Comunicado 31/01/07: A BUROCRACIA E O DESLEIXO PODEN ACABAR COA MOURELA

40

Boas palabras, pero poucos feitos e balóns fóra agoiran un futuro pesimista para o xacemento
As Pontes, 31 de xaneiro. No día de onte, tivo lugar a agardada entrevista co Director Xeral de Obras Públicas, Sr. Morato, para coñecer a opinión do seu departamanto encol do proxecto presentado por ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes para salvar o círculo lítico da Mourela. Lembremos que este proxecto propuña a construcción dun túnel en troques dunha trincheira que arrasaría o xacemento e fendería a zona arqueolóxica veciña.

mourela.jpg

Lamentábelmente, logo desta conversa temos que dicir que a destrucción da Mourela está hoxe máis perto. Nun exercicio de confusionismo, inconcreción, e burocracia mal entendida, o Dir. Xeral de Obras Públicas manifestounos a súa intención de continuar co proceso administrativo en marcha, isto é, de executar o proxecto previsto inicialmente.


A respeito do proxecto técnico alternativo, a D. X. de Obras Públicas valorou positivamente a proposta, indicándonos que o estudo é completo e rigoroso. No entanto, entende que resultaría imposíbel a sua execución por razóns que non acabaron de concretar. O seu discurso non abordou en ningún momento a cuestión de fondo –compatibilizar a infraestrutura coa conservación da Mourela- senón que incidía reiteradamente sobre aspeitos formais, concretamente a escrupulosidade do procedemento administrativo que a Xunta “leva facendo dende hai anos” sic. Alén disto, por parte desta D. X. insistiuse en que o procedemento está supeditado ás actuacións que a D. X. de Patrimonio está a realizar no marco da prospección arqueolóxica regulamentaria.
Dende ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes lamentamos a falta de compromiso da D. X. de Obras Públicas coa conservación deste elemento patrimonial sobranceiro, máxime cando sería técnicamente posíbel e económicamente viábel levar adiante a alternativa do túnel, harmonizando o desenvolvemento territorial co respecto ao noso Patrimonio Histórico. Así o recoñeceu no seu momento a D. X. de Patrimonio que acolleu favorábelmente a proposta do túnel, amosando o apoio á alternativa de ADEGA e a Plataforma.
Desgrazadamente, as esperanzas criadas están a piques de frustrarse pola miopía da CPTOPV. Non entendemos a cerrazón do departamento de Obras Públicas máxime cando o seu titular, o Sr. Morato, a respeito dun caso similar (Castro de Montealegre) declarou: “Esta presenza de elementos patrimoniais influi na elección do trazado definitivo, xa que, entre outros factores, buscouse minimizar a afección da obra sobre o patrimonio cultural. Esta circunstancia supuxo, incluso, a substitución da trincheira inicialmente formulada na zona do Castro de Montealegre por un túnel. Compatibilizar e harmonizar este desenvolvemento coa preservación do medio ambiente natural e cultural é, non só unha obriga das institucións, senón un dereito da sociedade presente e futura”. Revista TAPA, nº 35 (2003). Daquela, cambiouse o proxecto para “minimizar a afección da obra sobre o patrimonio cultural”. Agora, só se aducen motivos burocráticos e administrativos para sacrificar unha das xoias do noso patrimonio arqueolóxico, lembrado con esta actuación o desleixo e o desprezo polo propio que amosou a anterior administración.
Entendemos que un responsábel público non se debe limitar únicamente a respectar os procedementos regulamentares fixados na normativa vixente. Cómpre capacidade de decisión e vontade política para apostar por alternativas sustentábeis e respectuosas que permitan harmonizar o desenvolvemento co respecto ao noso patrimonio natural e cultural. É o que a sociedade galega demanda e o que vai seguir defendendo ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes.
ADEGA
Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios