CASAS ANTIGAS DA VILA (II): A CASA DE EUGENIA PRIETO PENABAD E ANTONIO MOSTEIRO LÓPEZ.

209

Don Antonio Mosteiro López naceu no 1871 en San Xoán de Pena, Lugo, era “industrial” e descendente dunha familia de moitas leiras. Casou en As Pontes con dona Eugenia Prieto Penabad onde quedou a residir na casa que hoxe quixen presentarvos.
Ata nós chegan diferentes datos dos seus traballos. Sabemos, polo libro de fábrica, que en 1918 fixo obras na Igrexa de A Vilavella, e que tamén o estaba a facer na Igrexa de As Pontes, polo que se di que: “Don Antonio Mosteiro Maestro de obras de la Villa de las Puentes”, percibe 2.100 pts”. As obras consistían fundamentalmente, neste caso en falsos teitos de “barrotillo”,que recentemente foron eliminados, pero que formaban nos dous templos as súas sendas bóvedas.

casa-mosteiro_ban.jpg


FOTO DE DON ANTONIO
antonio-mosteiro-lopez.jpg

Don Antonio Era fillo de don José Mosteiro Eiras e dona Teresa López, que tiveron cinco fillos entre os que estaba don Antonio. Estos fóron, e nesta orde (de maior a menor): María Manuela, Ramón, Antonio, Carmen i Estrella.
ARBORE XENEALÓXICA DOS MOSTEIRO
genealogia-mosteiro.jpg

Eran netos de Don Pedro Mosteiro López, casado con Angela Eiras, que tivo catro fillos, o citado José Mosteiro, Manuel Mosteiro Eiras que casou con Antonia Porto (tiveron catro fillos Antonio, José, Ramón, María Dominga), Ángel e María Dominga.
Eran bisnetos de Pedro Mosteiro López, casado con Ángela Eiras, irmán de Catalina Mosteiro López e Dominga Mosteiro López.
E tataranetos de Manuel Mosteiro López e María López.
Casa Familia Mosteiro na procesión do Corpus en 1930. No balcón as nenas Maruja, Mª Ángeles e Pirucha
casa-mosteiro-vella.jpg

A forte herdanza familiar pasou a mans de don Ramón, por unha clausula de indivisión que o facía distribuidor de certas cantidades ós seus irmáns, deixadas para o caso polos seus pais. Á hora de repartir don Ramón entregou 5.200 reais máis cen pesetas a don Antonio. O documento en que así se fixo di:
DOCUMENTO ORIXINAL DAS 1400 PESETAS RECIBIDAS POR ANTONIO MOSTEIRO
escrito.jpg

“El que suscribe D. Antonio Mosteiro Vecino de Puentes de García Rodríguez Confieso haber recivido de mi hermano D. Ramón la cantidad de cinco mil doscientos reales que buenamente me entregó de la legitima de nuestro difunto padre además de las cien pesetas que figuran en la escritura otorgada en el día de hoy cuias dos cantidades hacen un total de Mil cuatrocientas pesetas y para su satisfación le firmo el presente recibo en Lugo á dos de Febrero de Mil nuevecientos seis =enmiendo Febrero= Vale.
Antonio Mosteiro
Conforme.
Ramón Mosteiro”

Don Ramón, será tamén o representante dos dereitos dos seus tíos sen descendencia Ángel e María Dominga, aquiridos en escritura o 21 de Maio de 1902.
O seu pai, José Mosteiro, vivía en San Xoán de Pena, Lugo, e otorga testamento o 22 de Novembro de 1895, era labrador, pero cunha inxente cantidade de leiras das que se garda grande número de documentos, e natural da mesma parroquia.
A primeira irmá de don Antonio, María Manuela (nacida en 1860), era monxa profesa “del Santo Ángel de la Guardia en el Monasterio de Huelva”. Ramón era solteiro, medio mestre de obras e carpinteiro, i estaba avecindado en Lugo. Antonio contraera xa matrimonio en As Pontes en 1895. Carmen e Estrela estaban solteiras na casa dos pais en San Xoán de Pena.
Na familia existían antecedentes vocacionais nun parente chamado tamén, Manuel Mosteiro, que fóra tonsurado o 18 de Febreiro de 1830, e encargado dunha Capelanía de relación á Capela do Santísimo na Catedral de Lugo.
crego-dos-Mosteiro.jpg

Don Ramón Mosteiro López vivía en Lugo, na rúa San Roque, número 46 e foi o grande destinatario dunha forte herdanza de terras e propiedades.
documentos-antigos-da-casa.jpg

Don Antonio Mosteiro López afincará en As Pontes, casando con dona Eugenia Prieto Penabad. Tivo seis fillos: Concepción, Ramón, Antonio, Constantino, Aurelia e María. O seu fillo, Antonio Mosteiro Prieto, marchará moi xove para Cuba, contraendo matrimonio coa cubana Dona Evangelina Francés Campos. Coa revolución de Fidel a familia verase obrigada a regresar. Xa non hai grandes terras nin propiedades, pois as herdanzas foron quedando noutros vástagos, especialmente nos do Ramón de Lugo. Queda unha casa agardando algún tipo de axuda para ser reparada.
casa-mosteiro.jpg
casa-mosteiro1.jpg

Hai poucos anos que lembrabamos, co gallo das Letras Galegas, a figura de Xaquín Lourenzo. Na súa obra sobre a casa en Galicia, nos ensinaba a mirar con agarimo cada unha das nosas antigas casas.
As Pontes está todavía a tempo de conservar moitas das súas edificacións máis significativas e senlleiras.
Con este artigo poño fin a unha serie de 62 que semanalmente viñeron saíndo dende hai un ano tódolos luns. Forman parte do crebacabezas da historia dunha vila que está a recuperar a súa memoria. Quixeron ser o meu gran de area no medio de tódolos traballos que se están a facer. Foi un esforzo por achegar algunhas das fontes que están á miña man a disposición de todos.
Penso que é momento dun descanso, así coma de organizar boa parte deste material para varias publicacións escritas.
Quero agradecervos a todos o voso seguimento dos artigos, ás veces densos en datos e documentación, pero que tiñan como intención presentar o tema do xeito máis completo que puiden.
Agradecer especialmente a CYBERMODE a súa paciencia para organizar os documentos e a información que cada semana lle ía enviando. Desexarlle todo o mellor do mundo nesta nova etapa feliz que está para comezar na súa vida.
A AMIGUS, unha asociación informática que vin nacer cando vivía en As Pontes e que me pareceu moi interesante dende os primeiros momentos, que tén todo o necesario para ter unha web exemplar. Entre outras moitas cousas pola continua actualización, creatividade e constancia. Dende estas terras de don Alvaro Cunqueiro, dende as que ó longo dun ano vos escribín con agarimo, deséxovos que continuedes durando mil primaveras máis.
Ós amigos do Círculo Lítico, que ainda que a inquedanza pola historia e o patrimonio ma ensinaron outros en Viveiro hai anos, e ainda que a escribir tampouco me ensinaron, sí o fixeron a firmar e seguir firmando…
Xabier Martínez, nos derradeiros intres do Círculo Lítico.
Saúdos á Mourela. Ata sempre.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios