa propietaria do sóftware para facelo.
Descrición
É necesario acometer, en primeiro lugar, unha análise que determine cal é a vía de actuación máis axeitada para incorporar paulatinamente o Software Libre como elemento de referencia nos sistemas informáticos da Administración galega desde os postos de traballo até os servidores e o desenvolvemento de aplicacións resultando en actuacións e prazos concretos de implantación.
Unha vez realizada a análise estratéxica é necesario poñer en marcha aquelas iniciativas e procesos de migración, desde os máis simples ata os máis complexos, que faciliten a súa total incorporación, así como aqueles mecanismos que o promovan: valoración nos concursos públicos, inclusión nos temarios dos concursos-oposicións…
Actuacións
* Elaboración viabilidade e da estratexia de incorporación do sóftware libre nas plataformas tecnolóxicas da Administración
* Desenvolvemento do posto de traballo/escritorio estándar soportado en programas ofimáticos de sóftware libre
* Implantación de solucións baseadas en código aberto a nivel de servidor
* Implantación e desenvolvemento de servizos públicos electrónicos baseados en plataformas de código aberto.
Axentes
* C. de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; C. de Innovación e Industria
Tes o PEGSI completo aquí. “…
Fonte: agnix.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios